Mañá venres 29, o profesor Julio Prada Rodríguez ofrecerá en Marín a conferencia "A represión franquista en Galicia. Algunhas claves interpretativas", nunha actividade organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín. Comezará ás 20.00 horas no Museo Manuel Torres.

Julio Prada Rodríguez é profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, secretario do Centro Asociado da UNED de Ourense. Está especializado no estudo da violencia política, o primeiro franquismo (a II República, a guerra civil e a represión) e a transición á democracia. Foi Premio de Investigación Histórica de Galicia "Antonio Fraguas".

Por outra banda, o domingo 31, a partir das 13.00 horas, terá lugar no Paseo Marítimo Antonio Blanco o tradicional acto de homenaxe e lembranza das persoas asasinadas por defender a liberdade, no 31 de decembro do ano 1936.

Intervirá o historiador e catedrático de xeografía e historia Francisco Calo Lourido (investigador no campo da antropoloxía e da arqueoloxía), e realizarase a anual ofrenda floral. Contarán coa ambientación musical a cargo da agrupación Os Amigos Gaiteiros.