08 de abril de 2018
08.04.2018

O teatro profesional: Teatro do Morcego (I)

A compañía sempre arriscou cos seus espectáculos unipersoais e os resultados nunca defraudaron

08.04.2018 | 05:14

En 1988, Celso Parada decide abandonar Teatro de Ningures de Cangas para constituír o seu propio grupo, xunto con Suso Piñeiro, Amparo Ybarra e Isabel Ávila e así, en setembro dese ano, formalizan en Moaña, Morcego Escola de Teatro, elixindo este título en homenaxe á Castelao. Como seu nome indica o grupo pretende ser unha produción de espectáculos, organización de ciclos teatrais, formación a través de cursos de interpretación e plástica e outros relacionados coa esta afección. O seu debut tivo lugar en marzo de 1990, no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña coa obra "Kartoteka-O Ficheiro", do polaco Tadeusz Rozewicz, na que ademais dos propios compoñentes do grupo, contaron coa colaboración da francesa Plume Marchand e o vasco Ignacio Fernández Jáuregui, membros do grupo Latirili Teatro formado en Vigo en 1989, ata que en 1992 trasladanse Vitoria-Gasteiz. Despois de varias representacións Amparo Ybarra e Suso Piñeiro abandonaron o grupo para formar a compañía de monicreques Teatro Kaos. Cabe recordar que esta primeira obra foi financiada en parte polo concello de Moaña.

Esa idea, esa filosofía de non ser unicamente un grupo de representación e escenificación quedou plasmada na véspera de Reis de 1995, cando inauguraron un Café-Teatro na rúa Méndez Núñez, situado no barrio de O Real de Moaña. Aparte de ser o local social e ensaios de Morcego, o Café-Teatro integrouse no circuíto doutras salas de características semellantes en Galicia, algo en sintonía ao que hoxe podería ser a Rede Galega de Teatros e Auditorios, onde, ademais das montaxes teatrais, programaron durante catro anos todo tipo de actividades artísticas tales como recitais de música, obradoiros varios, cursos, ensaio de danzas e outras meramente culturais, por exemplo: conferencias e presentación de libros. Alí Morcego montou os espectáculos "Dóberman", "Morte Accidental dun Anarquista" ou "O Lazariño de Tormes", entre outros. En xaneiro de 1999, unha cooperativa de dezanove persoas adquiren o Café-Teatro coa idea de darlle continuidade e manter os mesmos obxectivos.

Os monólogos

Coa recente obra "House Desaforado", Teatro do Morcego presentou ao público o cuarto monólogo da súa carreira. Aínda que considerar como monólogo a escenificación unipersoal representando a varios personaxes con diferentes conceptos ideolóxicos, morais, lúdicos, relixiosos ou políticos non sexa a definición máis correcta. Aparte diso, é un grande desafío, un enorme risco atreverse durante unha hora ou máis, enriba dun escenario para que unha trama, un ritmo e unha riqueza de expresións poida ser do agrado dos críticos, da visión intelixente dos exixentes ou dos gustosos das versións simples. Ao longo da súa traxectoria Morcego arriscou neste tipo de espectáculos e en ningún momento defraudou a tenor dos comentarios recibidos de tódolos medios. Convén resaltar que detrás dunha grande interpretación sempre hai unha dirección, uns deseñadores de escenarios, da música, do vestiario, da iluminación ou asistentes que permanecen case sempre no anonimato se non se len nos créditos.

A primeira gran representación unipersoal foi a montaxe de "Misterio Cómico" e foi a consecuencia de que afamado actor e director portugués Júlio Cardoso achegárase a Cangas en 1988 para ver "Ubu Rei" de Teatro de Ningures, considerado entón como un dos mellores espectáculos producidos en Galicia. Despois da representación, Júlio Cardoso contactou con Celso Parada, a quen lle mirou boas aptitudes, e lle falou do proceso de montar o texto de Darío Fo titulado "Misterio Cómico". Máis tarde e xa formado Morcego, Celso e Cardoso coincidiron no Festival Internacional do Teatro de Expresão Iberoamericano (FITEI) celebrado en Porto e acordaron levar a cabo a citada obra de Darío Fo. Para tal fin, Celso Parada trasládase a Portugal e durante dous meses ensaia duramente e tamén aprende técnicas de respiración, vocalización e a preparación física necesaria que requiría o monólogo. Esta peza foi estreada en Moaña o día 12 de xullo de 1991 e chegou alcanzar máis de trescentas representacións durante cinco anos por toda península Ibérica e incluso por países transoceánicos como Brasil, Arxentina e Uruguai. En 1992, tanto actor e director foron agasallados co premio Compostela e a Agrupación Cultural Nós fíxolle a Celso un especial recoñecemento na VI Irmandade Cultural de Moaña.

Comentábamos no paragrafo anterior que Celso Parada e Júlio Cardoso coincidiran no FITEI de Porto, e alí tamén coñeceron ao director teatral uruguaio Bernardo Galli. Entre outras cousas falaron da posibilidade de montar outro gran monólogo baseado na obra do autor uruguaio Ever Martín Blanchet titulado "Os Patios da Memoria", cousa que agradou a Celso, sobre todo para desmarcarse un pouco do éxito de "Misterio Cómico", o que suporía un novo reto. O gran problema era ter que trasladarse ata Montevideo durante os meses de xuño e xullo de 1995. Ao final tirou máis o compromiso e ilusión e alá marchou Celso Parada a poñerse baixo a dirección de Bernardo Galli, director da compañía teatral O Galpón. Pola súa banda, Celso Parada aproveitou súa estadía para representar nos centros galegos "Misterio Cómico" e recitais poéticos.

"Os Patios da Memoria" foi estreada no Auditorio do Castelo na XI Mostra de Ribadavia o día 23 de xullo de 1995 con extraordinario éxito. Despois de percorrer toda Galicia, puido ser admirada na sala Versus Teatre de Barcelona, acadando grandes eloxios da prensa catalá.

A terceira montaxe dun actor unipersoal de Morcego foi "O Laraziño de Tormes". Idea que Celso Parada trouxera de Uruguai de cando vira os ensaios da compañía O Galpón que dirixía Galli. Para esta ocasión, Celso cambia o percorrido da infancia que representaba "Os Patios da Memoria", pola picaresca e desenvolvemento de roles dos antiheroes como "O Lazariño". Axiña Morcego optou por adaptar esta peza escrita hai máis de cincocentos anos e de autor descoñecido, por unha posta en escena dirixida por Celso Parada e Andrés Pazos sen que desvirtuase a síntese da peza clásica. A partir de decembro de 1998 foi levada dende Cangas por toda Galicia, traspasando incluso a Comunidade para ser representada en Sabiñánigo (Huesca) en abril de 2010. Esta montaxe mereceu ser finalista dos premios María Casares en 1999.

Para concluír o apartado dos monólogos temos a recente montaxe de "House Desaforado", estreado nos Circuítos Teatrais de Moaña en outubro de 2017. Para esta ocasión, Morcego volve a contar coa riqueza de recursos e talento de Celso Parada, dirixidos polo director canadense Kevin Orr que escolleu unha peza do autor, tamén canadense, Daniel MacIvor, cuxa sinopse foi resumida das seguinte forma: "A miña nai está posuída polo demo, o meu pai é o home máis triste do mundo, a miña irmá está namorada dun can, a que amo non me ama, e non teño onde vivir. Que debería facer?".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine