Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (X)

A Asociación Xoán XXIII, Aspamsim e DOA presentan a súa experiencia no mundo da escena teatral

DOA e unha representación de "El salto", con Jose, Manu e Suso, en Padrón no ano 2015. // DOA

A Asociación Xoán XXIII, que ten como obxectivo fundamental a formación e promoción de persoas con discapacidade intelectual, comezou a funcionar en Cangas no ano 1999. Desde 004 este centro de adultos da asociación vai tentar aproximar o mundo das Artes Escénicas entre as persoas asociadas tal e como manifesta nun dos seus documentos:"? As artes escénicas son un medio para conseguir a integración social e normalización das persoas con diferentes capacidades, favorecendo o desenvolvemento das habilidades psicomotrices, sociais e o pensamento creativo. O teatro é un espazo libre para que as persoas experimenten. Un lugar para entenderse e comprender o mundo. Facilita a comunicación e a expresión libre de opinións. Supón un traballo integral da persoa poñendo en xogo os seus aspectos cognitivos, corporais e emocionais. Especificamente o teatro é un espazo que nos habilita como seres completos, complexos, únicos e capaces de crear outras realidades posibles?"

Deste xeito rezan os seus presupostos teóricos sobre o teatro. E como metodoloxía sinalan:"Partimos dunha idea e dunha dirección. Comezamos cun traballo de laboratorio, de investigación, creación persoal e de grupo. As ideas saen de diferentes propostas de expresión e creatividade corporal, que imos ordenando e fiando.

Respectamos a identidade de cada compoñente do grupo e facilitamos o seu xeito de moverse e de sentir . Na elaboración da escenografía participa o obradoiro de carpintería do centro. Na construción do vestiario contamos co traballo das voluntarias e voluntarios. Este traballo xurde para favorecer a creación e a expresión, valorando e potenciando todas as calidades de cada persoa. É un teatro para mirar e sentir."

Polo demais promove "unha metodoloxía motivadora do cambio. Sensibilizando a conciencia de que todos os estereotipos son nocivos e que polo tanto tamén se reflicten na mirada sobre a discapacidade."

Mostras realizadas con este espírito foron, coido, as diferentes representacións dos espectáculos dirixidos por Maite Campos. E cito algúns deles: "O circo dos esquecidos" sobre textos de "El libro de los abrazos" de Eduardo Galeano e "Cuentos de pulga" de Riki Blanco. Un espectáculo ao que fun invitado a participar como actor nalgunhas das súas actuacións. Esta experiencia foi para min reveladora das posibilidades comunicativas entre diferentes persoas que somos diferentes, sempre que esteamos abertos a superar estereotipos? Con este espectáculo participaron en 2013 na cuarta edición do CITEAMOR. Ademais de " A Cincenta" outro dos espectáculos foi "A Bela e a besta", conto tradicional adaptado por Maite que tamén estivo presente na programación do sexto CITEAMOR en 2015. O CITEAMOR - fermosa palabra- un Festival que organizado pola Asociación Cultural A Cepa e Asociación Cultural Entre Bambalinas, ofrece desde hai nove anos, ese espléndido escenario de todo o teatro afeccionado da comarca onde, entendo, por primeira vez comezou programarse, integrándoo, o traballo creativo teatral e diferente destas persoas agrupadas nas diversas asociacións preocupadas na comarca pola integración social.

ASPAMSIM. Asociación de Padres de Minusválidos Psíquicos de o Morrazo. Foi en 1988 cando comezou a andadura de Aspamsim cunha meta moi clara: conseguir a normalización das persoas con discapacidade e fomentar o valor social de ser diferente. Esta foi en Cangas a primeira asociación con estas obxectivos. Carlos Sotelo Rodal, o seu presidente, comenta como comezaron a actividade de teatro e que proceso seguiron: " O noso primeiro Festival Solidario -esa foi a denominación dos primeiros anos- ten a data de xuño de 2005, naquela ocasión contamos coa participación de artistas invitados. Pero en 2006, no segundo Festival, a iniciativa correspondeulles aos propios usuarios de Aspamsim, eles serían os protagonistas en escena. A experiencia foi tan enriquecedora que pronto xurdiu unha vocación de continuidade. A partir de aí, asistimos a unha sucesión de retos temáticos que os afrontabamos sen barreiras e con ilusión. Recreacións de contos, números de maxia e mímica, carrrusel deportivo, cabaré, o circo. Pero pronto saímos nas fotos e preparamos o 'Calendario Anual de Aspamsim', deste xeito faciamos dúas representacións anuais: na presentación de calendario en decembro e no mes de xuño no remate do curso. Unha sucesión de títulos apareceron a continuación: Soños, Nunca camiñarás solo, Radio Aspamsim, Luces ,Cámara, Acción, Aire...

En Aspamsim o teatro é unha rama do arte escénico cunha gran compoñente educativa e socializadora. Para as persoas con discapacidade, o teatro supón unha mellora na súa atención, concentración, motivación, coordinación espazo-temporal, control xestual, autonomía e afán de superación. Co teatro combinamos o diálogo, os xestos,os sons, a música, a escenografía, (atrezzo).

Os obxectivos que tentamos acadar coa representación das obras de teatro son: Descubrir a súa capacidade expresiva; potenciar a utilización de linguaxe verbal e non verbal como instrumento de comunicación e aprendizaxe; mostrar as súas capacidades para transmitir emocións e sentimentos ( a través dunha representación teatral ?); favorecer o desenvolvemento da autonomía e autoestima e por suposto do traballo colaborativo; e axudar á integración social no seu grupo de iguais e na sociedade.

Consideramos o teatro como un vehículo de loita a favor da inclusión. A representación facilita as persoas con discapacidade os instrumentos para lograr que a sociedade en xeral cambie a súa concepción sobre este colectivo, ignorando as súas dificultades e destacando as súas capacidades, logros e esforzos. Todo isto daría lugar ao recoñecemento destas persoas, brindándolles unha igualdade de oportunidades para unha total participación e integración no desenvolvemento da súa comunidade" .

Unha das persoas responsables de levar adiante estes obxectivos foi a educadora María González, que o conta así: "Os meus comezos en Aspamsim remóntanse ao ano 2003. Por aquel entonces os membros da xunta directiva eran outros, entre os que se atopaba Xoan Chillón.

As actividades teatrais xurden aproximadamente polo ano 2005-2006 e a primeira foi con intención de facer un acto para familiares e amigos onde poder dar a coñecer as capacidades creativas dos rapaces. Comezamos facendo algunha pequeniña obra infantil e un Musical de Mecano: 'Hoxe non me podo levantar'. A aceptación foi moi boa e foi cando nos plantexamos dar un paso un pouquiño máis aló e amosar as capacidades diversas das persoas con discapacidade intelectual organizando festivais onde as artes escénicas, interpretación como música e baile foran o noso motor. Quixemos engadirlle o toque de NORMALIZACIÓN E APOSTA POLA INTEGRACIÓN A TRAVÉS DAS ARTES. Foi cando decidimos organizar festivais en colaboración con outros colectivos onde se mesturaban rapaces e rapazas da asociación con outros nenos/as.

Fixemos colaboracións coa escola de danza de Maite Quiñones e a banda xuvenil Belas Artes de Cangas,tamén interactuamos en pezas con algúns membros de Tromentelo, entre os que se atopaba Xaquín Camaño.

As actuacións foron variadas: desde unha negra sombra rapeada e con danza e algún movemento de baile moderno ata formar parte dun conto musical coa banda xuvenil. Os seguintes anos aló polo 2008 fixemos actos que abordabamos unha temática como fío conductor e intercalabamos teatro e esques de humor.

Na última etapa xa empezou a formar parte Lolo e o xiro foi cara un teatro máis profesional e elaborado."

Manuel Chapela "Lolo", educador social e integrante do grupo de Lirilampo Teatro, foi pois o continuador deste traballo aínda que enfocando á actividade doutro xeito. Entre as diferentes montaxes que dirixíu compre subliñar a que levou por título "Que puidera namorala", estreada en 2013 para celebrar os 25 anos da fundación de Aspamsim e que participou no quinto CITEAMOR en 2014.

Furafollas Teatro. DOA Saúde mental. A asociación Doa Saúde Mental naceu no ano 1987 na cidade de Vigo. Dende o ano 2009 leva a traballar de xeito continuo en Cangas no seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral sito na rúa Andalucía (edificio Xoia). Alí aténdese a unha poboación de 25 persoas que padecen un trastorno mental severo.

O responsable da actividade, Sócrates Pérez de la Campa, monitor no centro e actor na Escola Municipal de Teatro de Cangas, cóntanos a súa experiencia ao longo destes anos: "A actividade de teatro no Centro de Rehabilitacion Psicosocial e Laboral (no sucesivo CRPL) comezou ese mesmo ano 2009, no momento de planificar as actividades de lecer do propio centro. Neses intres pensouse no teatro como actividade lúdica encadrada na programación de lecer das tardes aínda que co tempo decatámonos tamén do aspecto terapéutico de dita actividade, na que se traballan moitos dos aspectos psicoterapéuticos que abranguen a saúde mental, presentes nos plans de intervención e rehabilitación das persoas que atendemos. Unha vez decidido que o teatro formaría de xeito regular unha das actividades de lecer no CRPL decidiuse comezar a mesma co artellamento dunha obra teatral non moi extensa co gallo de facer unha representación da mesma unha vez estivera lista. Así, escóllense "Los clavos de plata" do dramaturgo checo Nicolás Bela da que realizo unha adaptación ao galego, situándoa nunha aldea do Morrazo sen determinar.

Durante un ano e medio, aproximadamente, trece actores, nunha única sesión semanal de dúas horas, prepararon esta obra. Cabe subliñar que foi un proxecto ambicioso xa que ademais de contar cos déficits cognitivos propios da enfermidade habería de terse en conta a inexistente experiencia teatral dos actores.

Unha vez argallada fíxose unha representación da mesma no propio CRPL e non se volveu representar ate o de agora. O seguinte traballo que se fixo foi unha velada de monólogos no ano 2011. Aproveitando o tirón que estes tiñan na televisión preparáronse cinco monólogos ao estilo do "Club de la Comedia", ben cómicos todos eles. Parte dos actores pertencían ao elenco da obra anterior, outros eran de recente incorporación. Fíxose un pequeno festival no propio CRPL coa presenza das familias achegadas ao que tamén se convidou persoal do área de saúde mental en Cangas (Sergas), asemade dalgún representante da corporación municipal e a velada foi un éxito. Isto supuxo un grande impulso para seguir a traballar arreo. Despois destes dous proxectos decidiuse que dedicariamos unha tempada a preparar exercicios de práctica teatral que nos serviran para mellorar certos aspectos do oficio teatral. E así o fixemos durante un tempo.

Polo medio o responsable da actividade escribiu unha comedia, "Misión Imposibel", como vindeiro proxecto teatral que culminou en xuño de 2013 coa súa representación no teatro da escola da Compañía de María en Cangas, con grande éxito de público. En síntese, tratábase dunha versión 'atorrentada' dos célebres superheroes americanos nun periplo pola vella Europa.

No ano 2014 xurdiu a posibilidade de participar nun estudo para unha tese doutoral, a través dun convenio coa Universidade de Vigo, no que se observarían os efectos beneficiosos do teatro na saúde mental xa que neste eido non hai cáseque traballos de investigación feitos. Así, durante o espazo que vai dende o derradeiro trimestre do 2014 e o primeiro semestre do 2015, en que rematou, os compoñentes de Furafollas Teatro estrearon un proxecto feito por eles mesmos, 'Cinco contos', nas instalacións da Casa da Cultura de Cangas. Salientar que dito proxecto foi conformado dende cero polos propios participantes, levando ás súas costas a propia construción dos personaxes, das situacións, etc. E todo elo guiado pola batuta de Sara Fernámdez Aguayo, a doctoranda da Universidade de Vigo quen levou a bo porto todo este traballo.

Unha vez mais, supuxo un éxito de público. Éxito que se repetiu na participación na primeira edición festival de teatro da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES), organizado por "Andaina" en Dodro (Padrón) en outubro de 2015, conxuntamente con varias das asociacións irmáns que están a traballar en Galiza con persoas con doenzas mentais severas que tamén fan teatro.

No ano 2016, na segundaª edición do festival de teatro FEAFES, en Ordes, Furafollas teatro presenta "Misión Imposibel 2.0 Extended" onde, os superheroes voltan facer cabriolas na vella Europa. Nesta nova versión aparecen novas escenas que non constaban na primeira. En 2017 preséntase no CITEAMOR e se obtén por primeira vez a recadación de taquilla."

Seguindo coa cronoloxía de estreas, en outubro deste mesmo ano estrearon "Love me tender. Escenas de microteatro", creación colectiva que participou na terceira edición do festival de teatro FEAFES, en A Coruña, actuou no Auditorio Municipal de Cangas e tamén nas instalación da residencia de usuarios que a Asociación de pais de minusválidos de Pontevedra, APAMP, ten para o seu colectivo.

Na actualidade están, segundo comenta Sócrates, ensaiando un novo espectáculo de cara ao vindeiro festival de teatro de FEAFES que vai ter lugar en novembro no Auditorio Municipal de Cangas.

VIVA O TEATRO!

Compartir el artículo

stats