Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (V)

O autor inicia unha serie de crónicas sobre a actividade teatral da Asociación de Mulleres de Moaña, que dirixiu 19 anos

A orixe do teatro popular pérdese na noite dos tempos pero foron os cadros de declamación dos coros de principios do século XX os creadores dun teatro cómico, costumista e folclórico que había perdurar como alternativa ao teatro das Irmandades da Fala, máis preocupado pola historia e a realidade social de Galicia e moi afastado da comedia. Estes coros tiveron a súa maior expansión no período que vai de 1915 á República e case todas as vilas e cidades de Galicia contaron con algún, como é o caso de Toxos e Froles de Ferrol, Cantigas e Agarimos de Santiago, Ruada de Ourense ou Foliadas e Cantigas de Pontevedra, que representaban obras de autores como Nan de Allariz ou Charlón e Hermida, tales que "O zoqueiro de Vilaboa" e "Mal de moitos". Conscientes da enorme fenda que se abría entre ambos tipos de teatro, algúns dos nosos autores máis representativos intentaron tender unha ponte creando un xénero teatral de base popular pero máis coidado e estilizado como xa se levaba facendo desde había séculos no teatro europeo (por exemplo, Molière coa Comedia Francesa ou Goldoni coa Comedia da Arte italiana). A pioneira destas obras foi "Os vellos non deben de namorarse", de Castelao. Ela e as de Ricardo Carballo Calero, Eduardo Blanco Amor, Ánxel Fole e Manuel María integran un repertorio no que beben habitualmente os grupos como o da Asociación de Mulleres de Moaña.

Permítasenos antes de pasar a repasar a traxectoria da agrupación, de forma excepcional e sen que sirva de precedente, ceder a voz ao que durante moitos anos foi o seu director para que conte de primeira man como se estabeleceu a súa relación, relato que en si mesmo podería servir de argumento para unha das súas obras.

"O meu primeiro contacto con elas produciuse no Centro Cultural Daniel Castelao á saída dun dos ensaios de Teatro Aurin cara a finais de 1993. Nós saïamos e elas entraban. Intereseime polo que facían e dixéronme que ían preparar unha obra de teatro. Souben tamén que pertencían a unha nova agrupación que se chamaba Asociación de Mulleres de Moaña e ofrecinme, en nome de Aurin, a prestarlles axuda no que precisasen. Tomáronme a palabra non sen antes saber de min e, ao día seguinte, foron falar con miña nai, imaxino que para corroborar que eu era quen crían que era. Así foi como na seguinte vez que coincidimos á saída-entrada dun ensaio propuxéronme que fose o seu director. Eu tratei de desculparme sinalando que xa dirixía a Teatro Aurin e que o meu ofrecemento de axuda non pretendía ir tan lonxe. Por máis que dixen foi inútil, a cousa estaba xa feita. E velaí comezou unha relación que había de durar dezanove anos."

O grupo de teatro estaba formado nun principio por un núcleo dunha ducia de mulleres, conducido por Dora Sequeiros que era, naquela altura, a Presidenta da Asociación. Delas só unhas poucas contaban con experiencia teatral, como é o caso da propia Dora que participara nas representacións dos anos sesenta no Cine Prado e no teatro lido do Ateneo de Moaña, igual que Ana Blanco que uns anos máis tarde habería de integrarse no teatro da Asociación (os que seguen estas crónicas recordarán a entrega que X. Carlos Villaverde lle dedicou a este tema). Algunhas delas sobreviviron ao paso do tempo e participaron en moitos dos seus espectáculos formando un núcleo resistente que lle deu especial consistencia ao grupo. Refírome, ademais de a Dora Sequeiros, a Mari Carmen Alonso, Isabel Rodríguez, Mari Carmen Pérez, Emma Fervenza, Fina Pastoriza, Tere Bermúdez e máis tarde Ana Blanco, Maica Gayo, Mari Rodríguez, Lola Álvarez e Marisa Rivera. Outras formaron unha especie de segunda unidade, acudindo sempre que o grupo as necesitaba, como Sara Rodríguez e Mari Carmen Pastoriza, por citar dúas. Outro pequeno grupo estaría formado por aquelas que participaron só nos primeiros espectáculos, como Sita Villaverde, Leo Alonso, Hortensia Iglesias, Mati Nogueira... Finalmente, un cuarto grupo estaría integrado polas novas incorporacións como Nanda Márquez e Mari Carmen Currás.

A obra elixida para o debut do grupo foi "A farsa das zocas", de R. Carballo Calero, unha comedia de enredo con almas en pena e escarmento final, que introduce técnicas con finalidade humorística como son os "apartes" e a presentación dalgúns personaxes directamente ao público. Este primeiro espectáculo presentouse durante o Festival das Letras Galegas 1994 da Asociación que se celebrou no Centro Cultural Daniel Castelao co seguinte reparto: Dora Sequeiros, Fina Pastoriza, Mari Carmen Alonso, Mari Carmen Pastoriza, Emma Fervenza, Sita Villaverde, Mari Carmen Pérez, Hortensia Iglesias, Filo Magdaleno, Peregrina Paredes, Sara Rodríguez, Isabel Rodríguez e Leo Alonso. Os decorados foron pintados por Emma Fervenza, e Pedro P. Riobó compartiu a dirección con Elena Maya. A función tivo, como a maioría das da Asociación, unha extraordinaria acollida e poucas representacións máis.

Tal foi a resposta do público que a directiva da agrupación decidiu que ao ano seguinte o festival se faría no Cine Veiga de Moaña. A proposta do director para esa ocasión foi a revisión dunha obra que el xa fixera con Aurin dez anos antes. Foi así como o grupo presentou nas Letras Galegas de 1995 "Pequena farsa dos amores desencontrados", de X. Mariñas del Valle, con decorados tamén de Emma Fervenza e interpretada por Mari Carmen Pastoriza, Dora Sequeiros, Fina Pastoriza, Mari Carmen Alonso, Mari Carmen Pérez, Emma Fervenza, Hortensia Iglesias, Sita Villaverde, Isabel Rodríguez, Tere Bermúdez e Leo Alonso.

Para o Nadal daquel ano a Asociación decidiu facer un festival solidario e ao grupo de teatro encargóuselle unha peza breve. Dora Sequeiros propuxo facer "A tía Lambida", de E. Blanco-Amor, que había resultar un dos maiores éxitos do grupo, tanto de público como de representacións. Estreouse no Cine Veiga de Moaña durante as festas de decembro, baixo dirección de Pedro P. Riobó e con decorados de Emma Fervenza. Nela interviñeron Dora Sequeiros, Fina Pastoriza, Mari Carmen Pastoriza, Mari Carmen Alonso, Mari Carmen Pérez, Emma Fervenza, Sita Villaverde, Isabel Rodríguez, Tere Bermúdez e Leo Alonso. Cóntase en certos círculos que moitas viaxes de autobús foron máis levadeiras co vídeo deste espectáculo.

Tamén no Cine Veiga de Moaña, abarrotado de público, durante o Festival das Letras de 1996, estreouse "O menciñeiro á forza", de Molière, na versión de Xosé M. Carballo, comedia de aparencias e falsidades que foi protagonizada por Ana Blanco (como Nicasio), Dora Sequeiros (como Marta), Emma Fervenza (como Filomena), Isabel Rodríguez (como Valeriano), Mari Carmen Alonso (como Lucas), Sita Villaverde (como Xacoba), Fina Pastoriza (como D. Xulián), Teresa Bermúdez (como Engracita), Mari Carmen Pérez (como Leandro) e Leo Alonso (como Manolo). Nunca un festival da asociación foi máis completo (chegous ás tres horas) nin nunca tivo tanta asistencia (preto de seiscentos espectadores). Foi a última estrea que a Asociación fixo no Cine Veiga que pecharía definitivamente as súas portas pouco despois. O tempo sempre nos depara ironías deste tipo, os dous cines de Moaña acabaron por converterse en supermercados. Contan que algunha que outra vez entre os expositores e as caixas clientes e empregadas creron ver pasar ao sétimo de cabalería en persecución dunha banda de síux.

Os seguintes espectáculos estrearíanse desde entón no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña. As letras Galegas de 1997 acolleron a presentación do "O pauto do demo", de Ánxel Fole, no que, ademais das actrices do ano anterior, interviñeron Sara Rodríguez, Hortensia Iglesias, Mati Nogueira, Inés Campos, María Xesús Martínez, Albina Veiga e Maica Gayo. Trátase dunha comedia de enredo en tres cadros de ambiente rural na que o autor xoga co interese comercial e a curiosidade case inocente duns personaxes resabidos que acaban escarnecidos por un tolo namorado que xoga coa súa superstición. É de resaltar o segundo cadro, onde todo sucede fóra da escena e ao que asistimos como os propios personaxes presentes a través dos sons que nos chegan e das noticias que traen os que entran.

En 1998 retomaríase "A farsa das zocas" con algúns pequenos cambios no seu reparto con respecto á versión de 1994: as incorporacións de Ana Blanco, Maica Gayo, Tere Bermúdez e Mati Nogueira, e as baixas de Hortensia Iglesias, Filo Magdaleno, Mari Carmen Pastoriza e Peregrina Paredes.

1998 foi o ano do seguinte grande éxito da asociación (outro que viaxou moito en autobús). "O achado do castro", de Manuel Núñez Singala, foi estreado en maio de 1998 e deu moito que falar e que rir. Coa axuda na dirección de Elena Maya e con escenografía e dirección de Pedro P. Riobó foi interpretado por Leo Alonso (a presentadora), Isabel Rodríguez (o ladrón Caleno), Mari Carmen Alonso (o ladrón Catulo), Emma Fervenza (a soldada), Tere Bermúdez (o soldado), Fina Pastoriza (Manolitus, fillo da millonaria Arpexia), Maica Gayo (Carmiñae, filla do emperador), Ana Blanco (o emperador), Mati Nogueira (o sabio Citrón), Mari Carmen Pérez (o criado) Sita Villaverde (Arpexia, rica comerciante), á quen logo substituiría Dora Sequeiros. A obra, unha das máis representadas nos últimos vinte anos en Galicia, preséntanos as andanzas de dous ladróns (Catulo e Caleno) que suplantan ao sabio Citrón coa intención de apoderarse da coroa do emperador, á súa vez enleado nos problemas que provoca a relación da súa filla Carmiñae con Manolitus, fillo da rica comerciante Arpexia.

Para finalizar esta entrega falaremos de "Amor e Crimes de Juan 'Pantera", de E. Blanco-Amor, estreada nas Letras Galegas de 1999, na que por primeira vez Dora Sequeiros interpretaba un personaxe masculino, acompañada no reparto por Fina Pastoriza, Isabel Rodríguez, Ana Blanco, Mari Carmen Pérez, Emma Fervenza, Maica Gayo, Leo Alonso e Mari Carmen Alonso. A obra trata a xeito de comedia burda da violencia e dos ciúmes nun conto de seducións, amores interesados e vítimas inocentes e foi a última das comedias que o grupo presentou nos anos 90. O 2000 sería o ano dun grande reto tanto no persoal como no colectivo. O grupo, inducido por Pedro P. Riobó, aceptou emprender a representación de "A casa de Bernarda Alba", de Federico García Lorca. Esta é materia da entrega do próximo domingo.

Compartir el artículo

stats