Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

Revista Galega de Teatro e o Fondo Teatral María Casares

A Asociación Cultural "Entre Bambalinas" edita a publicación e con Ningures abriu o Fondo

Lectura dramatizada de "O Ogrocho", coa Lonxa Literaria Moaña. // Arquivo do autor

A erregueté é editada pola Asociación Cultural "Entre bambalinas", unha asociación sen ánimo de lucro. Polo seu Consello de Redacción pasaron persoas relacionadas cos máis diversos ámbitos do mundo do teatro: desde a investigación á pedagoxía, desde a escrita á xestión ou a práctica actoral. Ao longo destes nos formaron parte deste Consello de Redacción: Antón Lamapereira -fundador da revista e o seu director até 2016--, Che Mariño, Xosé M. Pazos, Pedro P. Riobó, Casilda García Alfaro, Gonzalo Rodríguez, Conchi Costas, Iria Méndez, Manuel Vieites, Lourdes Vega, Cristina Cameselle, Ricardo Solveira e Mª. Xosé Vilas.

Hoxe en día o organigrama da erregueté está constituído do seguinte xeito. A directora é Vanesa Sotelo; o subdirector é Manuel Xestoso; e o secretario Roberto Pascual. O Consello de Redacción, localizado en Vigo, está formado por Afonso Becerra de Becerreá, Inma López Silva, Roi Vidal Ponte, Esther Carrodeguas, Gena Baamonde, Fran Peleteiro. O seu Consello Editorial, establecido en Cangas, está constituido por Antón Lamapereira, Xosé Manuel Pazos Varela, Che Mariño, Pedro Pablo Riobó, Gonzalo Rodríguez Calvo e Casilda Alfaro.

Polo demais, a existencia desta publicación está en débeda permanente coa colaboración desinteresada e solidaria de moitísimas persoas que achegan artigos, textos dramáticos, fotografías, deseños e ideas.

A liña da revista sempre estivo presidida pola independencia de calquera opción partidista ou corporativa, a procura do rigor e a honestidade informativa, a atención preferente ao teatro galego pero con curiosidade por calquera aspecto de interese do teatro internacional. Desde estes principios básicos intentamos estruturar os diferentes temas conxugando a información coa creación, a divulgación e o ensaio.

Edición de textos dramáticos.A partir do número 8, a erregueté comezou a editar, dentro da mesma publicación, textos dramáticos. Inaugurou a colección "2132", un texto que nos ofreceu Roberto Vidal Bolaño cando lle comentamos o proxecto. Tamén é seu "Memoria de mortos e ausentes", edición de Pedro P. Riobó, publicado nun número especial dobre que lle dedicamos. Seguindo coa creación galega apareceron textos, entre outros, de Euloxio R. Ruibal, Jenaro Mariñas do Val, Luísa Villalta, Manuel Forcadela, Xesús Pisón, Liño Braxe, Constantino Rábade, Raúl Dans, Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Pazos ou María Xosé Queizán. E, referíndonos a algúns dos máis novos, citaremos a Patricia Piñeiro, Vanesa Sotelo, Iván Caloto, Rubén Ruibal, Santiago Cortegoso, Fernando Epelde ou Clara Gayo.

Pero a nómina de autoras e autores publicados non ten fronteiras e a revista publicou traducións ao galego da dramaturxia española e internacional. Velaquí algúns exemplos significativos: Iztiar Pascual, Juan Mayorga, Ernesto Caballero, Jerónimo López Mozo, Paloma Pedrero, José Ramón Fernández, Elena Cánovas, Yolanda Pallín, o mexicano Jaime Chabaud, o francés Michel Azama, o croata Asja Srnec ou os canadenses Suzanne Lebeau e Wajdi Mouawad.

Dentro do panorama internacional hai que destacar a especial atención que lle prestamos á edición de textos en lingua portuguesa como os de Marta Freitas, Abel Neves, Ricardo Cabaça, José María Vieira Mendes, Jorge Palinhos ou Joana Craveiro.

Por outra banda, sempre que podemos, aproveitamos a aparición de cada número para dar a coñecer por medio de lecturas dramatizadas a obra editada e a súa autora ou autor. Preparamos as lecturas de tal forma que poidan participar nelas tanto actrices e actores profesionais como afeccionados. É o caso, por pór algún exemplo, da lectura na RESAD de Madrid da obra "Terra polo medio" de Ernesto Caballero, na que participaron intérpretes galegos estudantes de Arte Dramática con dirección de Ricardo Solveira; no Museo de Arte Contemporánea de Vigo do texto "Act-Tress" de Xosé Manuel Pazos con actrices de Teatro de Ningures; na Galería Sargadelos de Ferrol da lectura por parte de alumnas e alumnos do grupo de teatro do instituto de FP Rodolfo Ucha da obra "Os facedores de bonecas" de Belén Roca; na Casa das Campás en Pontevedra o texto "Ritos de Sangue" de María Xosé Queizán polo grupo Avelaíña Teatro ou na Biblioteca Pública de Moaña, en colaboración coa Lonxa Literaria, a lectura de "O Ogrocho" de Suzanne Lebeau, na que participou María Salgueiro, Salvador del Rio e o seu traductor Henrique Harguindey Banet.

Premi Born. Aquí é necesario citar o acordo da RGT co Cercle Artistic de Ciutadella de Menorca, entidade que convoca anualmente o Premi Born de Teatre. Por medio deste acordo o Premio Born foi traducido por vez primeira ao galego na XXXI edición de 2006 (gañada por Carlos Be con "Origami") e, a partir dese momento, todos os gañadores contaron con cadansúa tradución ao galego e edición na revista. Entre eles están Jesús Díez, Carles Batlle, Josep María Miró i Coromina, Lluisa Cunillé, Raúl Dans, Carles Mallol ou Sergio Martínez Vila?

O Premi Born é así o único premio de teatro que aparece traducido as catro linguas do estado español: galego, euskera, catalán e castelán. Esta circunstancia é sen dúbida un valor engadido para un galardón que xa está considerado como un dos máis prestixiosos e mellor dotados economicamente.

A presenza internacional da revista -e con ela a do o teatro galego- agroma en 1997 cando a RGT participa, con outras revistas especializadas do estado español e doutros países (Croacia, Túnez, Francia, Italia, Austria?) na fundación da Rede de Publicacións do Instituto Internacional do Teatro Mediterráneo. Logo, a partir de 2003 estará tamén presente en encontros latinoamericanos en Arxentina e Brasil.

Ademais da sua presenza nos festivais e mostras de Galicia, ao longo dos seus anos de traballo, a RGT vén sendo convidada a cubrir eventos de interese e prestixio internacional como son:O Festival Internacional de Teatro de Cádiz, Feria Internacional de Títeres de Lleida, Feria de Teatro Para Niños y Niñas de Gijón, Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca, Festival de Teatro de Almada (Portugal), Festival Internacional de Expresión Ibérica de Porto (Portugal), Guidance (Portugal), Festival Mettre en Scene (Francia), Festival Experimenta de Rosario (Arxentina), Salón Internacional del Libro Teatral (Madrid, Sevilla, Salamanca, Cáceres?)

Certame Galego de Banda Deseñada sobre Teatro. A Asociación Cultural Entre Bambalinas guiada sempre polo obxectivo fundamental de espertar o interese pola arte dramática, decidiu convocar, con carácter bianual, este certame que procura enriquecer, desde a linguaxe do comic, o feito teatral. Como resultado deste certame a colección Banda Deseñada sobre Teatro está formada por: "Doentes" de Roberto Vidal Bolaño, en versión de Brais Rodríguez; "Hamster" de Santiago Cortegoso, en versión de Diego Campos; "Belicosario", de Manuel Lourenzo, en versión de Juan Molina; "2132" de Roberto Vidal Bolaño, en versión de Diego Blanco; e "Imundação" de Marta Freitas, en versión de Diego Blanco.

Teatro Crítico Universal. Magazine de crítica da RGT. No ano 2014, a erregueté, ante a práctica desaparición da crítica teatral nos medios xeralistas galegos, decide inaugurar un espazo web que dea conta da intensa actividade teatral galega. Inaugurado durante a XXX Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, axiña se converteu nunha referencia para os afeccionados na que participaron a maioría dos críticos en activo: Manuel Xestoso -coordinador-, Afonso Becerra de Becerreá, Carla Capeáns, Camilo Franco, Inma López Silva, Vanesa Sotelo, Laura Porto e Roi Vidal.

O magazine de crítica converteuse, a partir de 2017, no referente para a estratexia da revista en Internet.

O Fondo Teatral María Casares (FTMC). O Fondo Teatral María Casares está integrado na Biblioteca Pública de Cangas do Morrazo e é o resultado dun Convenio asinado no ano 1995 entre o Concello de Cangas, a Revista Galega de Teatro e a Compañía de Teatro de Ningures.

A Asociación Cultural Entre Bambalinas quixo nomear así o FTMC en memoria e homenaxe á actriz María Casares (A Coruña 1922-París 1996), quen aos 14 anos tivo que exiliarse en Francia debido ao golpe militar franquista de 1936. Era filla de Gloria Pérez e Santiago Casares Quiroga, ministro e xefe de goberno da II República.

Formado inicialmente pola cesión de fondos bibliográficos e diversas coleccións de revistas especializadas destas dúas entidades vaise enriquecendo progresivamente grazas ás continuas achegas de libros e revistas que, recibidas na redacción, apúntanse na RGT e posteriormente pasan a inventariarse na Biblioteca. Grazas a esta trasfega, hoxe o fondo conta con máis de 800 volumes de libros de literatura dramática e títeres, de teoría, pedagoxía e técnica teatral e na súa hemeroteca poden atoparse coleccións de revistas emblemáticas xa desaparecidas como Pipirijaina e El Público, ademais de Primer Acto, ADE, Artez, Ñaque Expresión, Art Teatral, La Ratonera, Entreacte, Escaramuza, CasaHamlet, Núa, Ambidextro; as portuguesas Artistas Unidos, Adagio, Sinais de cena ou as latinoamericanas Teatro, Gestos, Ateatro, Tramoya, Connjunto e Teatro, Truenos&Misterios?

O día Internacional do Teatro - 27 de marzo- é habitual que o FTMC organice algún acto conmemorativo como exposicións de Vestiario teatral, Carteis de Teatro ou Escenografía en colaboración coa ESADG de Galicia.

Sen dúbida algunha o FTMC é único entre as Bibliotecas Públicas de Galicia e debería ser atendido con esmero e divulgado entre o público en xeral e especialmente entre estudantes da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, alumn@s da Escola Municipal de Teatro, estudantes de Bacharelato de Artes, Grupos de Teatro da comarca e mesmo entre o profesorado de Literatura Galega e Española.

Premios

Ao longo da súa traxectoria, a revista recibiu os seguintes premios: VII Premio Xiria ao Labor Teatral 1993; Medalla ADE 2006; Medalla CELCIT 2010; Premio FEGATEA 2010; Premio MÁCARA Teatro 2011; Premio de HONRA ABRENTE 2013; Premio de Honra Marisa Soto 2016 da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

+ info: www.erreguete.gal e tamén en facebook e twiter.

Compartir el artículo

stats