Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (XI)

Lamapereira céntrase nesta crónica na historia dos grupos teatrais Ourives, do Centro de Adultos; e o da Casa da Bola

Representación "Entre dous abismos" polo grupo de teatro da Casa da Bola // Gonzalo Núñez

A Escola de Adultos de Cangas foi o agromar do grupo Ourives, un grupo de teatro de adultos formado nun primeiro momento por mulleres. Estas actrices vocacionais solicitaron a axuda de Xosé Vázquez Pintor para toparen un texto axeitado as súas representacións. O resultado desta colaboración foi que o autor escribiu e lles dirixiu o texto "Entrando en voz".

Este obradoiro de traballadoras do ouro do teatro creado no outono de 1990, estaba formado por María Xesús Casas Fernández,Tareixa Chapela Lorenzo, Pilar Ferrari Parcero, Mari González Otero, Iolanda Iglesias Santos e Iolanda Muñoz Costas.

Ademais das actuacións o grupo de teatro da Escola de Adultos tamén organizou nos meses de novembro e decembro de 1991 as "Primeiras xornadas de teatro de Outono" nas que ademais de Ourives tamén participaron Teatro de Ningures con "Elektra" de Hugo von Hoffmansthal , Ancoradouro con "Maní" e Teatro do Morcego con "Misterio Cómico" de Darío Fo.

Despois desta montaxe, escolleron para o próximo traballo "A fraga encantada" tamén da autoría e dirección de Vázquez Pintor. Para esta ocasión contaron co apoio de Tanxarina nun obradoiro no que construíron diversos títeres que aparecían logo na representación.

Conta Pilar Ferrari , integrante do grupo desde os seus comezos, que lembra con ledicia os ensaios e os bolos que facían por moitos lugares de Galicia onde sempre eran moi ben acollidos na compañía de Vázquez Pintor e toda a troupe de Ancoradouro. Neste tempo saian os dous grupos con cadanseu espectáculo que representaban durante o fin de semana, sábado un e domingo outro. Ofrecían pois, un pequeno repertorio. Velaquí unha das vantaxes de facer bolos: ademais da satisfacción de actuar ter a posibilidade de coñecer outros lugares e xentes do País. Outra anécdota que acorda Pilar foi nunha actuación en Porriño: esqueceran en Cangas o seu vestiario e tivo que improvisar cun vestido que lle prestaron.

En 1998 e coa nova dirección escénica de Amparo Ibarra- actriz profesional de Teatro Kaos quen aportou ao grupo unha nova e proveitosa forma de traballo- comezaron os ensaios de "O arce no xardín" de Roberto Salgueiro que chegou aos escenarios un tempo despois. Esta obra, gañadora do Premio Alvaro Cunqueiro ese mesmo ano, é unha comedia policiaca en clave de parodia.

Polo demais, compre ter en conta que dada a precariedade de medios técnicos que tiña o grupo, sempre contaban para as súas montaxes coa colaboración e complicidade de Ancoradouro ou Teatro do Morcego que lles prestaban focos, mesa de luces e son.

Grupo Teatro Casa da Bola.

O grupo xurdiu pola iniciativa de Ancoradouro despois dun curso de expresión corporal que impartiron en 1993 para ofrecer ocupación ludica e creativa aos pensionistas que frecuentaban o local social Casa da Bola. Agora ben hai que lembrar que os "conspiradores" para que este curso fose posible foron Pepe Oliveira e Xosé Santos, socios da Casa da Bola, amigos da poesía e de Xosé V.Pintor.

O grupo inicial dirixido por María do Carme González Otero estaba composto por Carmen Álvarez Besteiro, Carmen Campos Augusto, Elena Corbacho Iglesias, Avelina Fandiño Rodal, Agustina Mariño, Antonio Pena , Josefa Sotelo Bastos e Xosé Santos coñecido popularmente como "O poeta". Un poeta que tamén gustaba do teatro.

Nunha entrevista explicaron algúns dos motivos e satisfaccións que lles prestaba o teatro: "Un reto comigo mesmo" , "ábreme as portas a novas amizades", "sérveme de terapia", "póñome ilusión e moitas gañas"?Estamos a escoitar a persoas, actores e actrices, que pasan dos 65 anos acadando algúns máis de 80 que ensaian tres horas á semana.

A súa primeira montaxe "Sala de espera" de Vázquez Pintor estreada na Casa da Bola, sería representada na Casa de Cultura de Bueu o 8 de abril de 1995. Trátase dunha peza cómica na que os seus interpretes están agardando na sala de espera dunha consulta médica de estética corporal..

José Ramón Nuñez Iraola, bibliotecario municipal, escribía en Diario de Pontevedra do 12 de abril sobre a actuación: " ?quiero expresar mi reconocimiento a su labor, a sus ganas de vivir, a su ilusión,a la emoción que sentí y en definitiva a la lección que nos enseñaron que no hay fronteras mientras haya imaginación? Daba gusto ver a ese grupo de personas mostrándonos que uno sólo deja de vivir cuando su corazón deja de latir" Que merecido aplauso!!

En 2002- xa no Auditorio Municipal de Cangas-- retomaron o texto cun novo elenco agora formado por: Josefa Sotelo, Mª Agustina Mariño, Carmen Álvarez, Avelina Fandiño, Xosé Santos, Fernando Conde, Elena Corbacho, Mª Cruz Rodríguez, Mª Carmen Pérez e Luz Mª Martínez. Como directora sigue Mª Carmen González Otero.

"A palabra nas voces" , foi outra nova montaxe. Unha recreación da Poesía a través das distintas etapas do diario: a alba, a mañá, o mediodía, a tarde, a noite, o tempo?Unha reivindicación da palabra poética, enfrontada co materialismo e a rutina. Poesía e canción, voces que reclaman a permanencia, escribían no seu programa. Con esta peza participaron no 1 Citeamor celebrado nos meses de maio-xuño de 2002. Nesta primeira edición do Citeamor, organizado pola Cepa, o pregón foi lido por Celso Parada e tamén estiveron programadas as actuacións dos grupos Avrezno, Simalveira, Asociación de Mulleres de Moaña, Teatro da Esmorga e o espectáculo musical tradiciona fusión con Cabesa de Pau e Nelson Quinteiro, contador e cantareiro.

O 31 de marzo de 2006 estrearon, coa incansable dirección e apoio de Mari Carme González , un novo proxecto que consistiu na obra "Entre dous abismos" de Antón Vilar Ponte. Unha farsada granguiñolesca nun paso que fora estreada en 1919 polo "Cadro de Declamazón da Irmandada da Fala da Cruña".

O reparto totalmente renovado estaba formado por Ana Cortegoso, María Alonso, Elvira Alves, Lina Cordeiro, José Fandiño, Manuel l Jardón e Edelmiro Vidal. En marzo de 2007 participaron de novo no Citeamor e en decembro dese mesmo ano actuaron no Pazo da Ópera en Coruña programados no "Festival Nadal entre maiores" no que tamén houbo música interpretada por Treixadura e Malvela.

Ademais das actuacións citadas, outros lugares nos que representaron foron : Aldán, Cine Galaxias de Cangas , Café Teatro do Real en Moaña, Vigo, A Guarda, Tomiño, Pontevedra, Marín, Vilagarcía, A Fonsagrada?

Agradecementos pola información recibida a: Sócrates Pérez, Teresa Lagos, Carlos Sotelo, Manuel Chapela, María González, Pilar Ferrari, Mari Carmen González, Xosé V.Pintor e María

Compartir el artículo

stats