"Isto é criminal". Esta frase coloquial e tan común parece que está na orixe de "Somos criminais", o novo espectáculo que Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán presentan hoxe en Cangas. Unha expresión que parece que usa moi a miúdo o propio Touriñán e que serviu de inspiración para esta divertida reflexión acerca do que rodea ao crime en versión autóctona.

Carlos Blanco y Touriñán fan un repaso aos crimes galegos en todas as súas variables posibles: o crime inconsciente, o crime por "acumulación de mala hostia", o crime familiar por herdanzas ou porque me moveche ese marco... ata chegar a un tema co que ultimamente ambos están moi familiarizados: as orixes do narcotraficante galego. Os dous forman parte do reparto da serie "Fariña", baseada no libro do xornalista galego Nacho Carretero, e que é unha crónica do narcotráfico nas Rías Baixas. Carlos Blanco interpreta a Laureano Oubiña, mentras que Touriñán dá vida a un dos fillos do clan de Charlín. Non se trata de destripar ou de facer un spoiler da obra que presentan hoxe no Auditorio de Cangas, pero a súa conclusión parece clara: somos criminais.

A xira para presentar este "Somos criminais" arrancou a finais do mes de marzo na Illa de Arousa, onde reside Carlos Blanco. Cangas será a quinta parada neste percorrido "criminal" e en todos os lugares esgotaron as entradas. E iso que o espectáculo inclúe dous pases: ás 20.30 e as 23.00 horas.

Carlos Blanco, en Bueu

Esta fin de semana Carlos Blanco fai facer un auténtico tour polo Morrazo. Hoxe estará en Cangas con "Somos criminais" e mañá estará en Bueu nun evento solidario. Os amigos da comparsa Vou nun Bou invitaron ao actor para estar na gala que organizan mañá ás 18.00 horas no Centro Social do Mar en favor da asociación Bicos de Papel, que reúne ás familias de nenos e nenas que reciben tratamento na unidade de oncoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro. O seu promete ser un monólogo "laureado e fariñento". Como non podía ser menos, as entradas tamén están esgotadas desde hai tempo.