Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (VI)

O autor aborda nesta entrega o traballo do Grupo de Teatro da Asociación de Mulleres de Moaña no século XXI

Representación de "A casa de Bernarda Alba", de Lorca, en Brión.

Da tradución do texto de "A casa de Bernarda Alba" encargouse o propio Pedro P. Riobó que, como director, decantouse por un enfoque da obra no que fose primordial o intimismo e a sobriedade. A obra transcorre nunha casa pechada a pedra e cal polo loito no que cinco fillas casadeiras, malia a férrea vixilancia dunha nai intolerante, lidan entre elas unha batalla xorda de celos e receos que ao final estourará en traxedia. A escenografía de -unhas poucas cadeiras, un aparador e unha fiestra con visos- remarcaba esta sobriedade así como a actuación das actrices, apartadas por unha vez do histrionismo da comedia. Arroupando a Bernarda, magnificamente interpretada por Ana Blanco, as súas fillas eran Mari Carmen Alonso (Angustias), Isabel Rodríguez (Magdalena), Emma Fervenza (Amelia), Fina Pastoriza (Martirio) e Maica Gayo (Adela); Dora Sequeiros era a criada Poncia, Mari Carmen Pérez era María Xosefa (a nai de Bernarda) e Sara Rodríguez a veciña Prudencia. Completaban o elenco de criadas e mulleres Elena Maya, Leo Alonso, Teresa Bermúdez e Marisa Rúa. A obra estreouse no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña, pero non dentro do Festival das Letras Galegas como era habitual. O cartel contaba cun fermosa ilustración de Saúl Blanco. Uns anos máis tarde (2009) habería ser retomada polo grupo que realizaría funcións fóra do seu circuíto familiar do Morrazo-Pontevedra-Vigo para viaxar até Chantada ou Brión.

Para non desatender o Festival das Letras Galegas de 2000 preparouse "A lingua pequena", unha adaptación dun conto de Enrique Labarta Pose que, interpretado polo mesmo grupo de actrices, trata o tema da hipocrisía e da verdade a través da historia dun bo home que solicita e consegue do seu santo favorito o don de poder oír o que din os outros coa boca pequena. Despois de pasar varios malos momentos e incapaz de soportalo por máis tempo, volve onda o santo para que llo quite.

Un clásico moderno

2001 foi o ano de "Picnic", de Fernando Arrabal, un pequeno clásico moderno de comedia do absurdo no que o señor e a señora Tepán van facer unha merenda co seu fillo, o soldado Zapo, na trincheira da fronte da guerra na que serve. A obra, chea de gags e complementada con novos personaxes e situacións nesta versión realizada por Elena Maya para a Asociación, foi estreada nas Letras Galegas e foi un dos espectáculos con maior número de funcións do grupo. No elenco no que interviñeron as mesmas actrices que no ano anterior, botouse a faltar por primeira vez en todos estes anos a Dora Sequeiros.

Os textos dos espectáculos dos dous anos seguintes foron escritos expresamente por Pedro P. Riobó para a Asociación. Así en 2002 estrearon unha parodia de Eurovisión titulada "Festival de Eurovisón Quintela 2002", que contaba cunha serie de números musicais montados directamente polas actrices. Ao grupo incorporáronse este ano Mari Rodríguez, Marisa Rivera e Lola Álvarez que acompañaron no reparto a Fina Pastoriza, Maica Gayo, Mati Nogueira, Elena Maya, Mari Carmen Pérez, Isabel Rodríguez, Ana Blanco e Mari Carme Alonso. En 2003 as mesmas actrices estrearon a autoparodia "Todas mulleres", no que asistiamos nun futuro próximo a un "casting" para poder entrar na asociación dada a imposibilidade da mesma de seguir admitindo máis e máis socias de maneira indiscriminada.

En 2004 foi a quenda dun espectáculo baseado no clásico universal "O soño dunha noite de San Xoán", de W. Shakespeare, do que Pedro P. Riobó extraeu varios episodios para elaborar un espectáculo que sería estreado co título "A moi lamentable comedia e moi cruel morte de Píramo e Tisbe", no que un grupo de mulleres, un chisco pailanas e paifocas, deciden preparar unha obra de teatro para presentala no Festival da Asociación. Como non teñen onde ensaiar deciden facelo na carballeira de Bronlle na noite de San Xoán, lugar no que teñen lugar sucesos e prodixios inimaxinables. Compoñían o reparto Isabel Rodríguez, Sita Villaverde, Maica Gayo, Mari Carmen Pérez, Mari Carmen Pastoriza, Josefa Chapela (que debutaba), Dora Sequeiros, Mati Nogueira, Marisa Rivera, Elena Maya, Lola Álvarez e as nenas Rita Ferradás, Vivi Meira, Antía Portela e Nerea Portela, que facían de fadas.

Esganarello e Molière

Esganarello é un personaxe creado polo dramaturgo francés Molière para a súa obra "O cornudo imaxinario" e que logo aparecería en outras obras como "A Voda de Esganarello", sempre encarnado polo propio dramaturgo francés. Estas dúas obras foron representadas polo grupo da Asociación nestes anos. "A Voda de Esganarello" supuxo a primeira colaboración de Fran Paredes co grupo que a estrearía, en versión Francisco Pillado Mayor, no Festival das Letras Galegas do 2005, que por primeira vez se celebraría no I.E.S. As Barxas de Moaña, con David Juncal como técnico de son. Mari Carme Alonso interpretaba o papel do Esganarello, acompañada por Isabel Rodríguez, Maica Gayo, Mari Carmen Pérez, Mari Carmen Pastoriza, Emma Fervenza, Mari Rodríguez, Marisa Rivera e Lola Álvarez. O espectáculo foi seleccionado polo xurado da Federación Galega de Teatro Afeccionado para participar no IV Festival Agustín Magán, función que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o 13 de decembro do mesmo ano.

En 2006, Pedro P. Riobó volve co grupo para dirixir un proxecto propio baseado nos textos de "Homes!", obra da Companya T de Teatre con textos de varios autores. Co título de "A deshora" o espectáculo recolle a chegada dunha compañía ao teatro no que van actuar onde se atopa coa sorpresa de que o público xa está esperando sentado nas súas butacas. A pesar dos rogos e ameazas, o público non quere saír, así que elas deciden montar o escenario aínda que estea presente, ao mesmo tempo que intercambian comentarios sobre os homes. A obra, que se estrearía en maio tamén no I.E.S. As Barxas de Moaña, tivo como intérpretes a Marisa Rivera, Mari Carmen Pérez, Lola Álvarez, Emma Fervenza, Mari Rodríguez, Mari Carmen Alonso, Maica Gayo, Isabel Rodríguez, Dora Sequeiros e Mari Carmen Pastoriza.

Varios capítulos de "Servizo de urxencias", un guión para televisión de Suso de Toro, emitido pola TVG, foi adaptado para o teatro por Pedro P. Riobó e estreado con ese título en maio de 2007. A obra trata en clave de comedia bufa os avatares e historias que se producen nas urxencias dun pequeno hospital ou casa de saúde. No reparto interviñeron Dora Sequeiros, Isabel Rodríguez, Emma Fervenza, Marisa Rivera, Lola Álvarez, Mari Rodríguez, Mari Carmen Alonso, Nerea Portela, Tere Bermúdez, Josefa Chapela e Sara Rodríguez.

En 2008 a obra elixida foi "Roupa ao clareo" ("Trapitos al sol") do dramaturgo uruguaio Alfredo Zaldúa, unha comedia sobre a hipocrisía burguesa que foi interpretada por Dora Sequeiros, Isabel Rodríguez, Emma Fervenza, Marisa Rivera, Lola Álvarez, Mari Rodríguez e Mari Carmen Alonso.

O ciclo desta serie de espectáculos da primeira década do século péchase cunha volta ao comezo pois en 2009 o grupo retoma "A casa de Bernarda Alba", espectáculo que abre esta crónica. Os cambios respecto ao do 2000 foron poucos: Mari Rodríguez, Lola Álvarez e Marisa Rivera substituíron respectivamente a Fina Pastoriza, Mari Carmen Pérez e Elena Maya, Mari Carmen Pastoriza incorporouse novamente acompañando a Sara Rodríguez como unha das mulleres de loito e Adrián Ríos botou unha man na parte técnica.

"Esganarello, o cornudo imaxinario", foi, como xa dixemos, a terceira obra de Molière levada á escena polo grupo da Asociación en 2010. Baixo a dirección de Pedro P. Riobó participaron as actrices Marisa Rivera, Isabel Rodríguez, Mari Rodríguez, Lola Álvarez, Mari Carmen Alonso, Dora Sequeiros, Emma Fervenza e Mari Carmen Pastoriza.

Dirección de Fran Paredes

A partir de 2011, Fran Paredes asume a dirección e incorpórase ao grupo Fernanda Márquez. En 2011 o grupo representa "Efémero", un texto de Mariana de Althaus, traducido polo director, no que participan, ademais de Fernanda Márquez, Mari Carmen Alonso, Isabel Rodríguez, Maica Gayo, Mari Rodríguez, Marisa Rivera, Mari Carmen Pérez, Lola Álvarez e Martiña Villar, que substituíu a falta de dúas semanas para a estrea a Elena Maya que houbo de deixalo por motivos laborais. Licenciada pola ESAD de Vigo e ex-compoñente do grupo Comediantes Anónimos do IES Johan Carballeira de Bueu, Martiña Villar pasaría a partir de aquí a formar parte fundamental do grupo en labores de axudantía de dirección e como actriz, malia non pertencer á AAMM nin ser de Moaña. Novamente David Juncal actuaría como técnico de son. Seguiulle "A balada do cárcere de Circe", unha historia carceraria escrita por Elena Cánovas, Rubén Cobos e Juan Carlos Talavera e estreada pola Compañía Yeses, un grupo de ex-presas do Cárcere de Yeserías, que comezaran a facer teatro no cárcere. Con tradución de Xosé Manuel Pazos, a función das mulleres moañesas foi estreada en xuño de 2012 no C.C. Daniel Castelao de Moaña interpretada por Fernanda Márquez, Mari Carmen Alonso, Isabel Rodríguez, Maica Gayo, Mari Rodríguez, Marisa Rivera, Mari Carmen Pérez, Lola Álvarez, Martiña Villar, Carmen Currás (na súa primeira participación no grupo) e Tere Bermúdez.

As outras dúas obras dirixidas por Fran Paredes neste período, sempre con Martiña Villar e David Juncal como axudantes, foron "Cadros de humor e amor" e "Viva o teatro", de Luís Alonso de Santos, estreadas no IES As Barxas en maio de 2013 no Festival das Letras Galegas e no Centro Cultural Daniel Castelao en xuño de 2014, respectivamente. En ambas interviñeron as mesmas actrices que na obra anterior con excepción de Mari Carmen Pérez e de Maica Gayo que non estivo na segunda. A tradución do primeiro dos textos foi de Paula Souto.

Por motivos laborais, Fran Paredes abandona a dirección do grupo, sendo substituído por Pedro P. Riobó que dirixirá os espectáculos que o grupo presentará en 2015 e 2016. O primeiro foi "Bicherías", un texto escrito por el mesmo a partir das personaxes das tiras do "Bichero" de Davila en Faro de Vigo, que ten por motivo o deporte nacional do movemento de marcos. Estreouse no IES As Barxas co seguinte reparto: Dora Sequeiros, Mari Carmen Alonso, Tere Bermúdez, Isabel Rodríguez, Lola Álvarez, Nanda Márquez, Mari Rodríguez, Carmen Currás e Marisa Rivera. A obra vén de ser representada a finais de 2017 polo novo grupo de teatro da Asociación Charaviscas de Domaio. Para as Letras Galegas de 2016 algunhas das actrices prepararon unha adaptación dunha comedia breve de Fabián Choque que levou por título "Isto é un atraco!". O mesmo reparto de 2015 coa incorporación de Mari Carmen Pérez e Verónica Paz, estrearía en 2016 no Centro Cultural Daniel Castelao "Farsa Paulina", unha adaptación de Pedro P. Riobó a partir da "Farsa Plautina", de Agustín Magán, que á súa vez era unha adaptación dalgunhas das comedias máis famosas do dramaturgo romano Plauto.

Unha nova etapa

A última das etapas do grupo da Asociación de Mulleres vén de iniciarse baixo a dirección de Antía Costas. Tamén Licenciada da ESAD, esta moañesa arrancou cun espectáculo persoal, construído con materiais propios do xénero e que leva por título "Cabaret". Presentouse en maio de 2017 co mesmo grupo de actrices dos últimos espectáculos que, para este 2018, preparan "O triángulo Ateo", obra que fora estreada por Teatro Aurin en 1984.

Pasado e futuro danse a man nesta admirable compañía de teatro de mulleres á que lle queda moito que ofrecer e que, cos relevos oportunos, está destinada a permanecer polos tempos dos tempos.

Compartir el artículo

stats