Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Magariños "Sen organización dos colectivos pasariamos anos agardando polo Auditorio"

Explica os cambios no proxecto que propuxeron pero sinala que "a última palabra a ten o Concello"

María Magariños -segunda pola dereita- con outros directivos da plataforma, onte. // Gonzalo Núñez

María Magariños (1978) preside dende xullo de 2017 a Plataforma Proauditorio de Moaña, que naceu da man de máis de 30 asociacións do municipio e varias personalidades individuais do mundo da cultura. Tiña experiencia previa no mundo asociativo tanto na Anpa de Tirán como na asociación de veciños desta parroquia. Foi tamén vicepresidenta da Federación de Anpas de Moaña e directiva do Samertolaméu de atletismo.

-Como xurdiu a idea de crear esta plataforma?

-Inicialmente houbo unha convocatoria da Asociación de Mulleres, que convocou a todas as asociacións de Moaña. Todos tiñamos a conciencia de que era necesario, pero a chispa xurdiu cando o párroco puxera problemas ás corais para actuar na igrexa. Na primeira reunión xa se falou da necesidade de organizarnos e unir á sociedade de Moaña para reivindicar esta necesidade.

-Como chegou a ser presidenta

-Levo anos en asociacións como a Anpa de Tirán ou á Asociación de Veciños. Fun á segunda reunión a botar unha man, e saiu unha directiva. Pero o tema de ser presidenta é o de menos, o importante son todos os colectivos que temos detrás.

-E cantas asociacións integran agora a Plataforma Proauditorio?

-Son máis de 30. Entre elas as corais, a Federación Veciñal A Chamusca e outras asociacións veciñais de xeito particular, a Banda de Música Airiños do Morrazo, compañías de teatro... Practicamente todas as de Moaña. Sería máis sinxelo averiguar cales non están. Temos que falar coas Anpas, porque o auditorio é importante para elas, que teñen que facer as actividades no auditorio de Cangas.

-En que fase están agora coa demanda desta infraestrutura?

-Nas primeiras reunións co Concello solicitamos o proxecto antigo para estudalo. Tivemos acceso a él e nos reunimos con xente que leva toda a vida traballando en auditorios para trasladar ao Concello carencias dese proxecto e melloras necesarias.

-É necesaria unha grande modificación do proxecto redactado hai máis dunha década?

-Será o Concello o que terá a última palabra. Nós propoñemos varias modificacións de espazos para, por exemplo, que a zona de carga e descarga conecte directamente co escenario. Pídese tamén unha ampliación do escenario previsto, que era moi estreito. Tamén se propuxo adaptar un corredor longo con espellos, coma no de Cangas, que facilita a preparación dos actores antes de subir ao escenario.

-Por que desapareceu da axenda política moañesa o auditorio durante varios anos?

-Creo que no goberno municipal anterior non se impulsou nada o auditorio. Só antes das eleccións apareceu Louzán -expresidente da Deputación- prometendo esta dotación. Pero era un asunto paralizado. Pero estou segura de que tamén influíu que non se desenvolvera urbanísticamente a parcela onde iría o auditorio, seguro que por culpa da crise.

-Cando máis se percibe a necesidade dun espazo deste tipo é durante os Circuítos Teatrais, non?

-Moaña, como lle ocorre a Cangas, é un dos pobos con máis actividade cultural e asociativa do Estado. Non só son os Circuítos Teatrais. Temos a Banda de Música, as corais, un montón de galas... Agora se están empregando os espazos do centro Daniel Castelao e do IES As Barxas. Por exemplo, cando a Banda Airiños do Morrazo se presenta a un certame musical, nunca sabe como vai sonar ata que están dentro dun auditorio. Non parten en igualdade de condicións con respecto a outras bandas. As corais, por exemplo, son convidadas a moitos foros por Galicia de música vocal e elas non poden convidar ás agrupacións a Moaña. Tamén se nota no entroido. A carpa do centro ten mala sonoridade. A xente se queda con que só fan ruído. Despois as escoitas nun espazo pechado e dá gusto.

-Son optimistas sobre as opcións de ter un auditorio a medio prazo?

-Eu creo que é difícil. Nos vai levar moitos anos. Ogallá estea equivocada. Pero o que está claro é que se o deixamos ir seguiriamos sen auditorio moitos anos máis. As administracións van resolvendo asuntos onde reciben máis presións. Creo que nos tiñamos que mobilizar moitos anos antes. Agora o importante é resolver o acondicionamento dos terreos e definir o proxecto. Despois trataremos de facer actos públicos para sumar cada vez a máis xente e pedir ao financiamento necesario.

Compartir el artículo

stats