A Asociación Queremos Galego Marín presentará o 7 de abril ás 20.00 horas no Museo Manuel Torres de Marín o último libro "Universos simbólicos. Olladas ao redor da cultura e da identidade galega" do antropólogo pontevedrés Rafael Quintía.

Este libro é un compendio de textos cuxa temática xira en torno a diferentes aspectos da cultura galega e, xa que logo, dos diferentes elementos constituíntes da identidade como pobo. Nas páxinas deste libro o autor intenta achegar o lector a cuestións que teñen que ver coas ideas máxico-relixiosas da cultura galega; percorre, entre outros, aspectos da nosa mitoloxía, do simbolismo, das nosas crenzas máis íntimas, dos nosos medos, do papel da lingua nunha cultura.

Nas páxinas do libro tamén se intenta responder, por exemplo, a cuestións tan tópicas como a de por que os galegos responden cunha pregunta, sen deixar atrás temas relacionados co noso entramado social. En definitiva, unha ampla e holística ollada a algunhas das moitas caras que presenta a cultura galega.

Rafael Quintía é un coñecido antropólogo, economista, escritor e músico pontevedrés que leva anos traballando no campo da investigación e a divulgación da etnografía, historia, cultura e antropoloxía social e cultural de Galiza.