Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro profesional: Teatro de Ningures (III)

Lamapereira recorre sete espectáculos montados pola campañía canguesa desde 2009 até a actualidade

"Ñaque ou de piollos e actores", de Sanchís Sierra (2009). Dirixida por Salvador del Río. Na foto, Santiago Cortegoso e Fran Paredes. // Diego Seixo

Ñaque : Nesta peza de Sanchis Sinisterra fálase de dous cómicos ambulantes- Fran Paredes e Santiago Cortegoso son os intérpretes- que fan un pouco de todo: tocan un tamborino, interpretan un auto, un entremés ou din dúas ou tres loas?

Viven contentos, durmen vestidos, camiñan espidos, espióllanse no verán entre o trigo e no inverno, non senten co frío os piollos.

A dirección foi responsabilidade de Salvador del Río quen xa a levara en Llullu, unha compañía moañesa da que falaremos noutro próxima crónica.

Atrabile é un texto escrito por Laila Ripoll - dramaturga da que a Compañía montará un nova peza en 2015- que resultou finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática en 2002. As protagonistas son tres irmás xa anciás que viviron toda a súa vida xuntas nunha gran casona dun pobo calquera. Esta noite de xoves están reunidas para velar o cadáver do marido de Nazaria, a única que casou, acompañadas da fiel criada de Nazaria, Ulpiana. E será ao redor deste velorio cando saian á luz as eternas querelas entre as irmás e eses segredos ocultos que permanecen alí, latexantes, durante cincuenta anos. Querelas e segredos que constituirán un abano onde teñen cabida todas as cores do espectro sentimental: odio, amor enfermizo, vinganza, xenreira, tristura, noxo? Estes sentimentos son os que moven o fio argumental e conducen os personaxes a unha traxedia fallida (ou casi) na que desemboca a obra.

No reparto ademais de Casilda Alfaro, Sonia Rúa e Fran Paredes están Josi Lage e David Novas baixo a dirección de Etelvino Vázquez, o seu director habitual.

Os cómicos dell´auto é un espectáculo ambulante de rúa que se desenvolve arredor dun vello autobús. Durante as paradas, os cómicos baixan do autobús para interactuar cos espectadores e integralos na representación de pequenas pezas introducindo ademais cancións e música en directo. O espectáculo foi idea de Paulo Serantes, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso que tamén serán os intérpretes xunto a Lois Soage e Fran Paredes. Especial mención a Den Durand pola elaboración das máscaras e a Paulo Serantes na dirección e composición musical..

Homes? mulleres o paraíso terrenal con textos de María Armesto, Paula Carballeira e Santiago Cortegoso será a produción de 2010. Son historias de homes e mulleres que se cruzan, que se xuntan e se separan, vidas que converxen con outras e cambian de dirección. Desde Adán e Eva, estamos condenados a entendernos?No reparto estará Etelvino e os actores e actrices máis estables da compañía: Santi, Salva, Marián, Sonia, Pepa e Casilda. E tamén o equipo habitual de luz e son: Héctor e Diego Camaño; música: Anxo Graña; escenografía: Pablo Giraldez "Pastor" e Diego Seixo en fotografía e deseño gráfico.

0'7% Molotov de Santiago Cortegoso será a montaxe de 2011. Esta obra, gañadora do XIV Premio de Teatro Rafael Dieste que convoca anualmente a Deputación de a Coruña, mostra as contradicións nas que se atopan unha neohippy solidaria e un nihilista solitario. As súas actitudes fronte a un capitalismo salvaxe que se expande por todos os currunchos, son como pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo pero fan que quedemos máis tranquilos. Teatro de Ningures sube á escena o texto de Santi Cortegoso un actor habitual da Compañía que na actualidade xunto con Marián Bañobre, montaron a súa propia Compañía Ibuprufeno Teatro. As complicidades recíprocas entre Santi e Salva baseadas na amizade e no traballo comezado xa en Aurín continúan hoxe en día? Na memoria está aquela montaxe de "A gata sobre o tellado de zinc quente" de 1994 dirixida por Salvador del Río e Santi como actor.( Faro de Vigo. Morrazo 17 decembro 2017) Dezasete anos despois, En Molotov, Rocío Gonzalez e Salva como actor dirixidos por Santi Cortegoso, o autor? Pegadas (2012) Monólogo interpretado por Casilda Alfaro. O espectáculo vai das pegadas das obras,das escenas e das personaxes que interpretou ao longo da súa vida teatral. Coa música de Anxo Graña a iluminación de Salvador del Río , fotografía e deseño de Diego Seixo e claro está a dirección de Etelvino Vázquez, o seu mestre.

O ogrocho. En 2013 non hai produción dun novo espectáculo e será en xullo de 2014 cando T. de Ningures presente esta montaxe no Auditorio Municipal de Cangas con texto da quebequesa Suzanne Lebeau. O espectáculo con dirección de Salvador del Río estivo protagonizado por María Salgueiro nas primeiras funcións substituída logo por Sonia Rúa e Lois Soage. Neste conto fantástico e parabólico o Ogrocho sentirá a necesidade de superar os seus instintos e neste desexo recibirá o apoio incondicional da súa nai. A peza está traducida do francés ao galego por Henrique Harguindey- un gran colaborador da Compañía- e publicado na erregueté , Revista Galega de Teatro nº 61.

Unhas Poucas Picadelas (2015) será o segundo texto de Laila Ripoll que monte T.Ningures. A obra afonda no terreo da violencia de xénero e, de maneira moi concreta, na violencia que exercen os homes sobre as mulleres. Non hai unha historia concreta, convidándonos a dar cabida a miles de historias reais e anónimas, todas as historias de violencia machista que acaban en asasinato e todas as que, sen morte física, acaban aniquilando vidas. No reparto están Sonia Rúa, Lois Soaxe e Pepa Barreiro que tamén fai de axudante da dirección de Etelvino Vázquez. Como técnico Héctor Pazos; Escenografía de Pablo Giráldez "O Pastor" o vestiario de Julia Abal; a iluminación de Salvador del Río, a música de Anxo Graña e o deseño gráfico de Diego Seixo. Este será o último espectáculo de sala montado até hoxe por Teatro de Ningures. E xunto á O ogrocho e Pegadas serán os tres espectáculos que se manteñen en cartel.

Producións distanciadas no tempo, con elencos reducidos son síntomas de crise. Como acontece noutras compañías de longa historia no teatro galego. Mais que motivos pode haber no caso de T.de Ningures ? Pois ademais da malfadada crise económica xeral que se ven arrastrando desde 2008, hai membros da Compañía que están traballando noutras producións alleas como as de Ibuprofeno teatro, Contraproducións ou ButacaZero . E nalgunha que outra serie da TVG. E por que, pódese preguntar , traballar noutras compañía e non na propia? Estamos, manifesta Salvador del Río, nunha paréntese que temos que resolver nun futuro próximo.

E mentres os membros fundadores da Compañía de Teatro de Ningures non decidan sobre a conveniencia ou non de producir novas montaxes de sala, aquí e agora están 32 anos de traballo continuado cos tres espectáculos citados en cartel, o seu labor pedagóxico na Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas e na Aula de Teatro do Campus de Vigo. Ademais da súa xestión na Comisión Organizadora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e tamén no Festival de Teatro Universitario da Universidade de Vigo (MITEU). Sen esquecer a oferta empresarial en loxística de iluminación e son.

Compartir el artículo

stats