O dramaturgo, actor e director Cándido Pazó é o encargado de abrir esta 22ª edición, máñá ás 10.00 horas, antes de que o grupo de teatro anfitrión suba ao escenario para representar "A illa amarela", de Paloma Pedrero, en adaptación e dirección de Ángel Currás. A obra "parte do regreso dun pequeno grupo de valentes isleños que, despois de explorar o mundo exterior, amosan aos compañeiros os produtos que inventamos os pobos civilizados para cubrir necesidades de dubidosa veracidade".

"Arredor de ti" será a seguinte obra a escena. Trátase dunha coprodución entre o Obradoiro de Teatro María Soliño e Teatro A Réplika, do IES Rodeira, que se xuntan baixo o nome de A Réplika de María e a dirección de Xoán Riobó para contar a historia que sucede en Ancoradouro, un chiringo de praia, "un espazo de calma e tempestade, un lugar que amosa fragmentos de vida, un diálogo sobre as relacións. A ruptura, a infidelidade, a manipulación, a dificultade de relación os as diferentes tendencias sexuais son temas que percorren esta illa de liberdade e axitación".

O xoves repítese dobre sesión. Ás 10.00 serán Comediantes Anónimos, do IES Johán Carballeira, que representarán "Vodkavil", a partir de textos de Paula Carballeira, María Armesto e Santiago Cortegoso, e dirixida por Fran Paredes e Rosa Domínguez. Trátase dunha comedia "sobre valores, a desigualdade de xénero e a incomunicación nos tempos que corren". Darán paso á "Comedia bífida", de Núñez Singala en adaptación e dirección de Lucía Iglesias e representada polos Dramátic@s do IES A Paralaia, que regresa á Mostra despois de varios anos ausente. Nela "asistimos a un celestial xuízo ao galego, un retrato divertido e pormenorizado dalgunhas das nosas contraditorias actuacións cara ao uso da lingua. Anxos e demos andan máis preto do que pensamos", explican os seus artífices.

A XXII Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo péchase o venres. A xornada de clausura comezará coa entrega de premios aos gañadores e finalistas nas categorías de ESO e bacharelato e ciclos. Tamén como novidade este ano os gañadores do Certame de Textos Teatrais (microrrelato, cun máximo de cinco folios) serán publicados nunha separata da Revista Galega de Teatro (Erregueté).

O obsequio que se repartirá entre os participantes é unha peza realizada polo alumnado de robótica do propio centro cunha impresora 3D, que reproduce a grafía do XXII aniversario, un sillón, o logotipo do colexio e a pegatina da Mostra, segundo explicaron onte o seu coordinador, Ángel Currás, o director do Eduardo Pondal, Tomás Rodríguez, e a directora pedagóxica, Guiomar López. E sobre o escenario, os protagonistas serán os membros do Grupo de Teatro do IES As Barxas, coa creación colectivo "Fobofobias", dirixida por Vanesa Sotelo, que trata dun "grupo de aspirantes que participa nunha peculiar proba para un espectáculo sobre o medo". Baixará o telón o grupo convidado, Aspamsim, coa obra "Sons e silencios".