Nesta fría mañá de venres chegábanos unha nova que nunca quixeramos ter recibido. O inmenso corazón do noso mestre e amigo Lito non puido resistir máis a forza da enfermidade e acabou por deixar de later, deixándonos orfos e cunha dor inmensa e un baleiro imposible de que ninguén o poida volver encher. Anxo Gago Vaqueiro foi, ademais dun mestre incomparable para todos os que formamos a Banda de Gaitas Manxadoira, como un pai para todos os nenos e mozos que ao seu carón foron aprendendo a tocar os instrumentos e, sobre todo, a ser mellores persoas.

Así era Lito. A súa paciencia fixo del o mestre perfecto para os máis novos, para os mozos e tamén para aqueles que xa chegamos á Banda con certa idade. Aos seus enormes coñecementos sumaba unha man dos que moi poucos poden presumir para o ensino e a formación.

Nestes momentos resulta casi imposible escribir sobre Lito, xa que as bágoas saen sen control dos nosos ollos. Foron moitos anos de amizade e de compartir vivencias incríbles e inesquecibles. Con él grabamos o noso primeiro disco e participamos no Festival de Lorient; el foi o responsable de que ducias de nenos e mozos foran pasando por Manxadoira ao longo dos seus 14 anos como mestre e, sobre todo, que saíran sendo músicos e mellores persoas; e del é gran parte da responsabilidade de que a nosa formación ocupe o lugar no que se atopa actualmente.

A súa pegada na Banda e tamén en cada un de nós foi moi profunda, e perdurará ao longo das nosas vidas e da historia de Manxadoira, xa que foi moito máis que un mestre e un amigo, foi unha excelente persoa e un puntal en todos os aspectos. Por iso Lito seguirá sempre na nosa memoria e nos nosos corazóns.

Nestes momentos tan duros, non quero deixar de trasladar, en nome propio e de todos os que formamos Manxadoira, toda a a nosa solidariedade e apoio á sua muller e aos seus fillos. Lito estará xa no lugar reservado para os mellores. Ata Sempre!

*Membro da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu