Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

O rei Fernando II, doador do herdo de Cangas

No 1160, o monarca doa a Varela, nobre do seu séquito, estas terras en pago aos servizos prestados

Recreación do escudo físico (Tumbo A).

Foi no ano de 1160 cando o Rei de Galiza e León, Fernando II, doa a Varela, nobre do seu séquito, o herdo de Cangas, situado no Morrazo, en pago aos servizos prestados. E faino con estas palabras: Dono itaquetibiVarele illa jamdictahereditatevidelicet Cangas totam (...), concedo pro bono servicio quodmihifecistietfacis (...). Que na linguaxe de hoxe veñen dicir: "Así pois dóoche a ti, Varela, a xa mencionada herdade, coñecida como Cangas, na súa totalidade; concédocha polos bos servizos que me prestaches e me segues a prestar".

Fernando II comezara a reinar en 1157, cando tiña so 20 anos. O seu reino abranguía Galiza e León, incluíndo Asturias e o norte da Estremadura actual, e aspiraba a obter todos os dominios do seu pai en Castela. Escribe Vitoria Armesto que o futuro rei, galeguizouse no mosteiro de Sobrado da man de Fernán de Traba.

O rei foi dando foros e privilexios, impulsando Cartas Forais a moitas vilas galegas: Padrón, Ribadavia, Noia, Pontevedra, Tui, Lugo, A Coruña? Deulle autonomía de goberno, diante dos señores feudais, liberándoas tamén de impostos.

No 1128 da man de Afonso Henriques produciuse a independencia do condado portucalense, que até o daquela fora galego. Así pois, coa independencia de Portugal o territorio de Galiza viuse reducido practicamente á metade, e alonxou a Galiza do proceso da coñecida como "reconquista", que para entón centraba a atención de todos os reinos cristiáns da península.

Nese marco xeopolítico encádrase a primeira voda de Fernando II coa princesa portuguesa dona Urraca, filla do xa mencionado primeiro rei de Portugal, Afonso Henriques. Este casamento non foi adiante, por razóns de consanguinidade e pola presión papal, e non chegou a consumarse. Desatouse unha forte conflitividade nas terras de Tui (Toroño) e da Limia, especialmente arelantes da antiga unidade galego - portuguesa. Casou logo cunha filla do conde de Traba, importante nobre galego, e de terceiras nupcias cunha da familia López de Haro.

No reinado de Fernando II medraron moito as peregrinacións a Compostela por mor dos privilexios concedidos polo papa Alexandre III nos anos xubilares. Foi unha época de moita vida cultural: levántanse igrexas e continúa a construción da catedral de Santiago. Durante o seu reinado, o mestre Mateu ten unha pensión vitalicia para finalizar as obras (1168) que dirixe, entre elas o Pórtico da Gloria. Axiña vai florecer a lírica dos Cancioneiros.

Compostela acadara a categoría arcebispal (1120) e Diego Xelmírez incorpora Cangas ao señorío de Santiago, dotándoa de privilexios e concedéndolle o Título de "Moi Leal". Ao sol de ouro sobre campo de azul que formaba o escudo da Vila uníuselle nesta altura os atributos xacobeos, a urna das reliquias, a cruz e o báculo.

O rei Fernando II morre, en Benavente (Zamora), o 22 de xaneiro do 1188, pero está soterrado no Panteón Real da Catedral de Santiago. Os seus restos foron trasladados á sede compostelá con certo conflito, xa que a súa muller Urraca López de Haro, nun intento por conseguir o reino para o seu fillo, quixo impedir que se cumprise a vontade real de ser sepultado en Compostela. A pesar das súas intrigas, o primoxénito do rei, Afonso IX, foi coroado e trasladou o corpo do seu pai á catedral.

Ao seu carón están soterrados na Capela das Reliquias: o monarca Afonso VIII, que tamén ostentaba o título de "Rei de Galiza e León", a raíña Berenguela, o conde Raimundo de Borgoña, Pedro Froilaz e Xoana de Castro. Esta Capela coñecida hoxe como Panteón Real está aberta e pode ser visitada polo público dende 2003, grazas a unha campaña social emprendida pola asociación cultural O Galo de Santiago.

Este Panteón Real está encadrado dentro do Museo da Catedral de Santiago de Compostela e rodeado de polémica, entre outras cousas porque ofrece unha versión deturpada da historia ao negar a existencia do Reino da Galiza e ser suplantado pola denominación de León. "A ocultación do seu recoñecemento histórico foi política e contou co apoio instrumental da Igrexa", explica o investigador Anselmo López Carreira, quen considera que agora "é unha cuestión política e social traballar para restituír a transcendencia histórica deste Panteón Real".

BIBLIOGRAFÍA:

LÓPEZ CARREIRA, Anselmo: Os reis de Galicia. A Nosa Terra, Vigo, 2003

Xornal Sermos Galicia.

https://goo.gl/DtSQ49

https://goo.gl/6ee54Z

(*) Membros da Asocaición Cultural A Cepa

Compartir el artículo

stats