"Non é un cliché dicir que se trata dun espectáculo para todos os públicos, porque hai moitos momentos enfocados para os máis pequenos pero tamén gags que son máis propios para adultos", sinala Daniel Comesaña, o actor moañés que estudou catro anos na Escola Municipal das Artes Escénicas de Cangas (Emaec) e que da vida a Shrek no musical que protagoniza a escola vilagarciana de música e danza Coda. Mañán chega ao Auditorio de Cangas despois de colleitar éxitos en Catoira ou Vilagarcía, donde se estreou nas datas de Nadal, e ten por diante un amplo recorrido para intentar "chegar a todos os recunchos de Galicia" coa ferramenta do idioma propio, como apunta Chus Ferreira, a directora de produción. Máis de medio centenar de persoas encárganse de poñer en escena unha produción complexa, con música en directo, un vestiario e maquillaxe moi coidados, humor e algunhas sorpresas que contribúen a facelo "moi humano" e que as preto de dúas horas pasen case sen enterarse.

A historia que guía este espectáculo é ben coñecida polos éxitos acadados pola película, que tivo varias secuelas, e o merchandising que o acompaña. Shrek, un ogro solitario, sorpréndese cando varias criaturas de contos de fadas son enviadas a vivir ao seu pantano polo malvado Lord Farquaad. Shrek faise amigo dun burro parlante, e os dous viaxan a encontrarse con Farquaad para reclamar o pantano que lle pertence ao ogro. O relato "escapa dos contos se sempre, das princesas salvadas por cabaleiros, e pon en valor a idea da diversidade, de que ser diferente é un don e hai que aceptarse", destaca Olalla Bouzas, directora musical. Na obra hai 30 persoas, frikis ou inadaptados sociais que contrastan cos fundamentos maioritarios ou oficiais.

Para o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e a concelleira de Obras e Servizos, Mercedes Giráldez -que asistiu á presentación de onte no Concello en nome do edil de Cultura, Héitor Mera- a chegada do musical Shrek a Cangas supón "unha gran oportunidade" para asistir a un espectáculo "de primeiro nivel", e que se produce "para recibir o Entroido e nun horario moi familiar", con comezo ás seis da tarde. Tanto os representantes do Concello como os da compañía cren que estas circunstancias préstanse a que o público acuda disfrazado e con gañas de pasalo ben. Coda xa estivo antes en Cangas para presentar outro espectáculo de éxito amparado na película "O Rei León" e agardan que a resposta do público volva a ser maioritaria.

Achegarse aos musicais

Para os representantes institucionais e da propia compañía, Shrek é unha excelente oportunidade para achegarse ao teatro musical, que ten pouca tradición en Galicia, e romper prexuízos sobre o xénero. O Auditorio de Cangas conta cunhas condicións e características técnicas que lle permiten acoller esta tipo de producións. Coda ten os dereitos sobre a obra e aposta por seguir nesa liña, na que está acadando éxitos cos seus últimos traballos. As entradas para mañá en Cangas xa están a venda por 17 euros a través de www.ataquilla.com e nas propias billeteiras desde dúas horas antes do espectáculo.