Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Luís Eugenio Santos Sequeiros, médico de Cangas

Estudou en Santiago e Madrid e gañouse merecidamente a fama de home atento, traballador e moi activo

Unha estampa familiar con Pilar, varios fillos e netos na finca da rúa Real a comezos dos 80.

O médico Luís Eugenio Santos Sequeiros naceu en 1909 na Pobra do Caramiñal, vila do seu pai, o avogado Antonio Santos Hermo, que xunto ao seu irmán Luís Lorenzo participa, entre 1898 e 1903, nas mobilizacións sociais defendendo a causa antitraiñeira xunto a Eugenio Sequeiros. Foi neste proceso onde coñeceu a súa filla Eugenia coa que casou. Aos poucos anos, enviúva e cos seus cinco fillos, volta vivir a Cangas coa súa nai, Amalia González Bermúdez de Castro na casa familiar na rúa Real.

Luís Eugenio asiste á escola de Angel Mato, de ideoloxía socialista que deixou unha agradable lembranza nos seus alumnos. Preparounos para o bacharelato a el e a súa irmá Josefina para examinarse por libre en Pontevedra onde tiñan que desprazarse nun carro de cabalos.

Marchou a Santiago a estudar Medicina seguindo os pasos do seu avó Eugenio Sequeiros Matos, que foi alcalde de Moaña a finais do século XIX, recoñecido médico que exercera en Sanidade Exterior traballando, coas tripulacións con enfermidades contaxiosas, en corentena no lazareto de San Simón.

En Compostela viviu nunha pensión fronte á Casa da Troia, da que Darío Álvarez Blázquez fixera unha crónica nos anos 60 en Faro de Vigo:"... Luis Eugenio Santos Sequeiros, que era de Cangas y prodiga hoy su generosidad en las tierras de la Padrenda orensana, me acompañaba muy bien con la guitarra. Ese sí que era bueno. Todo lo hacía bien menos jugar al dominó."

Os anos 1928-29 foron de forte axitación política entre os estudantes contra a ditadura de Primo de Rivera e o reitor Blanco Rivero. De par diso desenvólvese a admiración do estudante ao profesor Nóvoa Santos e logo ao profesor Jiménez Díaz, mestre destacado en Madrid, onde continúa os estudios desde 1930. Mantén amizade co pintor cangués Emilio Fernández Rodal que lle pintaría un retrato tocando a guitarra.

Luís Eugenio foi cofundador e preparador do equipo de natación feminino do club Rodeiramar, que colleitou bastantes éxitos en varias competicións na modalidade de espalda. De 1926 a 1935 en Cangas son anos de deportes náuticos para os irmáns Santos Sequeiros: natación, piragüismo, water-pólo...

Tras licenciarse en Medicina, exerceu en Beluso. No Almirante Cervera alístase como médico ao comezo da Guerra Civil. Ao rematar a contenda pediu praza en Marrocos, daquela protectorado español e exerce en Azib de Midar e Tistutin. Retorna en 1942 con praza de médico rural en Amieva, nos Picos de Europa (Asturias). Trasládase no 1948 a Pedrafita do Cebreiro (Lugo).

No 1945 casa coa compostelá Pilar Castroviejo. En Amieva (Oviedo) naceron os seus tres primeiros fillos. Desde 1950 exerceu como médico de familia en Padrenda (Ourense) durante 20 anos onde naceron o resto dos seus fillos. Xa maior, en 1970, con 61 anos, consegue o traslado a Cangas traballando na chamada Casa do Médico e logo na Casa do Mar até a súa xubilación.

A Medicina e a música foron as súas grandes paixóns. Dende a súa xubilación, en 1980, ilusiónase coa Asociación Guitarrística Galega e intégrase nun cuarteto de pulso e púa con Barreiro, Barreiro e Ángel Blanco. Compón pequenas pezas para fillos e netos, entre elas as "Seis cancións para un neno que nace", ao seu neto Artai en 1993.

En 2006 falece Pilar Castroviejo con quen compartiu, durante máis de 60 anos, vida, nove fillos e colaboración profesional. Con 97 anos, vai esquecendo mesmo a súa propia guitarra; pero segue a cantar cancións de xuventude e infancia acompañándose ritmicamente co seu caxato ou calquera outra posibilidade percusiva ao seu carón. Celebrou os cen anos de medicina soprando as candeas e brindando na compaña dos seus nove fillos, dez netos, e outros familiares cos que posou antes do xantar para a foto conmemorativa. Morre en Cangas aos 103 anos, na casa da infancia, a casa dos avós na rúa Real o 24 de febreiro de 2012.

Como médico deixou sona de atento, humanitario, cobraba pouco, e moi activo e traballador, axudado pola súa muller Pilar.

Aínda permanece o recordo vivo do gran deportista que era: "Nadaba das Pontes a Rodeira e volvía. Era un gran nadador". Lembrámolo na praia cos seus longos baños e xa de máis maior sentado ao sol ollando o mar de Cangas. Son as imaxes que gardamos na memoria os que o coñecemos. Un século de historia viva.

*Secretario de A Cepa e profesora

Compartir el artículo

stats