Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

O Ghaiteiriño, o gaiteiro máis festeiro do Piñeiro

Músico autodidacta e cunha memoria que permitiu rescatar as cantigas dos maios e o Canto de Reis de Aldán

José Fernández Canosa (O Ghaiteiriño) nace no Piñeiro (Aldán, 1935) nunha familia de gaiteiros. Con doce anos collíalle a gaita ao pai, que lle rifaba porque tiña medo a que lla estragara. En canto puido, mercou un punteiro co que tocar cando ía coas ovellas ao monte. Mercou a súa primeira gaita, "en si bemol e sen ronquillo", aos 16 anos nos almacéns Villanueva de Vigo con 1.000 pesetas emprestadas polo mestre de obras co que traballaba de albanel. Lembra Xosé, como "o meu pai, ao ver que mostraba interese, animoume, explicoume algúns trucos e levoume á romaría da Santa Efixenia en Bueu onde tocaban os mesmísimos gaiteiros de Soutelo do Montes con Avelino Cachafeiro á fronte".

O mozo aprendiz de gaiteiro estaba atento ao movemento dos dedos, retiña todo canto podía e no camiño de volta das romarías lembraba aquelas dúas ou tres pezas coas que se quedara e xa non as esquecía. Ten aprendido de moitos grupos tradicionais: os Barros de Beluso, os Atrevidos do Hío, os Morenos de Lavadores, os Cruceiros e os seus preferidos, Os Campaneiros de Vilagarcía. De todos eles foi collendo tanto o estilo coma o repertorio, que sempre adaptou ao seu xeito. Toca pezas de moda que a xente cantaruxaba e bailaba ao son da gaita: rumbas, tangos, rancheiras...

José coma tantos galegos, emigrou a Suíza e alí ten animado coa súa gaita as tardes dos sábados no Centro Galego. De regreso á Terra, nos anos 60, une a súa gaita aos cuartetos tradicionais existentes da zona: Airiños do Mar do Hío, acompañando a Eduardo Punxeiro, a Xosé Gutiérrez (Chamiceira) e a Feliciano Otero; e aos Airiños do Castelo de Xosé e Erundino, o Coxo do Felecho ou aos Airiños do Liboreiro.

O Ghaitas, coma o coñecen os seus amigos funda o seu propio grupo: Os Airiños do Piñeiro acompañado por Benxamín, Manolo Otero e Feliciano ou con Paco (Rin-Ran) o gaiteiro da Portela (Beluso), curmáns seus ou cos propios fillos e sobriños.

Foi o mestre fundador da escola de gaitas do colexio público de Espiñeira e dáballe clases de balde aos rapaces para que non deixasen de tocar nunca. Coa colaboración de Pepe (Peix) prepara un maio humano co alumnado do centro. Imitando unha árbore cantaban : "Aquí ven o Maio/vestido de xestas,/pra lle dar as grazas/á señora Tareixa.// Aquí ven o Maio/ vestido de flores,/ pra lle dar as grazas/ á señora Dolores".

Cos Airiños do Piñeiro ten animado moitos anos os carnavais no Hío, polas aldeas de Vilanova, Donón, Pinténs, Nerga ... e participado na romaría do Santo Amaro. Xosé ten recuperado pezas como a coñecida foliada que gravou o grupo Treixadura, aprendida por Xan e Tonino no bar Xugo de Aldán.

A súa boa memoria permitiu rescatar as cantigas de maio, os cantos de Reis e as Danzas de Carnaval da súa parroquia natal. Ten tocado durante 20 anos na danza de San Sebastián e na de San Roque no Hío. Gravou un disco coas súas cancións con Edicións do Cumio.

Defende a música tradicional que se fixo en Galicia dende sempre. Grupos coma Treixadura, Quempallou, Fiandola ou Os Carunchos inspiráronse no seu repertorio. Foron os Treixadura os que deixaron escrito que "dous fachos alumean a música tradicional viva na ría de Aldán: o señor Xosé e Pepe (O Peix)". E a eles dedícanlle o pasodobre "Carabeliños" no disco titulado "Iso si que é muiñada".

José é un gaiteiro todoterreo. Se chove, é capaz de meterse dentro dunha furgoneta e seguir coa música. Non hai quen o pare. É quen de botar toda a tarde e toda a noite tocando sen parar.

No ano 2016 recibiu na parroquia de Coiro o XI premio Cacarexo pola súa longa traxectoria na música tradicional, e no 2017do Concello o Premio Xoán da Cangas ao Labor Cultural. O camiño que leva á súa casa no Piñeiro ten o seu nome: Camiño do Ghaiteiriño. Os seus veciños, amigos e admiradores armáronlle unha merecida homenaxe a este home que viviu toda a vida para a gaita.

Lume gaiteiro e que dure a festa!

*Secretario de A Cepa e mestra de baile tradicional

Compartir el artículo

stats