"O Entroido, o Carnaval é para nós un sentimento, algo que levamos no ADN. Agardamos pola festa dende o día seguinte a que remata", confesaron os membros de Marcha Loca no pregón que abriu, onte pola noite, a festa en Cangas. A murga, que naceu en 1986 como Petroleiros -ían disfrazados de jeques árabes- e adoptou o ano seguinte o nome definitivo, repasou esas tres décadas fartas truoleando polas rúas con vestimentas que abarcan desde Rodolfo Valentino ata a sota de ouros, pasando por Os Simpson, colexialas, bufóns, señoritas italianas, personaxes de Astérix ou a banda dos Beatles. "Xa van 33 anos nos que pasou moita xente, onde nos rimos, onde traballamos arreo, onde disfrutamos e onde fixemos disfrutar", lembraron os seus compoñentes, e convidaron a disfrutar destes "días de festa, de compañeirismo, de risas, de música e diversión", un legado que herdaron e que "teñan por seguro, transmitiremos durante moitos anos".

O traballo de elexir e confecionar as roupas, con criterios dispares, a elección dos personaxes, sobre todo políticos, que protagonizan as súas letras ( "que pasa aquí en Cangas/ que hai tanto follón/ que este axuntamento/ está cheo de lambóns"), demandas sociais como o Corredor do Morrazo ( "Mais duha hora levaba ir a Vigo/ máis dunha hora, dios mío, que peligro"), e tamén asuntos tabú, que en Aldán son meterse co Bahía de fútbol ( "Henry foi inaugurar o campo/ pensando xa nos votos que ía sacar/ vai ser alcalde, pensan na directiva/ e todo o que pidamos/ el si nolo vai a dar") ou coa Igrexa católica, que mesmo ten causado baixas na murga á hora de cantar.

Marcha Loca tamén fixo unha emotiva lembranza de Anxo Gago, "Lito", gaiteiro de Pinténs, e das comparsas coas que coincidiron nestas máis de tres décadas de incansable troula carnavaleira.