Tras a elección e adaptación da primeira obra, "O Triciclo" de Fernando Arrabal, Teatro Avresno logrou estrear por vez primeira en agosto de 1998 en Moaña. Posteriormente virían outras actuacións en diferentes lugares, repartidas entre os anos 1998 e 1999, entre as que destacan as inseridas nos Ciclos de Teatro Afeccionado de Moaña e Cangas.

Esta polémica obra de Fernando Arrabal, escrita durante a época da posguerra, está guiada por uns personaxes desarraigados, marxinais, que se debaten nun mundo hostil e opresivo. Estes superviventes que subsisten na contradición foron encarnados polos actores Lucía Durán, Christian Pena, Daniel A. Rodríguez, Sara L. Nogueira, Sole Costa e Javi García, que se enfrontaron ao labor de convertérense en rapaces obrigados a funcionar como adultos.

Despois desta primeira experiencia, Teatro Avresno decide embarcar nun proxecto máis ambicioso; a representación da obra "As árbores morren en pé", do escritor Alejandro Casona. O grande reto que se presentou foi o de poñer en escena un número moi elevado de actores e actrices no papel de personaxes soñadores que só teñen a loucura e a mentira como alternativa á estupidez e que non conseguen diferenciar a fantasía da realidade. Os encargados de cuestionar a verdade e a mentira foron Romina Ferral, Ángeles Quintas, Benjamín Martínez, Miguel A. Juncal, Uxío Ramos, Sara L. Nogueira, Enmanuel Girondo, Daniel A.Rodríguez, Inés Boubeta, Lucía Durán e X. Daniel Costas.

"As árbores morren en pé" foi representada en diversos lugares ao longo dos anos 2001 e 2002, entre os que destacamos, unha vez máis, a participación no Ciclo de Teatro Afeccionado de Cangas; a actuación no Auditorio Municipal de Vigo ou a participación na Semana Cultural das Letras Galegas na Universidade de Vigo.

A finais do 2002 Teatro Avresno consolídase como asociación sen ánimo de lucro co obxectivo de aumentar o radio de actuación e ofrecer un teatro de máis calidade. Tamén pasa a formar parte do Plan Cultural da Deputación de Pontevedra, con presenza nos directorios anuais divulgados a nivel provincial e autonómico. Este programa permitía ademais solicitar subvencións aos contratantes para fomentar a actividade teatral galega.

O seguinte proxecto de Teatro Avresno foi "A súa maxestade a moda", do valenciano Eduardo Quiles. Esta é unha peza atemporal sobre o absurdo dunha sociedade dominada pola incoherencia e a frivolidade, onde a poesía ou os amantes exóticos cotizan á alza e cadaquén ten algo que ocultar. Unha obra na que os personaxes (bardos, paranoicos, liberais ou marxinados), encarnados por Sara L. Nogueira, X. Daniel Costas, Ángeles Quintas, Benjamín Martínez, Enmanuel Girondo, Lucía Duran, Daniel A. Rodríguez, Rosa Martínez e Gerardo Morales; nos fan entrar nun xogo en que todo ten o seu prezo. Son extravagantes marionetas obsesionadas polos cartos, a moda, o sexo ou a supervivencia que forman unha familia rota pola presenza dun vagabundo que lles acabará dando sentido ás súas vidas cun obxectivo: chegaren a parecer superiores aos demais.

Esta divertida peza, dirixida ao igual que as anteriores polo tamén actor Daniel A. Rodríguez, foi estreada en maio de 2004 no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña e, posteriormente, representouse en diferentes lugares e certames durante 2004 e 2005, entre os que salienta a participación no "II Ciclo de Teatro Afeccionado" de Cangas, no ciclo "Invernos Culturais" en Vilalonga (Sanxenxo) e mesmo en Benedita - Alcobaça (Portugal) no 2º FESTTEATRO (II Festival de Teatro Amador), o que nos permitiu cruzar a fronteira.

A seguinte tempada da asociación comeza no inverno de 2006 recuperando a obra "Historias íntimas do Paraíso" de Jaime Salom. Catro son os personaxes (interpretados por Juaco Martínez, Daniel A. Rodríguez, Sara L. Nogueira e Rosa Fernández) que se moven no escenario do Paraíso, onde se descobre que Eva non foi a primeira muller, senón Lilí. Esta divertida comedia que invita á reflexión, entreouse en xaneiro de 2008 en Moaña e durante ese ano tamén se representou na "IV Mostra de Teatro Galego Afeccionado" do Concello de Sada (A Coruña), na "XI Mostra de Teatro Galego Afeccionado" celebrada en Sanxenxo (Pontevedra) e na "VII Mostra de Teatro Afeccionado do Condado (Móstrate)" celebrada en Fornelos da Ribeira - Salvaterra de Miño (Pontevedra).

En 2008 Teatro Avresno entrou a formar parte da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) para darse a coñecer a nivel autonómico e participar nos ciclos, talleres e actividades desenvolvidas por esta entidade.

Actualmente a Asociación Teatro Avresno segue existindo pero sen obras en cartel. A dificultade de conxeniar as dispoñibilidades dos seus membros para facer novas postas en escena dificultou a continuidade da actividade teatral da agrupación. Quizais nun futuro próximo, con zume renovado, poida retomarse a actividade con máis representacións na procura de novos escenarios e, como non, de novos aplausos.

Pódese atopar máis información on-line na web: http://avresno.teatropia.es e no foro de teatro http://foro.teatropia.es.