Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Berobreo, o deus lar da saúde

A Cepa pecha esta segunda xeira das personaxes de Cangas co deus ao que está adicado o santuario do Facho

No carro de Serafín Costas trasladaron as aras de Donón ao Museo de Castrelos. Na foto está Xosé Mª Álvarez Blázquez, entre outros. .

"Deo Lari Berobreo", "ao deus lar Berobreo". Esta é a inscrición máis repetida nas aras atopadas no cumio do monte do Facho, na parroquia do Hío. Eran xa coñecidas nos anos 60, cando Enrique Massó e Suárez Mariño as investigaron e trasladaron aos museos Quiñones de León de Vigo e Provincial de Pontevedra.

O tempo foi pasando e as aras foron caendo no esquecemento. Até que no ano 2003, nunha nova campaña arqueolóxica na que interviñeron o Instituto Arqueolóxico Alemán e a Universidade de Santiago, volveron ser o centro de atención. O Instituto Alemán estaba interesado precisamente no misterioso deus Berobreo, descoñecido até o momento, salvo por estas inscricións.

Un dos feitos salientables deste lugar é que o santuario, dedicado a un deus galaico, é de época romana. Os arqueólogos dátano entre o s. II e o IV. Polo tanto, temos a conservación dun culto nativo durante o período imperial. As campañas duraron cinco anos e a medida que as escavacións avanzaban, fóronse descubrindo máis e máis aras, ata superar as 150. Feito que de novo volve facer este sitio único no mundo. En ningún outro lugar de culto no tempo dos romanos, se atoparon tal cantidade de aras pétreas dedicadas a un deus local.

A medida que se ía coñecendo mellor o lugar, máis se sabía do santuario. Por exemplo, que este bosque de aras estaba construído sobre un asentamento castrexo. Un castro que estivo en uso até o ano 50 máis menos. Velaquí outro detalle insólito: un castro foi abandonado, pasan uns 100 anos e volven usar este lugar, pero non para vivir, senón para o culto a un estraño deus Berobreo. De feito, as casas do castro sobre as que se asenta o santuario foron deliberadamente arrasadas para crear ese espazo de culto.

Máis detalles. Aos pés das aras atopáronse restos de cravos ou de contas de colar. Polo tanto estamos diante dun lugar sagrado ao que se volvía para, unha vez colocada a ara, poñer ofrendas periodicamente. Isto é algo que seguimos facendo hoxe en día. As romarías adoitan consistir en volver ano tras ano, o día do santo, ao seu santuario a ofrecerlle exvotos para que nos cure. Exactamente igual que Berobreo, ao que se lle pediría saúde, "pro salute", como mostran algunhas destas aras. Era por tanto un deus relacionado coa saúde. Parece que non cunha parte específica do corpo, senón en xeral. Máis ben, habería que falar dun deus da "fortuna".

É de destacar que o santuario non se atopa no cumio mesmo do monte do Facho, senón que xusto debaixo, protexido das inclemencias do tempo. O cumio, no que non se atoparon restos de culto, debía ser o sanctasanctorum, o lugar máis sagrado. O lugar desde o que se divisaba o "alén"? Ninguén que estivese neste lugar pode negar o impresionantes que son as vistas do océano Atlántico, enmarcado entre as Illas Cíes e a Illa de Ons, o lugar onde o sol desaparece no mar. O noso finisterrae particular.

Pero seguimos sen saber moito máis deste misterioso deus. Sabemos que atraía gran cantidade de xente, que estaba ligado á saúde, que era unha divindade galaica pero, era único? É Berobreo un deus exclusivo deste monte cangués? En certa forma si. O detalle máis sorprendente é que Berobreo non é o nome do deus, senón que fai referencia ao lugar no que se venera. Porque Berobreo é "o deus de Beróbriga", que é como se debía chamar o castro sobre o que se fundou o santuario.

En todo caso Berobreo era un deus galaico ao que se lle rendía culto no tempo dos romanos, e moitos dos costumes desta época aínda se seguen conservando hoxe en día en moitas manifestacións relixiosas. Berobreo desapareceu, pero non de todo.

*Socios de A Cepa e da Illa dos Ratos

Compartir el artículo

stats