"Achegamos este libro como unha mirada dos terrestres á vida do mar e da pesca, do vivido polos mariñeiros de Cangas en todos os mares do mundo. Vai para vós, irmáns de salitre e sol e chuvia", anuncian desde A Cepa. O amplo volume, con preto de 300 páxinas, recolle por capítulos fotos históricas do porto de Cangas, algunhas delas datadas arredor de 1900, como unha vista panorámica do Señal, unha manifestación das sociedades mariñeiras cos seus estandartes ou as lanchas varadas preto de Ojea. O reloxo meteorolóxico de Guitián, inaugurado en marzo de 1908, os tendales do Forte, asembleas populares do aterrado da alameda ou o trafego da pesca e da descarga desde balandros aos carros de bois que chagaba a pé de praia son outras instantáneas que reflexan a sociedade mariñeira da época.

O material abonda e detrás deste libro de A Cepa, como de todos os seus, hai un complexo traballo de recuperación, clasificación e posta en valor. "Tempo tardamos en ensamblar as cadernas e en armalo", recoñecen os seus artífices, que reservan un espazo para reflexar "a ollada dunha fotógrafa", Ruth matilda Anderson, pioneira nestas terras do Morrazo que visitou e perpetuou nalgunhas instantáneas que se intercalan coas de outros mestres como Ocaña, Sarabia ou Pacheco.Tempos do Café Cosmopolita, de barcos de pasaxe ateigados no peirao, de guindastres que apuntaban á actividade comercial nas factorías vencelladas á pesca e ao mar, con descargas de sardiñas nas fábricas de Cervera ou de Massó... Entre elas, debúllanse outros capítulos sonados,como o afundimento do trasatlántico mixto de carga e pasaxe Southern Cross, que sementou de louzas e outras mercancías a costa da Congorza, para aproveitamento dos cangueses.

Os barcos de pasaxe, fío de conexión entre as dúas marxes da ría, o Polycomander ou os baleeiros que descargaban cetáceos e deixaban topónimos como Punta Balea, forman tamén parte dos testemuños fotográficos traballados pola Cepa, que adica extensos capítulos á pesca de baixura e á de altura, donde traballaron e traballan milleiros de morracenses, cada un coas súas historias paralelas, de labor, de ocio e de sofrimento, mesmo de loito, cargadas na "memoria salgada" dos protagonistas.

"Mariñeiros de Cangas" pasa da cor ao branco e negro conforme a vida e a tecnoloxía avanza, ainda que a escala de grises tamén recuperá protagonismo cos inicios deste milenio, cando o Prestige vai a pique fronte á costa galega e espalla un chapapote de desolación ao que os mariñeiros e as súas familias, unha vez máis, vanlle facer fronte con máis vontade e determinación que ferramentas. Entre outros moitos, alí estivo tamén Colón, cunha man no timón e a outra apretando o disparador da cámara fotográfica que tantos destellos de memoria recupera desde A Cepa.

A Antártida, a Mariña Mercante, o bacallau en Terranova, a loita na defensa dos recursos pesqueiros e naturais da ría, reflexadas tamén na música popular e de taberna, na poesía e na historia común... "Poñémoslle a estacha de remate no norai do peirao, a carón da vella farola do porto. Que os ventos que sexan favorables", proclaman.