Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ataque corsario na ría de Vigo

Dasairas investiga sobre o autor dunha incursión de sete barcos ingleses o 4 de maio de 1657

Barco balandro utilizado polos Collaert. // Arquivo do autor

En Vigo e na ria ainda quedaba recordo da última e terrible incursión do corsario Francis Drake en xuño de 1589 con 213 barcos que arrasou a comarca viguesa e impuxo o medo na zona durante semanas. Cando esta flota corsaria xa se retiraba o 2 de xullo, levantouse un forte temporal e dous dos barcos ingleses, o navío ao mando de Docwa e o filibote de Hawkins foron encallar na costa de Cangas onde quedaron varados. Aproveitando esta circunstancia, os veciños de Cangas atacarían os barcos, facendo fuxir aos ingleses en botes e queimando as naves despois de rescatar a varios prisioneiros que ían nas adegas. Logo virían os ataques turco-berberiscos ás poboacións da ria e a xa coñecida invasión e desfeita de Cangas no 1617. Posteriormente, o sete de xullo de 1652, cinco anos antes dos feitos que nos ocupan, catro navíos ingleses volveron canonear Vigo, mentres o resto da escuadra perseguía a flota española de Ostende que adoitaba atracar neste porto para facer aguada e reposto de bastimentos na rota de Cádiz a Flandes.

Estes precedentes eran abondo para que unha fugaz incursión de barcos na Ria, ocorrida o catro de maio de 1657, fose atribuída a uns corsarios de suposta orixe inglesa debido aos precedentes bélicos con este país. Mais unha fonte documental de orixe portuguesa que manexamos e a sua data, acababan coincidindo coa alarma e o pánico que se produciran en Cangas nesa mesma data, apesar de se ter construido uns anos atrás para defensa da vila, unha batería no Señal que foi denominada popularmente como O Forte pero que a dicir dos enxeñeiros da época era de poca consideración. Cangas ainda estaba nestas datas a refacerse económica e socialmente da incursión turca, dentro dunha crise xeralizada debido ás guerras e á presenza corsaria nas costas. Suspenderíase o trasfego comercial por mar e os que se arriscaban a sair a pescar, facíano armados e coa vista posta nas vixías e garitas establecidas ao longo da costa. Esta situación levaría ao declive dos grandes cercos reais existentes, retornando a pesca ao ámbito da ría coas sacadas e os xeitos cuxo menor produto se desembarcaba en Vigo ou Redondela para comercializalo.

Voltando á suposta "incursión inglesa", temos que dicir que o historiador González López foi o único que abordaría este episodio, apuntando como autor da mesmo ao corsario inglés John Colepeper pois a nacionalidade inglesa que se lle atribuía e o nome João (John) cadraban na identificación do autor do ataque. Ademáis disto apúntase que este personaxe era a man dereita do rei inglés Carlos II que tivera que fuxir a Francia coa corte, despois da decapitación do seu pai Carlos I. Ao firmarse unha alianza entre Cronwell e o rei francés, os monárquicos ingleses tiveron que pasar a asentarse no Flandes español, tempo no que se deduce que Colepeper se puxo ao servizo de España como corsario. Ata aquí todo seguía cadrando, agás o apelido Colepeper ao que non lle atopabamos relación co Colarte mencionado no documento portugués e nas pescudas documentais (Dictionary of National Biography) sobre Lord Colepeper só destaca o seu labor diplomático na procura de aliados para recuperar o trono real inglés. Nesta fonte documental recóllese que o seu asentamento final co rei Carlos II foi en Vlaanderen (Flandes) pero non fai referencia a Colepeper operando como corsario nin aquí nin nas nosas rias e menos se temos en conta a sua avanzada idade.

Xa que logo, optamos por dirixir as pescudas cara unha familia de corsarios apelidados Collaert en inglés e Colaart en neerlandés (holandés) tamén ao servizo de España desde finais do XVI, ainda que o nome João dado polos portugueses e o de Jacob do noso corsario, seguían sen coincidir. En canto á nacionalidade inglesa dos barcos cabe que se asumise que os atacantes non podían ser máis que ingleses pois estes, de infausta lembranza na ria, eran, xunto cos holandeses, os principais inimigos da Coroa española e ainda que os supostos atacantes eran corsarios ao servizo de España, loxicamente non debían enarborar bandeira ningunha. Mais tamén cabe que neste alarde, que non ataque, este corsario por razóns que expomos máis adiante, xa decidise tomar partido por Inglaterra que nestas datas de maio se ía aliar con Francia contra España.

Todo este cúmulo de datos confusos, foi sen dúbida, o causante de que non se chegase a identificar concretamente a este personaxe da época e malia a mudanza do nome, consideramos que foi Jacob Collaert (Colarte) quen aquel catro de maio de 1657 se adentrou na ria cunha escadra de sete barcos, bombardeando a destra e sinistra cara as poboacións costeiras, sementando o pánico. Despois de centrar o seu fogo sobre Vigo sen causar danos, a flotiña corsaria viraría en redondo e sairía da ría antes de que puidesen reaccionar as escasas defensas da cidade. Esta arroutada do corsario Collaert non tiña outra orixe que as débedas que mantiñan con el polo impago das capturas de barcos inimigos e porque as autoridades de Galicia, e de Vigo máis concretamente, lle esixían cada vez unha maior porcentaxe nas mesmas. O documento resúmeo así: Dissimularaõ os galegos a hospedagem até que achando occasiaõ se pagaraõ della, e usando do fabuloso provérbio de que he merecimento furtar aos ladrões, se lavantar?o com o melhor da prezas. Un feito, ocorrido o 20 de setembro de 1655 pode ser a causa do encabuxamento do corsario flamengo pois nesa data, estando na ria unhas fragatas do corso de Ostende, apresaron un barco inglés cargado de mercadorías. As autoridades só lle deron aos corsarios duas partes do cargamento, negándolles a entrega do barco, nin sequera da sua artillería como reclamaban, alegando que fora apresado en augas españolas.

Hai que dicir que nestas datas en que Vigo ainda andaba a construir as suas murallas, adoitaban facer escala neste porto as naves da flota de flamenca de Ostende cuxos tripulantes protagonizarían algunhas trifulcas que pasaría á historia da cidade. Este trafego comercial tamén traería o asentamento de "personas de nación flamenca" que facían de intermediarios comerciais co seu país e cos corsarios desta orixe. E que chegaron a formar unha elite poderosa, demóstrao o feito de que incluso sabendo das penurias que se pasaban, ocasionadas polas guerras, negaríanse a contribuir ás mesmas e solicitarían a exención de impostos, asunto que sempre lles foi concedido. Porén, a maioría da poboación vivía nunha situación de precariedade, e Cangas e outras poboacións do Morrazo terían que abastecer máis dunha vez a Vigo con xente, fariña, pan, viño, gando e outros xéneros para socorrer aos seus veciños.

(*)Historiador de Cangas

Compartir el artículo

stats