O Concello de Cangas ven de abrir o período de presentación de candidaturas aos premios de recoñecemento público e institucional Xohan de Cangas e Ignacio Cerviño, tras aprobar as bases na Xunta de Goberno Local. O prazo remata o 16 de abril e todas as solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través do correo electrónico cultura@cangas.gal. Os galardóns, que consisten nun recoñecemento oficial e non levan aparellada remuneración económica, entregaranse na Festa da Cultura que se celebrará no Auditorio municipal o vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.

O obxectivo destes premios, promovidos desde a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Héitor Mera, é "incentivar, cohesionar e recoñecer publicamente o labor de numerosas persoas e colectivos do noso municipio que desenvolven un traballo inxente a prol da nosa cultura, do noso patrimonio e da creación artística en calquera das súas múltiples facetas". Os premios Xohan de Cangas outórganse ao labor cultural e á creación artística, sexan persoas, colectivos ou entidades, mentres que o Ignacio Cerviño enfócase á recuperación e promoción do patrimonio e poderán ser tamén premiadas obras concretas que vaian en consonancia co obxecto da convocatoria.

Poderán presentar candidaturas todas as asociacións culturais, veciñais, artísticas e sociais do municipio de Cangas, así como todos os partidos políticos e grupos municipais da Corporación canguesa, co 16 de abril como data tope, segundo as bases.