Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Virginia Bamio, A Artista. Bailarina e vocalista

Uniuse a unha orquestra coa que percorreu media España e en Madrid logrou adicarse ao mundo do espectáculo

A Artista nas publicacións Radiocinema e Cicerone.

"Enciéndanse las nuevas luces del viejo varieté? Hoy como ayer,necesitamos olvido y el placer de ver a los artistas, esos ilusionistas que hacen el mundo desaparecer". Así empeza a canción "El viejo varieté", da escritora arxentina María Elena Walsh que hoxe traemos aquí para iniciar a semblanza dunha muller artista que dedicou a súa vida ao espectáculo de entretemento. Ela é de Cangas, chámase Virxinia Bamio Graña, neta de María A Ghallana.

Virxinia nace un ano de moitas carencias, 1937, nunha casa pequena e humilde no barrio do Sinal. É a sexta filla nunha familia de nove criaturas que compartía casa coa tía Constanta, que facía os doces na do Pote. Pola súa mediación, Virxinia empezou a traballar, con nove anos de idade, coidando a Carlos e Julio, os fillos do doutor Iglesias Puga, veraneante en Cangas naquela altura.

Dende moi mociña, a Virxinia gustáballe moito cantar e bailar. Sempre contenta, levaba a ledicia alí por onde ía. Toda esta alegría que desbordaba contrastaba cos tempos de miseria que a rodeaban e fíxolle levar algunha labazada do seu pai, un mariñeiro moi severo. Sen importarlle os reproches do seu proxenitor ela seguía adiante coa súa forma de ser. Por iso na casa déronlle en chamar A Artista.

Ao falecer o seu pai, Virxinia vaise de Cangas contratada por unha orquestra como vocalista. Percorre media España até chegar a Madrid onde segue dedicarse ao mundo do espectáculo.

Traballo lle custou conseguir que aquela Central Nacional Sindicalista, que había no franquismo, baixo o mando da Falanxe, lle recoñecese a súa profesión. Ao final conseguiu o carné profesional como bailarina do sindicato vertical. Un triunfo para ela nun tempo difícil e máis para as mulleres que se querían dedicar ao mundo do espectáculo de variedades. Seguiu viaxando e actuando como bailarina de revista musical por salas de festas e locais de music hall.

Cando viña de visita a Cangas, as persoas que a coñeceran de pequena admirábanse ao mirala tan elegantemente vestida. Deseguido, corríase a voz de que Virxinia estaba na vila e todo o mundo saía ás xanelas para mirala pasar con aquel donaire que ela se traía dos madriles. E, despois, copiábanlle os modelos tan modernos que lucía A Artista.

Nunha ocasión estaba organizado un festival no cine de Andrea para recadar fondos para algunha acción humanitaria. Pedíronlle a Virxinia que actuase para axudalos e non fixo falta repetirllo. Ela que era a xenerosidade en persoa puxo no escenario toda a súa arte e todo o seu agarimo ao servizo da nosa xente.

En Madrid coñeceu a Luís. E, despois de catro anos de noivos e un fillo en común, casaron no 1964 e tiveron dúas fillas máis. Dende aquela dedicouse á súa familia coa mesma enerxía e paixón que a caracterizaba.

Sempre que pode volve pola súa vila de Cangas falando coas xentes que a recordan e, rodeada de amigos e familiares que sempre a temos no corazón. Agora Virxinia, con 80 anos, viúva, vive no madrileño barrio da Latina a carón do río Manzanares. E como di María Elena Walsh: "A escena los artistas,/ mientras el mundo exista/ no se suspende la función".

(*) Socios da Cepa

Compartir el artículo

stats