Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (III)

Nesta entrega o autor aborda o traballo de Teatro Aurin entre 1996 e 2000, xusto antes dunha nova reinvención do grupo

Elena Maya e Roberto Budiño en "Epifanías". // Arquivo do autor

En 1996 comezamos a traballar nunha serie de textos de diversa orixe: poesía, contos, humor, entrevistas... A idea era construír un espectáculo con diferentes materiais que tivesen un eixe común. Eran textos de autores tan distintos como Carlos Casares, Óscar Wilde, Méndez Ferrín, Terrence Macnally, Chesi, Harold Pinter, Suso de Toro, Eugenio e Manuel Rivas, aos que incorporamos textos de Iria Méndez e Pedro P. Riobó. O elo de unión apareceu diante nosa como unha revelación e por iso o espectáculo acabou titulándose "Epifanías (Historias da (in)comunicación)". Efectivamente o tema central era a dificultade das persoas para comunicarse, é dicir para entenderse ou para facerse entender. Na era das comunicacións, as persoas padecen do mal da incomunicación ou como, simbolicamente, apuntaba un dos personaxes: "Comunicar, comunicar... o teléfono sempre comunica!" A noso mestra de cerimonias Lisi Fernández daba entrada a toda unha morea de personaxes que rebulían pola obra: delatores, larpeiros, detectives, actores shakespeareanos, do método, intelectuais, feministas, matrimonios anódinos, perdidas e perdidos, militares, estrelas da canción, futbolistas famosos, secretarias, bancarias, psicópatas, hedonistas, marxinais... todas marcadas polas súas dificultades para conectar cos demais.

"Epifanías" estreouse baixo a dirección de Pedro P. Riobó o 23 e 24 de maio de 1997 no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña co seguinte elenco: Lisi Fernández, Paula Costa, Iria Méndez, Roberto Budiño, Asun Sóñora, Fran Paredes e Elena Maya. No vestiario colaborou coma sempre María Santiago e na técnica Abel Sánchez. A última función realizouse na Casa da Cultura de Cangas o 30 de xaneiro de 2018, cando xa estaba en marcha o 15 aniversario do noso grupo que sería conmemorado cun espectáculo antolóxico que recollese o labor realizado neses quince anos. O seu título, parafraseando o título da canción de Zeca Afonso, "Venhan máis quince!"

Esta montaxe recollía algúns dos momentos máis queridos dos dez mellores espectáculos de Aurin nestes primeiros quince anos de vida. O punto de partida era o inicio de "Belerian" no que dous nenos e tres nenas que están aborrecidos e non saben que facer, deciden subir ao faiado do tío dunha delas, onde gardan as cousas do seu grupo de teatro. Alí, tras descubrir un baúl do que sacan un cofre cun medallón que unha das nenas se pon, comezan a producirse unha serie de estrañas mutacións que os levan a encarnarse nos personaxes e a atoparse coas sombras de outros personaxes das obras que o grupo escenificou. Sucédense así unha serie de escenas de "Pequena farsa dos amores desencontrados", "Os anxos e o sangue", "Máis cine, por favor!", "Dos Arquivos do Trasno", "O tendal", "O triángulo ateo". "Nai coraxe e os seus fillos", "A gata sobre o tellado de zinc quente" e "Epifanías". Con escenografía e dirección de Pedro P. Riobó, o deseño gráfico de Cris Carvajal e unha versión da canción de José Afonso interpretada por Carlos Salgueiro e Pedro P. Riobó, o espectáculo estaba interpretado por Mati Nogueira, Sante Cortegoso, Roberto Budiño, Lisi Fernández, Iria Méndez, Abel Sánchez, Fran Paredes, Asunción Sóñora e Elena Maya, con Marisa Rúa na parte técnica. Con poucas representacións foi estreado o 18 e 20 de marzo de 1999 no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña.

Salvador del Río tomou novamente as rendas do grupo para comezar a preparar nese mesmo ano un proxecto de teatro musical que el mesmo seleccionou: "Supertot". Os autores da obra, Benet i Jornet e Puértolas, concibiran unha parodia das historias de super-heroes, especialmente destinada ao público xuvenil. Trátase dun texto con marcado acento cinematográfico e de banda deseñada no que os episodios son introducidos por un narrador ao xeito das series de televisión primitivas. O heroe, por suposto, ten dobre personalidade, "na vida normal é Bill, reporteiro e xornalista do máis importante xornal da cidade. Pero cando é necesario, transfórmase no heroe favorito da multitude." Ao seu carón están Gladys, compañeira de redacción e o seu grande amor, e Jimmy, tamén compañeiro e rival no amor de Gladys. Supertot adquiriu os seus poderes da señora Jones, quen o tocou co seu anel electro- atómico-enerxético que o converteu en invencíbel. Invencíbel? Quen sabe nesta historia chea de todo tipo de rufiáns, malfeitores, traidores en que ninguén sabe ben quen é o outro en realidade. A música introdúcese ao xeito dos musicais clásicos, no medio das escenas nas que funciona como soliloquios dos protagonistas, presentacións a dúas voces e, mesmo ás veces, como cancións de traballo.

Para a súa posta en escena Sante Cortegoso e Iria Méndez ocupáronse de traducir o texto, Diego Seixo realizou o deseño gráfico e os paneis da escenografía, compartida con Pedro P. Riobó, e Salvador del Río dirixiu un elenco formado por Mati Nogueira, Sante Cortegoso, Javier García Barreiro (na súa única participación co grupo), Iria Méndez, Fran Paredes, Elena Maya e Manolo Cobas. "Supertot" estreouse o 17 de xuño de 2000 no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña. Compartiron a parte técnica Salvador del Río e Pedro P. Riobó. Coa súa última representación en decembro do mesmo ano pechouse este segundo ciclo de Teatro Aurin.

En efecto, coa marcha da maioría dos compoñentes do grupo poñíase fin a unha apaixonante etapa que durara oito anos, anos de profundos cambios que culminarían coa creación a principio da década do dous mil da Federación Galega de Teatro Afeccionado de Galicia (FEGATEA), da que Teatro Aurin sería un dos seis socios fundadores e que na actualidade representa á maioría dos grupos amadores galegos. Foi entón cando Sante Cortegoso, Fran Paredes e Alberto Barreiro "Warren" iniciaron a súa carreira no teatro profesional que os levaría primeiro á formación de Llullu Teatro, dirixido por Salva del Río e, máis tarde, a desenvolver tres persoais traxectorias artísticas ben diferentes que viñeron encher de orgullo ao seu grupo matriz.

O grupo, como se dun eterno retorno se tratase, volveu a ter que reinventarse de novo e unha terceira xeración tomou o relevo, xa ben entrada a década. Pero esa é a materia dunha nova entrega que será a última desta veterana compañía de amor ao teatro.

Compartir el artículo

stats