Moncho Iglesias Míguez é o gañador do XV Premio Johán Carballeira de Xornalismo, que concede o Concello de Bueu, por unha crónica dun viaxe a Corea do Norte publicada en febreiro de 2017 na revista Tempos Novos. A nova do galardón colleuno en Bangladés, onde está a dar clase de castelán. Desde alí atendeu a FARO para explicar a súa experiencia. Agarda regresar a Galicia no mes de xuño para poder recoller o seu premio.

- A boa nova o colle un pouco lonxe de Galicia. Que significa para vostede a concesión deste premio xornalístico?

-Si, estou en Bangladesh a dar clases e aquí recibín a boa nova. Antes de nada é emocionante sentir valorado o traballo. Isto anima a seguir a escribir, porque a idea é compartir eses escritos e esas imaxes, poder achegar esas cousas que vexo a outra xente. Dende logo, é unha honra, polo recoñecemento e por levar o nome dunha persoa tan interesante como é Johán Carballeira.

- O traballo co que se presentou é unha especie de crónica de viaxe a Corea do Norte. Como xurdiu a posibilidade de viaxar a un país que está considerado como o máis hermético do mundo?

-Viaxei a Corea do Norte en febreiro de 2016, polo aniversario de Kim Jong-il [pai de Kim Jong-un, o actual líder supremo do país]. Gústame viaxar e coñecer outras culturas. Daquela vivía en China, onde daba clases, así que durante eses dous anos alí aproveitei para viaxar polo país. Corea do Norte estaba preto e era unha boa posibilidade. Non hai sitio que non me atraia, porque todos teñen o seu aquel, aínda que tamén é certo que hai lugares que, polo descoñecido e porque son ben curioso, provocan un maior efecto imán. De Corea do Norte sabía o que se podía ler na prensa ou nalgún documental, e case sempre se repetía o mesmo: un país impenetrable e triste, con moita miseria e perigoso. Sabía que había viaxes e que era posible ir, mais era moi caro, así que unha vez en China comecei a buscar a posibilidade de ir. Contactei cunha axencia, pedín información e lin máis, e non houbo problema. Eles se encargaron de conseguir o visado e logo foi todo doado: fun en tren dende Chongqing, no centro-sur da China até a fronteira con Corea do Norte.

- Con que referencias e expectativas viaxaba?

-Amais de curiosidade xa había algo de medo, porque, como xa dixen, non hai moita información sobre o país, pero fieime totalmente de dous grandes xornalistas: Rosa María Calaf e Guy Delisle. Rosa María Calaf encántame dende pequeno, por esa voz que chegaba dende a distancia e logo polo que contaba. E Guy Delisle é un novelista gráfico marabilloso que conta as súas estancias polos sitios por onde va dun xeito realista, sen fisuras, como os seus ollos o ven. En certo sentido foi iso o que tratei de facer eu na crónica: unha fotografía en palabras do que eu vin en Corea do Norte. Non podo xustificar nin criticar nada porque só estiven dez días e nese tempo non dá como para facerse especialista en nada, pero si dá para explicar o que eu vin e calar sobre as cousas que non vin e non sei se existen ou non. Por iso, a crónica explica un pouco esa viaxe, onde hai cativos corricando polas rúas, xente a pasear ou a xogar ós bolos ou nalgúns dos espectáculos que había neses días de celebración polo aniversario de Kim Jong-il.

- Conseguir o permiso de entrada no país non é nada sinxelo. Por que lle interesaba visitar Corea do Norte?

-O certo é que o permiso foi ben doado. Pensaba que sería complicado, pero simplemente polo que se conta; a min non me custou nada facelo. Paguei polo visado e ós poucos días xa tiña o permiso de entrada. Interesábame viaxar a Corea do Norte polo pracer que me provoca viaxar: por ir en tren por media China para chegar a esa outra parte do mundo tan distante en todos os sentidos e por coñecer por min mesmo o país. A súa xente, como se moven, como visten, como toman café, que non toman... Ver, en xeral, como é o día a día da súa xente, amais da paisaxe e mesmo a literatura. Aí, tamén conseguín algúns libros. Non hai moitos, pero si atopei algunha libraría e merquei algúns libros de contos tradicionais e gustáronme.

- Cal é a realidade que puido ver? Parécese a que se ve nos medios ou o sorprendeu?

-Nalgúns casos, hai crónicas escritas dende a distancia, o cal dificulta a veracidade do que se di. Xusto cando fun alá saíron unhas reportaxes nun xornal onde a persoa que escribía semellaba ter moito medo e onde contaba cousas que non parecían congruentes. Falaba de campos de concentración, aínda que non os puido ver, e de que non podía saír do cuarto do hotel, aínda que despois si comentaba como vía certas crueldades. De quen si me fío e do que conta Guy Delisle na súa novela gráfica "Pyiongyang", que por certo acaba de sacar Rinoceronte, outro grupo de xente que fai un traballo excelente dende O Morrazo. Realmente, o que debuxa e conta é certo. A verdade é que o que máis me sorprendeu foi a tranquilidade. O principio, ó cruzar a fronteira tiña certo medo; pensaba que ía topar un país totalmente militarizado e no que non se podía un nin mover nin falar, mais non é así. Sorprendeume ver a xente camiñar con calma, moitos en bicicleta, e que case non houbese coches. Todo está moi limpo e podes moverte, mesmo dar algúns pasos só e ver á xente e incluso intercambiar miradas. Outra cousa que me sorprendeu foi o frío: chegamos a -15C e por momentos pensaba que me caían as orellas!

- Puido moverse con certa liberdade e falar coa xente?

-Estiven todo o tempo no mesmo hotel, que está no medio dunha illa. De aí podiamos movernos cos guías mais os acompañantes e íamos ver sitios diferentes. Nesas visitas podiamos falar con outra xente, pero hai unha barreira idiomática e cultural que impide falar con todo o mundo. Amais, non ten sentido esixir un sorriso dunha persoa que non coñeces de nada, nin pedirlle palabras nin agarimos. Así que, nese sentido, a imaxe que levo da xente é de xente tranquila.

- Nas últimas semanas parece que se abriu unha especie de vía de disensión co cumio entre os mandatarios das dúas Corease a próxima reunión entre Corea do Norte e EE.UU. Que valoración fai destes novos acontecementos?

-Paréceme bo calquera achegamento e diálogo. Penso que é necesario, pero tamén creo que é necesario que esixamos o mesmo para todos e pedir compromisos a todos. O descoñecido danos máis medo porque non sabemos como atacalo, por iso me parece necesario que se esixa a todas as partes a eliminación da violencia e do asedio imperialista, teña o tamaño que teña dito imperio.

- Parece bastante viaxeiro. Xa estivo tamén dando clase en Palestina. Como escolle os seus destinos? Xa ten elexido o seguinte?

-Seica si. Gústame viaxar, si. Antes de Bangladesh dei clases en China, Palestina, India, México, Portugal e tamén Galicia. Amais, en Irlanda e en Inglaterra traballei na hostalaría. E en todos eses sitios, alén de traballar puiden coñecer os lugares onde vivía e enraizar tamén. As próximas viaxes serán a Galicia e Bután. De traballo, de momento sigo aquí, onde aínda me quedan zonas por percorrer.