Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

A bohemia cangueira: a nosa xente (I)

A vila ten grandes personaxes, algúns deles peculiares nas súas vidas,que seguen vivos na memoria dos veciños

Emilio Pichirol. (Foto Santoro).

Grandes escritores de noso como Castelao, Cunqueiro ou Manuel María teñen dedicado páxinas á xente que andou camiños vivindo de forma peculiar. ,... Os personaxes de Castelao, Martiño que arelaba ser dono do campanario da igrexa , o vello Saramaguiño que pasou a vida cacheando tesouros ou a vella Fanchuca que pregaba de porta en porta. E o máxico Álvaro Cunqueiro cos seus retratos de feirantes, xentes de aquí e acolá.

Cangas pola súa condición de vila mariñeira, con mestura de mar e monte, cunha grande mestizaxe social e cultural, sorpréndenos pola tenra e singular presenza de persoas , que chegaron a formar parte da propia paisaxe. As vidas de todos eles, co seu diferente xeito de vivir enriqueceron a vida do lugar.

Os poetas populares Cecilio Rial, Pepe Pereira e Serafín teñen escrito moitas coplas de todo aquilo que ía sucedendo na rúa. E o facer solidario de Xosé Santos (Pepe Poeta) que ten dedicado vida e versos aos desfavorecidos: Con el imos enfiar unha presada de coñecidos personaxes, con certas peculiaridade nos seus comportamentos ou mesmamente das súas teimas.

Foi alá polo 1900 cando a luz eléctrica chega a Cangas e o concello tiña a Cecilio e a Pedro (de Pepa Benita) como faroleiros, moi dinámicos ao acender e ao apagar os antigos farois de mecheiros de gas. Vemos a figura de Sabina, a augadeira, e pasa por diante nosa co seu uniforme de gala Emilio Pichirol, o solitario varredor con gorra de prato en riste, que tan agarimoso rostro nos deixou, a pesares do seu xenio.

Lembramos ao Ghafón facendo arrastrar tras de si a daquela valiosísima peseta de papel e a Pepa Benita, analfabeta pero con moito pico, que era quen de enganar a calquera coa súa leria. A Tanganilla e a Cachiño sendo quen de roerlle o cinto ou a garabata a quen o desafíase. E a Hermaniño (da Ameixoada) que viviu moi pobremente. Unha vez viñera por Coiro unha compañía ambulante que andaba polas aldeas onde actuaba un faquir que comía lámpadas. O Hermaniño díxolles:- Si me deixan a min como as lámpadas e máis cómoo a el tamén!. Moita larica debeu pasar!

Desde Darbo

De Darbo baixaba Pepe (O Vilas) a pedir esmola e a vender os limóns que apañaba no camiño. Era habitual miralo sentado nas escaleiras da praza. A súa fineza contrastaba coas brutalidades de Rafael Nogueira (O Cañón), que presumía, na taberna do Ferrolán, de ter moita forza e dábase golpes cunha pesa no peito. Contaba Pepe Poeta que, nunha ocasión, tiñan unha actuación co teatro en Redondela para xuntar algo de diñeiro para os enfermos da tuberculose. Viaxaban nun Cerqueiro e na parte de arriba levaban os bastidores do escenario para a representación. Canda eles ía o Cañón que se lles deitou enriba e estragoullos.

Lembra tamén Pepe a figura de Singorellas na súa gamela, polas pedras da beiramar á procura de nécoras, longueiróns, caramuxos e chispolvos (bois pequenos de escaso valor).

E o inofensivo Gelitiño que andaba lindando as vacas polo zona da Pedreira. Era boa xente mais faltáballe unha fervura. Cando as nais tiñan que chamar polos fillos e non lle facían caso, metíanlle medo coma acostumaban facer co home do saco. E dicíanlles: -Queda, queda, que aí che vén Gelitiño!

Naqueles anos vivíase ao día. Mercabas na taberna da Seixeira. Alí estaba, ao pé do mostrador, a carón da balanza para pesar as poucas cousas que podías mercar: dous patacos de fariña, un real de zucre, un cuartillo de aceite sacado dun bidón e medido cun émbolo. Cando iamos á tenda, non se levaban os cartos para pagar. Todo era ao fiado e apuntábacho nunha libreta e os sábados, coa paga facíanse as contas e cobraba o que se lle debía.

E preto da tenda da Seixeira vivía a Constanta que estaba sempre sentada nunha pedra da Rocha. Unha muller forte vestida con moitas roupas e de variadas cores Os rapaces metiámonos con ela pois sempre estaba berrando coa xente que por alí pasaba. Era moi metida e algo escandalosa.

Seguiremos a próxima semana con outros queridos personaxes que seguen vivos na memoria da xente da nosa vila a pesares dos anos de ausencia. Coa súa lembranza nesta páxina procuramos achegar as súas vidas á nosa memoria.

(*) Membros de A Cepa

Compartir el artículo

stats