O Correlingua de Bueu ía a ser o primeiro deste ano en Galicia. As adversas condicións meteorolóxicas que se agardaban para o mércores obrigaron a mudar a data e trasladar esta multitudinaria celebración a onte venres. Xa non foi o primeiro Correlingua deste 2018, pero iso foi o de menos. O importante foi xuntar a 2.000 rapaces e rapazas, desde educación infantil ata secundaria, que encheron Bueu cun berro unánime a prol do galego. O lema deste ano era "A lingua non para", extraído do manifesto que se vai ler en todos os Correlingua que se celebren este ano. Unha declaración a ritmo de rap feita polo alumnado do IES Antón Fraguas: "Queremos que che quede claro/ que o galego hai que falalo/ Así que na escola,/ na casa ou na rede,/ recorda,/ a lingua non para!".

Este ano o Correlingua do Morrazo retornou ao lugar onde naceu, en Bueu, e a partir das dez da mañá comezaron a chegar o alumnado dos 20 centros educativos que este ano tomaron parte nesta marcha que xunta diversión, xogos, reivindicación e defensa do idioma propio. O punto de encontro foi a Praza Massó, en pleno corazón da vila. Os máis pequenos ficaron alí desfrutando de obradoiros e de xogos, mentras que o resto participaron nunha marcha que percorreu a rúa Johán Carballeira, As Lagoas, a rúa José María Estévez e regresou ao lugar de saída por Eduardo Vincenti. Pouco antes das 11.30 horas xa volvían a estar todos xuntos na Praza Massó para desfrutar da segunda parte do acto, que foi conducido pola regueifeira Alba María. Un grupo de mozos e mozas do IES Johán Carballeira encargáronse de ler o manifesto, que entre outras cousas proclamaba: "Sexas de Santiago,/ de Viveiro ou de Tui./ Veñas da Coruña,/ de Lugo, de Marín,/ de Ourense ou de Lalín./ Aínda que vivas na cidade/ ou sexas do rural,/ escoita: A lingua non para!". A festa completouse coa musica de Paco Nogueiras, que presentou o seu disco "Radio Bule Bule".

Antes de rematar os participantes foron despedidos por membros do goberno de Bueu, co alcalde Félix Juncal á cabeza. O rexedor agradeceu o traballo da organización e de todos os centros, ao tempo que desexou que actos en defensa da lingua como o de onte "tiñan que ser todas a semanas e non unha vez ao ano".