O Sonor Maxín está de noraboa neste ano 2018. O grupo ourensán celebra dez anos de traxectoria musical e por iso decidiu celebrar esta data cunha xira especial de dez actuacións en directo. Unha xira que tiña que non podía deixar de pasar polo Morrazo, un lugar no que actuaron varias veces ao longo deste tempo, como na Festa Folc de Vilariño ou no Aturuxo. A sala buenense é precisamente a elexida para o comezo desta xeira de décimo aniversario, que arranca hoxe domingo ás 20.30 horas cunha entrada de 6 euros.

A banda procede de Ourense e está integrada por músicos que procedían de diversos proxectos musicais, como Lamatumbá, Cinnamon, Gum, Mutenrohi e The Pigmalions. Ao longo deste tempo teñen publicados varios álbumes, o último deles hai xustamente un ano. "Sete Dezasete", dous números que, entre outras cousas, fan referencia aos días nos que se celebra o mercado na cidade de Ourense. En 2017 O Sonoro Maxín tamén gañou o premio Martín Códax dentro dos Premios da Música de Galicia, na categoría de reggae, ska e mestizaxe. Ao longo destes dez anos de traxectoria o grupo ofreceu máis de 150 concertos ao longo de toda a xeografía galega e compartiron escenario con artistas como Manu Chao & Radio Bemba Sound System, Shantel & Bucovina Club Orkestra, Los Delinqüentes ou Tonino Carotone, entre outros.