Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrea Pousa: "Cada canción é como unha historia que contar e trato de facela miña"

A artista presenta o seu primeiro disco, "Respirar", o sábado no Auditorio de Cangas

A cantante Andrea Pousa, durante unha actuación. // FdV

Nas pasadas Festas do Cristo sorprendeu gratamente poñéndolle voz ao espectáculo "Keltia, o musical", que encheu de lendas celtas, e tamén de xente, o paseo de Castelao. Este sábado regresa a Cangas (21.00 horas, Auditorio municipal) para presentar o seu primeiro disco como solista, "Respirar", que recolle unha ducia de temas orixinais, agás unha versión de "Negra sombra". Un traballo discográfico no que alterna o galego co castelán e o portugués, os tres idiomas cos que se identifica esta artista que vive á beira do Miño, na "raia" entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

-Que nos conta e que nos canta en "Respirar"?

-Traio unha ducia de cancións con temas diferentes, pero todas con letras comprometidas, que falan do medio ambiente, de loita pola igualdade, de denuncia da opresión, de derrubar barreiras físicas e sociais... Digo que é un compromiso co entorno, pero respirar, tomar alento, é algo que todos necesitamos e a presentación deste disco coincidiu, curiosamente, coa vagada de incendios que asolou os nosos montes a finais do verán.

-Por que inclúe un clásico como "Cando penso que te fuches" entre outros 11 temas orixinais?

-A versión de Negra sombra foi o primeiro tema co que empezamos a traballar Nani García e eu. É un tema coñecido polos dous e que serviu de punto de partida para avanzar no traballo. Pero tamén hai traballos con outros músicos, como Rodrigo Romaní, Luis Lechuga ou Sergio Gramary, que fan aportacións importantes.

-Ainda que este é o seu primeiro disco, vostede leva bastantes anos en escena como actriz, cantante, produtora... Con que faceta se queda?

-... E tamén como compositora. De feito, o álbum péchase cun tema meu, "N´alén", que é como un alalá final que me conecta co público, porque xa teño dito que para esa conexión necesito primeiro contactar conmigo mesma. Pero antes que todo son intérprete, a miña profesión é cantante e os outros traballos son derivados.

-Tan importante como a canción é a interpretación, e ahí está un dos seus puntos fortes.

-Si, cada canción é coma unha historia que contar e trato de facela miña, de darle un aire persoal, de poñerlle todo o sentimento.

-Terá algo que ver co fado, que sexa unha artista da raia entre Galicia e Portugal. De feito, no disco emprega os tres idiomas...

-Considérome unha artista cen por cen galega, pero identifícome e canto tamén en portugués e en castelán, que son culturas e idiomas que comparto.

-Certo é que soe estar implicada en espectáculos vencellados coa historia e a cultura galegas. Cal será o próximo?

-De momento estou volcada con este disco, "Respirar", que me levou un ano e pico de traballo e que xa estiven presentando en países como México, a donde regresarei proximamente. Tamén teño pendente unha xira pola Península, que a penas me van deixar tempo para moito máis.

-A súa presenza nas pasadas Festas do Cristo co musical Keltia foi moi ben acollida. Como se sente en Cangas?

-Moi ben. Daquela puxemos a guinda ás festas cun cheo impresionante nas rúas. Desde o escenario non veía donde remataba a xente, e iso que era luns. Foi moi emocionante e agardo que a conexión co público sexa semellante esta fin de semana.

Compartir el artículo

stats