Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vivan Os Gaiteros do Mar... por sempre!

Borneira Audiovisual e A Cepa editan un DVD adicado aos mariñeiros que levaron a música tradicional a bordo dos barcos

Un momento da gravación do documental, durante o Entroido de 2015. // Borneira Audiovisual

Están por escribir e por contar as historias dos gaiteiros que tiveron un destacado lugar como animadores culturais en Galiza. Eles abriron tabernas e organizaron festas a cada pouco. Seráns e divertimentos que facían a vida máis divertida. Aí está o Choqueiro de Cangas, o Sr. Pazó, ou os Airiños do Castelo tocando na taberna do Xaulera ou o Sr. José Armando festa e organizando cantos de reis en Aldán.

No mundo da gaita os novos aprendían dos vellos Mestres, dos grupo que viñan amenizar as festas e romarías da contorna. Traían novidades que os gaiteiros do Morrazo ían incorporando ao seu facer. Era así como os coñecementos viaxaban polas festas e romarías e chegaban aos aprendices que, a base de repetir o que miraran e oíran, ían perfeccionando os seus saberes.

Dos coros folclóricos do mestre Tenreiro e da man de sociedades artísticas o gaiteiro empeza a coller protagonismo dignificado polas poesías de Rosalía de Castro co seu repoludo gaiteiro e o gaiteiro de Penalta de Curros Enríquez e da man de homes como don Pefecto Feijoo co coro Aires da Terra e os cancioneiros de Casto Sampedro.

Os gaiteiros, ao igual que os xograis e segreis medievais, trocan os seus nomes polos lugares onde son nados: Grupo con sona como os Campaneiros (de Vilagarcía), os irmáns Cachafeiro (de Soutelo), O Rilo (de Betanzos), Os Morenos (de Lavadores), os de Ventosela (Xan Míguez), Os Carballeiras (de Vilariño, Cambados), Os Campaneiros (de Vilagarcía), Xosé O Ghaiteiriño (do Piñeiro) e tantos outros que trocaron os seus apelidos familiares polos seus lugares de orixe. No andar dos anos coñeceremos polos seus nomes, so aos gaiteiros de máis renome: Avelino Cachafeiro, Nazario (O Moxenas) , Enrique Otero, Ricardo Portela, Xosé Chamiceira, Paco Rin Ran, Manolo Solla, ?

O mundo da gaita rexorde con forza no século pasado e as súas pezas foron recollidas e recuperadas polo grupos como Milladoiro, Berrogüetto, Treixadura? e polos gaiteiros como Carlos Núñez, Susana Seivane, Cristina Pato? nos seus discos. Sagas familiares coma os grandes Airiños do Castelo, Erundino González Pazó (O Felecho) ou Xesús (O Carballeira), os Trinta de Coiro, mestres de novos mestres da música tradicional coma Xosé Gutiérrez (Chamiceira) ou Xosé Fernández Canosa (O Ghaiteiriño), Manolo Sotelo, Anxo Gago (Lito)...

Pero houbo algúns gaiteiros que foron Máis Alá, (Manuel Antonio poeta do mar) e levaron canda eles a gaita e o bombo ás mareas alá onde lles tocase traballar. "Que pouco se ten falado dos Gaiteiros do mar?", di o tamboril dos alcriques, O Peix de Aldán, Pepe Choula o da barba vizosa.

Como cando no fin de ano do 1974, O Peix paseaba polas Palmas de Gran Canaria, camiño do pesqueiro "Mar Maior" no que traballaba. Escoita o son dunha gaita nun barco atracado no peirao. Botou a correr como unha chispa. "Sentir ese son, tan lonxe da terra e naquel tempo, é algo moi difícil de explicar", conta. A gaita soaba no "Mazúa III", pero con gaiteiro do Morrazo a bordo, Manolo de Donón. Axiña Pepe O Peix apañou dous paus e nunha lata de alcriques comezou a acompañalo na percusión. "Ao pouco as tripulacións dos dous barcos andaban en marcha triunfal para encher de alegría o corazón das Palmas", rememora.

"Sempre me gustou a gaita. Leveina sempre comigo -Fala Manoliño de Donón- Traes a gaita, Sotelo?, díxolle o capitán. -Home claro. Sen gaita o barco non sae ao mar", respondeu. E alá andaron xuntos polos mares do Brasil, Uruguai, Canadá, Namibia,?

Axiña Manoliño en Donón principiou a recibir a visita doutro aprendiz de gaiteiro, Lito "O Trisco", veciño no outro lado do monte, no lugar de Pinténs. Principiaron xuntos e xuntos acariñaron un soño: tocar polos barrios do Hío no tempo do Carnaval. Pero houberon de embarcar ás presas sen tempo para poñerlle nome ao grupo. Anxo Gago "Lito" levou canda si a Terra Nova o bombo mercado e nos tempos de descanso no barco foino decorando coas letras arredor: Os Airiños da Nosa Terra.

O amor de Anxo Gago, de Manolo Sotelo e doutros gaiteiros pola música tradicional era tan forte que sempre levaban as gaitas ao mar e facían foliadas a bordo, cando o traballo o permitía. Lito lembra como nas embarcacións que ían a marear ao Gran Sol había un gaiteiro que levaba a música tradicional de Galicia polo mar adiante e a través dos continentes e océanos.

O propio Lito fixo soar a gaita en terras tan lonxanas como Groenlandia ou Terranova os sons seculares das terras galegas, acompañado polo seu curmán José Gago ao tamboril. En Saint Pierre, illa principal do arquipélago francés no Atlántico norte a poucos quilómetros da canadense Terra Nova, chegaron a contratalos para actuar nunha discoteca e ateigaron o local. Non en van dende os anos 50 que barcos galegos, como o "Rande" ou "A Rodeira", converteron Saint Pierre no seu refuxio durante os cinco meses que duraban as mareas do bacallau.Nos anos 70 pasaban por alí 5.000 homes, onde a maioría (80 %) eran galegos. Partidas de tute, música e lingua galega, con acentos de todas as rías, mesturado con algo de francés.

Xuntamos as gaitas de Manoliño de Donón e máis a de Lito de Pinténs. Xuntos tiñan que ter tocado xuntos e dar a coñecer ao mundo a habelencia suprema dos gaiteiros do mar.

E temos que imaxinalos xuntos nos palcos das parroquias e dicirlles ben alto: Viva Donón, Viva Pinténs e Vivan os nosos Gaiteiros do Mar. Por Sempre.

*Secretario de A Cepa e directores de "Os Gaiteiros do Mar"

Compartir el artículo

stats