Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Rafael González Rodal, médico republicano exiliado

Refuxiouse na República Dominicana, onde morreu nun accidente que a ditadura de Trujillo negouse a recoñecer

O cangués estudou en Santiago e formou parte da tuna.

A Lao Santos, mariñeiro, home libre, honrado compañeiro, para sempre na Memoria de Cangas

Rafael González Rodal nace en Cangas no ano 1906. Fillo de Rafael González Vidal (Mau-Mau). Estuda Medicina en Compostela onde foi membro da tuna e xogador de fútbol. Médico de forte compromiso republicano, consegue praza no Concello de Poio. Casa con Angelita Caamaño e teñen dous fillos.

O seu primeiro traballo, aos 28 anos, foi como profesor interino de Educación Física no Instituto de Segunda Ensinanza de Pontevedra, segundo sae publicado na Gaceta de Madrid cunha remuneración de 2.500 pesetas anuais. No 1934 ingresa por concurso como médico titular de Asistencia Pública Domiciliaria no concello de Poio e fixa a súa residencia en Combarro.

Cando se erguen os sublevados no golpe militar do 36, foi detido e acusado polo suposto delito de rebelión militar (causa 1166/37). Na proclamación da República fixera as proclamas e presentara en Cangas a varios dos seus dirixentes coma Emiliano Iglesias e outros de Izquierda Republicana no que militaba o seu cuñado Amancio Caamaño.

Foi acusado polas testemuñas de simpatizar coa Fronte Popular e de falsificar actas nas eleccións do 33 a favor dos radicais. Outros din que o 19 de xullo levou á Sociedade unha radio da súa propiedade "que escucharon todos los obreros y elementos de izquierdas, haciéndolo en las estaciones rojas, escapando con ella para su casa al enterarse de que había salido de Pontevedra un camión con Guardias de Asalto".

O cura tamén estaba en contra del, así como o médico que o acusou de "amañero electoral, propio de un ser vulgar y no de un hombre con su carrera". Un falanxista de Cangas foi outro dos seus acusadores: "Era de tendencia izquierdista extremada", que sempre se reunía cos elementos da Fronte Popular. Outra testemuña afirma que era amigo do alcalde Echeverri e dos mestres Víctor Sánchez e Gastiasoro. Foi posto en liberdade, quedando á espera da sentencia, libre das acusacións dos supostos delitos, segundo lemos no Diario de Pontevedra: "Vaise para a súa Cangas natal".

En decembro de 1939, o Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas, fai pública a sentenza contra González Rodal resultando a seguinte condena: "Quince anos de inhabilitación absoluta, oito anos e un día de desterro a máis de 200 quilómetros de Pontevedra e unha multa de 10.000 pesetas". O 28 de outubro de 1937 a Garda Civil de Cangas informa que se marchou da localidade e que non se volveu ver. O xuíz declárao en rebeldía.

Aparece documentado que consegue chegar a Valencia e entrar en territorio Republicano. Temos coñecemento dunha Circular publicada no Diario Oficial (Nº 288) onde o Ministerio de Defensa Nacional con data de 1 de decembro de 1937 concédelle a categoría de Tenente Médico provisional, polo tempo de duración da campaña, sendo destinado a prestar os seus servizos ao XXI Corpo do Exército.

Pasa a Francia e marcha ao exilio dende Burdeos chegando ao porto de Santo Domingo (República Dominicana) o 7 de novembro de 1939. No 1941 a Xunta de Auxilio aos Republicanos Españoles acorda xirar o importe da pasaxe dende Lisboa a Santo Domingo da súa muller Angelita e dos seus fillos para lograr o reencontro familiar.

Algúns republicanos conseguiron traballo dentro do Estado Dominicano en labores de innovación ou como asesores. Un deles foi Rafael que traballou alí en hospitais públicos do Exército onde instalan áreas de sanidade militar.

O Tenente de Sanidade Militar, Rafael González Rodal, "morre ao envorcar unha camioneta do Exército Dominicano, por imprudencia do condutor e polas malas condicións do vehículo. A viúva reclamou xudicialmente pero non estimaron a demanda, até o punto de que non se lle consentiu obter nin o certificado de defunción do seu home, que deixaba dous orfos. A xustiza da ditadura de Trujillo non permite reclamacións que puideran molestar ao réxime e sería inútil que se encomendase este caso a un avogado en Santo Domingo, porque non habería ningún que se atrevese a facerse cargo da súa defensa. Así pois, nin a máis pequena indemnización logrou a viúva, diante da morte violenta do seu marido", escrebía José Almoina no libro "Una satrapía en el Caribe".

Coa morte do médico cangués Rafael González Rodal en accidente da ambulancia, a familia trasladouse a México onde había unha forte presenza de exiliados españois acollidos polo goberno mexicano.

*Secretario de A Cepa e historiador

Compartir el artículo

stats