Tardou en colmarse o recinto de A Morada para despedir a conmemoración dos 20 anos de encontros a carón do millo corvo en Meiro, pero foi facer dixestión o almorzo, achegarse a hora de xantar, e a ringleira de devotos da boa gastronomía medrou na procura de tiques máis alá das lindes da carpa que acolleu esta fin de semana varias das actividades organizadas pola Asociación Cultural. Outras buscaron acollida na Casa da Aldea, caso da cata-degustación de Adega Leive mentres o historiador Xavier Castro debullaba anécdotas sobre "Álvaro Cunqueiro, o millo e a cultura do viño", ligados a súa vida e á súa literatura, que teñen moito que ver cos froitos da terra e as tabernas donde se expenden. Cunqueiro era un gran coñecedor do viño e da súa cultura, e o seu gusto polo trago iba indisolublemente unido á alegría do encontro e das historias compartidas, como a de onte na Casa da Aldea, á que non faltaron a directora xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro, e algúns representantes políticos municipais.

Competía en horario esta cata-degustación de viños cun obradoiro de elaboración de zume verde a base de plantas silvestres e da herba de kamut, que impartía a naturópata Siegrun Bischof. Indicou que tan singular brebaxe (feito con follas de amorias e fresas silvestres, estrugas, pétalos de caléndula, leituga salvaxe e trébol común, entre outras) aporta variedade de nutrientes, equilibra o ph do sangue e axuda a desintoxicar o organismo, mentres ducias de persoas anotaban receita e método para probar.

A esas horas xa comezaba a lareca e medraban as colas para degustar os produtos tradicionais (co millo corvo convertido en pan, en empanadas, en bicas ou con outras compañías de alto nivel culinario). Uns, no propio recinto, e outros ben pertrechados para compartilos na casa. Non faltaron para facer dixestión a música tradicional, nin máis charlas e obradoiros arredor de produtos artesanos, mentres caía a tarde coa chuvia regando un recinto que comezou a ter sona con Cabano e Gallardo abrindo os primeiros sucos, vinte anos atrás.