En tal día coma onte nacía hai 181 anos Rosalía de Castro. Desde hai anos a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), institucións, colectivos e persoeiros veñen reclamando que o 24 de febreiro veña en ser declarado do Día de Rosalía. Onte celebráronse multitude de actos por toda Galicia para render homenaxe á poetisa, autora de "Cantares gallegos" e "Follas novas", entre outras obras. A comarca do Morrazo sumouse tamén á festa con actividades en Bueu e Moaña.

A primeira delas foi a mediodía na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa, onde se decidiu xuntar a hora do vermú coa poesía. Así tivo lugar un "vermú poético", no que todas as persoas que o desexaron podían participar nun recital de poesía na memoria de Rosalía de Castro. A actividade estaba organizada polo Concello de Bueu, Librería Miranda, Deputación de Pontevedra e a AELG. Así, animáronse a recitar textos de poesía o o deputado provincial de Cultura e concelleiro Xosé Leal; as concelleiras Inmaculada Rodríguez e Pilar Otero; o poeta moañés Xosé Daniel Costas Currás, veciños en xeral e incluso dúas nenas de corta idade. Os participantes recibían como agasallo un libro de poesía e unha fermosa camelia, dentro dunha iniciativa da Deputación. Toda unha invitación para que a poesía e a cultura sigan a florecer.

En Moaña celebrouse un festival arredor da grande poeta. No centro cultural homónimo, en Domaio, integrantes da Asociación de Mulleres Poza da Moura, e do colectivo cultural Charaviscas leron varios poemas. Participaron tamén no recital alumnos do CEIP Domaio. O Coro San Pedro cantou tamén dúas pezas con versos de Rosalía e Xavier Blanco e Salvador Meira musicaron tres poemas acompañados con guitarra e gaita.

O evento, que encheu o salón de actos, comezou coa alcaldesa, Leticia Santos, falando da vixencia de Rosalía e lamentando os recentes ataques á liberdade de expresión. "Hoxe en día, por algúns dos seus poemas, igual remataba diante da Audiencia Nacional", advertiu.

A tarde rematou cunha ofrenda floral no busto de Rosalía instalado recentemente nos xardíns do centro cultural.