"Desde logo, se eu fose o rexidor de Cangas naquel comezo do século dezasete, non estaría hoxe aquí tentando celebrar unha efeméride, senón que tería a obriga de avisarvos do que ía pasar mañá e a estas horas teriamos que estar organizando a resistencia, a fuxida dos máis débiles, como así aconteceu", proclamou Xosé Manuel Pazos no pregón celebrado a última hora da tarde desde o palco da música, diante dunhas duascentas persoas que aproveitaron que a chuvia deu unha trégoa para oficializar o comezo dunha fin de semana de actividades que conmemoran aquel feito histórico.

Pazos calificou de "día aciago" aquel 9 de decembro de 1617, cando unha frota de piratas turcos bereberes arrasou a vila. "Queimaron casas e barcos, asasinaron, roubaron, levaron xente do pobo como escrava e deixaron unha ferida social da Cangas tardou moitos anos en recuperarse", lembrou. Consecuencia daqueles actos de pillaxe e saqueo, tamén de persecucións promovidas contra mulleres viúvas e de posición económica desafogada, acusándoas de bruxería e quedando os delatores e a propia Inquisición cos seus bens, "nace a historia das bruxas de Coiro de María Soliña, pois a praia de Areas Gordas está en Coiro e algunhas acusadas eran da parroquia, e nace, sobre todo, a triste e cruel historia de María Soliña, abondo coñecida e inmortalizada desde a poesía, a música, o teatro, a historia...", repasou.

Pero esta festa xurde, e con ánimo de instituírse, para celebrar a resistencia. "Deámoslle a volta aos lentes da historia: O 9 de decembro de 1617 significou para Cangas un canto á capacidade de resistir diante da adversidade, de rexurdir e navegar cara adiante nos tempos máis tormentosos", reclamou o rexidor cangués, que aludiu a María Soliño como símbolo da "ancestral violencia contra as mulleres", pero tamén da capacidade destas "para rebelarse e manterse firmes ata o fin", que, aínda tráxico, está "preñado de afouteza e dignidade".

"Pode que a chuvia, a ansiada chuvia que chegou no momento máis inoportuno, nos desluza un pouco algúns dos actos que tiñamos programados ao obrigarnos a cambialos de lugar e de formato; pero o entusiasmo continúa e o convite a todas e todos para que gocedes destes tres días de recreación festiva permanece" engadiu o alcalde, que rematou a invitación é festa cun "Viva Cangas e perviva o espírito e María Soliña!"

Mercado de época e fin se semana de actividades

  • Unha hora antes do pregón no palco da alameda, que precedeu a un emotivo Cantar de Cego e un breve concerto de Amigos da Canción, abriu o Mercado Campesiño e Mariñeiro, previsto nos arredores da praza de abastos pero que as inclemencias meteorolóxicas obrigaron a acollerse no primeiro andar do inmoble, donde se despregan máis dunha vintena de postos de venda de productos e artesanía e outras mercadorías artísticas, gastronómicas e de curiosidades. Hoxe manterase a actividade, e tamén mañá ata as tres da tarde. O programa tamén contempla para hoxe un xogo de bolos celtas na explanada de Ojea, a mediodía, e ás 13.00 horas un espectáculo do Mago Marco, na praza de abastos. Pola tarde seguirán os talleres artesanais, a versión infantil da "Defensa da vila", que inclúe múltiples actividades na casa consistorial, desde as cinco, representación teatral de "O timador", nos xardíns de Soage (18.00 horas) e a recreación de momentos musicais E bailes de época "Un día na vila de Cangas alá polo 1617".