Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (IX)

Lamapereira céntrase neste capítulo nos grupos "Mar aberto", "Os deslinguados" e o "Obradoiro Teatro Aberto"

Mar Aberto , nome escollido en 2017, da Asociación de Xubilados Santiago de Cangas botou navegar como grupo de teatro no ano 2012. Nesta singradura enroláronse persoas que xa contaban con experiencia como por exemplo Lina Gallego quen comezou a mediados dos anos 60 a facer teatro na "Escuela obrera" que existía no Colexio Compañía de María onde representou " Sublime decisión " de Miguel Mihura ou "La barca sin pescador" de Alejandro Casona (Ver Crónicas O teatro en Cangas 1960-70 publicadas en xullo de 2016), Xaime Villalón que tamén actuou- cumprindo a "mili" na Escola de Transmisións en Madrid- en "Las guerreras", obra na que el facía un papel de muller. E quizais haxa outras persoas que tamén fixeron teatro no Colexio ou noutros grupos antes de formar parte en Mar Aberto.

Participar nun grupo de teatro de reformad@s- como din en portugués- é, sen dúbida, unha das vantaxes da xubilación: ter tempo para dedicarllo a aquilo que gusta e da pracer que neste caso é o teatro. E isto contra o vento e marea dos recortes nas pensións con esa insultante subida do 0,25?..

Mais se condición fundamental para facer teatro é pasalo ben e gozar, o xogo teatral permitirá ademais recuperar e activar a capacidade lúdica e creativa encarnando personaxes que enriquecerán á persoa ao poñela en situacións e vivir emocións máis alá da vida cotiá. Servirá tamén para desenvolver a comunicación no grupo, coñecer mellor a lingua galega e a literatura e será en fin un camiño para analizar e comprender mellor mundo. Continuarase aprendendo agora xa como persoas maduras.

Todo isto é posible nas dúas horas semanais de ensaio no local da propia asociación preparando as montaxes que Mar Aberto foi presentando ao longo destes anos sempre baixo a dirección de Zé Paredes e a colaboración de Mónica Camaño.

Vexamos como nolo contan nunha das súas memorias: "Na nosa primeira creación levamos á escena unha adaptación ao galego do " Auto da Barca do inferno", do renacentista portugués Xil Vicente, seguimos coa abordaxe da literatura dramática galega con "O Velorio" de Francisco Taxes e finalmente a "Farsa plautina" de Agustín Magán. A vontade de evolucionar e seguridade de que con esforzo seguiremos camiñando sempre albiscando novos horizontes, levounos a enfrontar unha comedia do gran bardo inglés William Shakespeare, "As alegres casadas de Windsor", que na nosa humilde adaptación titulouse "Falstaff".

Con esta pouca experiencia adquirida, o Grupo de Teatro Mar Aberto atrévese agora a montar un sinxelo musical, adaptación daquel que foi estreado por Cándido A. González no ano 1953 en Bos Aires. A sona cantareira do pobo de Cangas sumado á temática mística e mariñeira, pareceunos do máis adecuado para a nosa nova temporada. "Mal Ollo" é unha peza na que prevalecen os valores da música tradicional, e que na súa estrutura dramatúrxica clásica, busca transmitir de maneira doada valores e elementos de identificación nacional. Basicamente o argumento desenvólvese entre dous espazos: a taberna da aldea, representado escenográficamente por un mostrador, unha mesa e banquetas colocados na esquerda alta do escenario; e a ribeira representada por un con cun cruceiro, tan típico da nosa costa. E é entre a esculca no mar esperando o regreso dos mariñeiros, e a taberna-tenda, centro de todos os dixomedíxomes, que se vai desfiando a trama desta historia. "

Entre as moitas anécdotas posibles subliño a que lles aconteceu na representación de "O velorio" de Francisco Taxes que fixeron no Centro Social do Mar en Bueu. Aquí levaron unha agradable sorpresa cando lles dixeron que vira a obra Xurxo Taxes o fillo do autor e que lle gustara moito. Casualmente pasou por Bueu mirou o cartel e quixo quedarse para asistir á representación. Deulle parabéns ao grupo e conversou con Ze, o director.

Algunhas das súas actuación tiveron lugar en Campo Lameiro, Matamá, Bueu, e no Auditorio Municipal de Cangas, programados en solitario ou formando parte do Ciclo de Teatro afeccionado do Morrazo (CITEAMOR). Os compoñentes do grupo na actualidade son: Antonio Fandiño Villar, Araceli Gato Gato, Avelina Cordeiro Iglesias(Fina), Avelina Piñeiro Martínez, Elena Rolo Silva, Jaime Villalón Castro, Joaquín Calvar Fandiño, José Ramón Rodríguez Sanjurjo(Moncho), José Sainz Penelas, Lina Gallego Villar, Lina Santiago Santos, Mª Carmen Fernández Leal, Olga Rodríguez Larranz e Vicente Martínez Casal.

"Os deslinguados". Este grupo comezou a súa andaina en 2008 aínda que non estaba bautizado con este nome pois antes era o Grupo de Teatro da Federación de ANPAS de Cangas. A idea inicial xurdiu cando coincidiron na dirección da ANPA de Rodeira Ricardo Casas e Antón Lamapereira e tentaron que o teatro formase parte das actividades promovidas pola Asociación do IES de Rodeira que nesa altura estaba federada con outras ANPAS do Concello.

Nese curso 2008-2009 presentaronse tres pezas breves "A chave na porta" de Jenaro Marinhas del Valle, dramaturgo considerado como o iniciador do teatro social na dramática galega de posguerra. "Carta de amor a Mary", unha sátira sobre a guerra , de José Luís Alonso de Santos prolífico autor con máis de trinta obras estreadas con grande éxito de crítica e publico entre as que se encontra "Viva o duque o noso amo" que fora estreada en Cangas polo colectivo Múa en 1984 traducida ao galego e con dirección de Xosé Manuel Pazos ( Ver Crónicas do teatro Faro15 enero 2017) A terceira peza "Bed & Breakfast" consisitíu nunha lectura dramatizada do autor norteamericano Richard Desser.

O grupo inicial estaba formado por Pili Martínez, Cristina Fernández, Nieves Otero, Ricardo Casas e José Lagoa. A dirección foi de Antón Lamapereira.

Como grupo vinculado a ANPA ,os ensaios e as estreas estiveron condicionados ao calendario escolar. En canto a composición do grupo aínda que nos comezos estaba formado por nais e pais do alumnado matriculado nos diferentes cursos co tempo foise ampliando á participación de outras persoas.

En 2009-2010, xa coa dirección de Antonio Pazos, presentouse o espectáculo"Os deslinguados" título que lle deu nome ao grupo. Esta peza é unha adaptación da Comedia Bífida de Manuel Núñez Singala. Unha farsa sobre algunhas das situacións que se viven a diario en Galicia en relación coa lingua propia.Un texto que leva á risa e mesmo a reflexión pois algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin san Pedro. Desde este momento a escolla das obras á representar perseguirán a comicidade. En 2011-2012 represéntase "Unha tarde de humor en catro tempos" título xenérico que inclúe catro pezas curtas : A superjuani. O amor é cego. Industrias o Pacifista SL e O ensaio. En 2012-2013 tamén baixo o título de "As cousas non son o que parecen" presentaron os sketches : Xullo. Entre colegas. Desviación de chamada e Guerras domésticas.

En 2014-2015 foi "A farsa do señor Xuíz" unha adaptación da obra Farsa y justicia del señor juez de Alejandro Casona. As tres dirixidas por Antonio Pazos. Con esta obra, ademais da actuación no IES de Rodeira tamén o fixeron no VI Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR), no Centro Social do Mar en Bueu e na Mostra do Condado : MOSTRATE, en Fornelos da Ribeira (Salvaterra).

Aquí compre abrir unha paréntese e facer referencia ao labor realizado con anterioridade por Antonio Pazos na dobraxe para a Televisión de Galicia. Lémbrese que esta entidade, que comezou as súas emisións en 1985, vai ter unha forte influencia no desenvolvemento do teatro galego ao posibilitar emprego os actores e actrices en Galicia.(Ver nas Crónicas do teatro. A escena teatral en Galicia 1975-1985. Faro 20/11/ 2016)

Pois ben este director cangués entre os anos 1987 e 1997 traballou- antes de entrar no INEM onde está na actualidade- en varios estudios de dobraxe de Santiago, Coruña e sobre todo Vigo.

Nesta cidade había tres empresas: Songasa, Sodinor e CTV (esta era unha filial de CTV Santiago) e foi na que desenvolveu a maior parte do seu traballo.

Este era un estudio especializado en debuxos animados, e alí dobráronse, sobre todo nos anos 90 a maioría dos debuxos animados que emitía, e segue emitindo aínda, a TVG no "Xabarín Club".

Aínda que comezou como actor ó pouco xa pasou a exercer como director de dobraxe, e dirixiu películas como "Purple rain", de Prince, "Salomé" de Rita Hayworth.... e as series de debuxos máis famosas daquela: "As bólas máxicas", "Dragon Ball Z", "Doraemon", "Os Cazafantasmas", "Casper, a pantasma amigable", e un longo etcétera.

Hoxendía, os que daquela eran nenos e seguidores desas series, formaron grupos nas redes sociais nos que reivindican a calidade daquelas dobraxes, organizando foros e "meetings" nos que o invitan a participar e dar charlas, tanto a il como os actores que participaron neses traballos.

A maioría do traballo faciano en galego, pero tamén traballaban en castelán para TVE, Antena 3 ou Telecinco con películas como "El fugitivo", "Instinto Básico" e series como "Los vigilantes de la playa" ou "Power Rangers".

Na sexta montaxe dos deslinguados en 2015-2016 a obra escollida foi "Pobriña sobriña Loli" unha adaptación libre realizada por Antonio Pazos da obra La consulta de Angel Camacho Cabrera e xa en 2016-2017 representaron " Carmiña a vermella no camiño de Santiago" creación colectiva do grupo. Con ámbalas dúas tamén participaron na 7 e 8 edición do Citeamor. Agora stán ensaiando "O fillo do rei" conto popular de tradición galega que agardan representar na IX edición do CITEAMOR que comezará o próximo 3 de abril.

Os membros do grupo na actualidade son: Meru González, María Isabel Lemos, Pili Martínez, Francisco Lariño, Ricardo Casas, José Manuel Ruiz, Ana Belén Santervás, Nieves Malvido, José Manuel Menduiña, María Miñana. Mais ao longo destes anos, e ademais das persoas xa citadas do grupo inicial, tamén foron integrantes do grupo María Eugenia Núñez, Cristina Rial, Saly Prieto, Nieves e Cristina Molanes.

"Teatro Aberto". Este grupo apareceu a partir dun proxecto presentado á Dirección da Escola de Adultos do IES Rodeira de Cangas por Xoán Carlos Riobó e Antón Lamapereira durante o curso 2016-2017. Inicialmente tentaba levar adiante un grupo de teatro formado con persoas adultas que a través da recuperación da memoria dos seus integrantes e doutras testemuñas puxera en pé un espectáculo que mostrara o que supuxo na vida persoal e social a existencia en Cangas da Fábrica Massó e outros lugares de traballo.As conversas nos primeiros ensaios sobre o que tentaban facer foron modificando o plan inicial centrado en Massó para ampliar o punto de vista cara a valoración do traballo da muller desde os anos da posguerra até o século XX. O nome elixido de Teatro "Aberto" é porque o grupo non está pechado e desexan a colaboración de outras persoas matriculadas noutros obradoiros do centro que poidan colaborar coa música, co deseño do cartel e escenografía, coas luces, etc, etc. O título da súa primeira montaxe é " Mulleres da mar tendida." Que se conta nela? Retrincos da vida de Rosa, unha nena que nace na primavera de 1929?. Na súa memoria están os anos da República, da Guerra Civil, da presión social, o traballo das mulleres durante boa parte do século XX. Mais:Todo cambia?. A dramaturxia está aseada nos seguintes textos:

-"Mulleres da mar tendida" . Diferentes testemuños de mulleres- e algún home- que traballaron nas fábricas de conservas. Traballo de campo realizado pola Asociación Cultural a CEPA.

-"Casa dormida" de Xosé María Álvarez Cáccamo. Cadernos da Escola Dramática Galega.Nº 69.

-"Cartas de republicanos galegos condenados a morte" (1936-1948) Xesús Alonso Montero. Edicións Xerais. Os seus Intérpretes son : Pilar Fernández Curra, Pilar Ferrari Parcero, Araceli Gato Gato, Antón Lamapereira López, Francisco Lariño Romay, Pilar Malvido Villar, Berta Pousa Martínez, Cristina Rial González. Música: Himno de Riego, Ana Gabriel, Michael Nyman e Carlos Núñez.

A dirección e dramaturxia é responsabilidade de Xoán Carlos Riobó.

A peza estreada o 20 de decembro de 2017 na aula multiusos do IES de Rodeira segue viva e andan a mellorala para poder presentala noutros espazos. Mentres tanto andan á escoller outro texto aínda por decidir. Mais o grupo quere seguir aberto?

Agradecementos aos informantes: Xaime Villalón, Araceli Gato, Paco Lariño, Ricardo Casas, Cristina Fernández, Nieves Otero e Antonio Pazos.

Compartir el artículo

stats