Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

As mulleres da conserva, mulleres da mar tendida

Co gallo do 8 de marzo A Cepa rende homenaxe aos centos de mulleres que traballaron nas fábricas conserveiras

Compañeiras da fábrica de Massó (1971).

Ás mulleres galegas, empregadas das fábricas conserveiras a nosa máis sinxela homenaxe neste Día Internacional da Muller Traballadora

Mulleres das vilas da beiramar, empregadas nas conserveiras que tanto traballaron nos campos, nas casas e nas fábricas. Erguéndose cedo para gañar un xornal, única maneira de sacar adiante unha casa de xente.

Mulleres que descargaron a man os balandros de Antolín na praia de Rodeira, metidas na auga até os xeonllos, que cangaron coas caixas na cabeza para a fábrica de Arbones e de Abalo, ou carrexando bidóns de aceite para a de Bobo, escunchando o mexillón na Congorza, cortando sardiñas, empacando anchoas nas grellas da fábrica de Massó, pechando e etiquetando na de Chamadoira ou na Ameixide.

A presenza de mulleres no mundo da conserva en Cangas foi maioritaria. Empezaban a traballar moi novas, con nove ou dez anos. Nenas que se fixeron mulleres sen vivir a infancia. Hoxe son avoas que nos contan historias increíbles. Traballos duros rodeadas de frío e humidade. Traballos feitos a man e mans cheas de sabañóns. só había máquinas para pechar as latas das conservas.

Para ir ao traballo tiñan que camiñar a distancia que houbese entre a súa casa e a fábrica. Ás veces máis de tres ou catro quilómetros. E levar canda si o xantar preparado na véspera, para comer no comedor. Estas horas eran as mellores. Xuntábaste coas veciñas e as amigas e pasabas uns momentos moi agradables de necesario descanso compartido.

Cando había moita sardiña e as fixas non daban avío, soaba un pito chamando á mulleres que quixesen traballar. E tiñan que deixar todo o que estivesen facendo, coller un mandil e unha tesoira e a correr sen perder un minuto para a fábrica: a escunchar, a descabezar, limpar as sardiñas e as xoubiñas, as parrochas, todo o peixe que houbera.

Descargaban o peixe nas mesas onde un encargado botáballe sal cunha pa e ía removendo nas sardiñas. As mulleres abeiradas e coas tesoiras nas mans ían escunchándoas para metelas nas grellas de aramio e logo pasaban aos carros e introducíanse nos torradores onde se cocían ao vapor. Despois poñíanse nas mesas onde se empacaban. As latas poñíanse en castelos para que as raparigas acarrexasen todo o día para enchelas de aceite. Logo pasaban á sección de pechado nas máquinas e despois tiñamos que encher as caixas e cargar os camións que as levarían á distribución. Algunhas caixas pesaban máis de vinte quilos e tiñamos que encher todo un camión á man. Comezabamos á mañá e traballabamos durante varias horas levando as caixas na cabeza co molido. Rematabamos rebentadas!

Todo este pasado de traballos das mulleres que nos precederon non hai tanto tempo, sería, visto cos ollos de hoxe, como intentar meter toda a auga do mar nun pozo. Mulleres do mar tendido, mulleres que loitaron toda a vida, pola súa terra, polos seus fogares. Mulleres galegas que teñen centos de nomes: María, Pilar, Xosefa, Luísa, Carme, Mercedes, Pura, Xulia... Mulleres de sal que xorden das mareas coma tesouros. Cerne puro: nais, fillas, mozas, labregas, atadeiras, conserveiras..., todo un mar de salmoira de tantas e tantas mulleres que deixaron toda unha vida de traballo nas conserveiras do mar de Cangas na ría de Vigo.

*Integrantes de A Cepa

Compartir el artículo

stats