Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

A presenza do escritor Carlos Casares en Cangas

No ano 1974 conseguiu unha praza de profesor de Lingua e Literatura Española no Instituto de Ensino Medio

O escritor coa súa muller Cristina Berg e os fillos Hákan e Christian que medraron nas aulas do colexio do Hío e correron e xogaron nas praias do Morrazo.

Carlos Casares Mouriño, nace na cidade de Ourense o 24 de agosto de 1941 no seo dunha familia de clase media. O neno Carlos, con 11 anos e capacidades para o estudo, foi enviado ao Seminario de Ourense onde estudou Humanidades ao tempo que sufriu unha forte represión lingüística que espertou nel un espírito inconformista, Abandona o Seminario aos 16 anos e cursa os estudos de Bacharelato por libre. Gaña o primeiro premio nun concurso de Contos, o que lle deu a posibilidade de coñecer a Vicente Risco e asistir ás súas tertulias.

Estuda a carreira de Filosofía e Letras en Santiago especializándose en Filoloxía Románica. Entra en contacto con Ramón Piñeiro uníndose ao núcleo da cultura galega antifranquista. Forma parte da Asociación Democrática de Estudantes e do Fronte de Liberación Popular. Publica varios relatos na revista Grial e a súa primeira obra, Vento ferido (1967).

Ao rematar a carreira vai traballar a Viana do Bolo como profesor auxiliar nun colexio do que foi expulsado por realizar actividades contrarias ao Réxime. Interveu o reitor da Universidade e foille prohibido exercer a docencia en Galicia. Marcha ao País Vasco e traballa como profesor. No ano 1971 casa co Cristina Berg e visita Suecia con frecuencia. O matrimonio fixa a súa residencia en Ourense, Casares traballa na Escola de Secretariado e publica artigos nos xornais. Tiveron dous fillos, Håkan e Christian, que van medrar nas aulas do colexio público do Hío e correr e xogar polas praias do Morrazo xa que no ano 1974 conseguiu unha praza de profesor de Lingua e Literatura Española no Instituto de Ensino Medio de Cangas.

Coincide no tempo cun grupo de ensinantes (Henrique Harguindey, César Varela, Sacau, Paco Rodríguez) que teñen en común a súa activa implicación nos movementos culturais, sindicais e políticos que, nos finais do franquismo, están en plena efervescencia no Estado Español. Ábrenlle expediente disciplinario, polo seu apoio ás reivindicacións do colectivo de profesores non numerarios .

Era un home con moita actividade, moi viaxado, que nesta altura xa é unha referencia importante para a política e a cultura de oposición en Galicia, dende as fileiras do galeguismo liderado por Ramón Piñeiro e nucleado en torno a editorial Galaxia.

Vive e traballa en Cangas durante nove anos, no Instituto en Rodeira, un centro pequeno duns 300 alumnos, dende1974 até 1983 que vai destinado ao Instituto Santo Tomé de Freixeiro en Vigo e establece o domicilio familiar no concello de Nigrán.

A presenza de Carlos Casares en Cangas deixou fonda pegada tanto nos compañeiros cos que compartiu centro,coma co seu alumnado que o lembran coma un profesor afable e entregado ao seu traballo. Era moi sociable e tivo a súa casa aberta a todos.

A súa amabilidade non se restrinxía ao labor propiamente docente : "Algúns alumnos acudiamos a el, para pedirlle libros de lectura. Eu non era un alumno moi brillante, lembra Antonio Portela de Aldán, e para aprobar a súa materia encargoume un traballo sobre un libro. Como eu non o tiña, Casares prestoumo. Cando o fun recoller quedei moi sorprendido: no seu salón tiña unha enorme maqueta de tren, nun taboleiro tamén moi grande. Ademais de entregarme o libro, ensinoume o funcionamento das máquinas locomotoras , ás que era moi afeccionado".

Recollendo as palabras do seu compañeiro Henrique Harguindey: "Carlos Casares era un home de fala e de palabra no dobre sentido, de palabra de lei e de que lle gustaba e practicaba o diálogo". Integrouse axiña na vida cultural de Cangas a través do Cineclub, unha actividade atendida dentro do Centro Recreativo e mesmo fixo a presentación de varias películas e moderou algún coloquio.

"As súas aulas eran sesións de moi diversa índole. Cando impartía materia, facíao con moita solvencia e capacidade de comunicación. Lembro como moi interesantes as aulas dedicadas á Xeración do 98. Noutras moitas ocasións, deixábase levar pola súa inmensa e diletante capacidade como contador de historias", lémbrao Pedro Pablo Riobó, hoxe profesor de Lingua Galega no IES María Soliño e daquela alumno seu.

Visitaba en moitas ocasións o taller de carpintería que o señor Culio tiña no final da rúa Real na esquina coa da Enseñanza. Alí pasaba horas de conversa amable que a el tanto lle gorentaba. Nunha ocasión visitou a Escola de Adultos de Cangas para participar nun Café con... unha charla amena e agradable.

Carlos Casares, gran lector e un home culto e cosmopolita. Foi o membro numerario máis novo da Academia Galega. Autor de moitos libros de narrativa e de literatura infantil, biografías de autores galegos, columnista nos xornais e tradutor ao galego de moitas obras universais. Participou en múltiples congresos e encontros, impartiu cursos de galego e foi director da editorial Galaxia e da revista Grial

Asinou o manifesto Realidade Galega, co obxectivo de conseguir un Estatuto Galego á par do de Cataluña e o do País Vasco de 1979.

Participou nas eleccións como independente nas listas socialistas, foi membro do primeiro Parlamento de Galicia (1981), un dos redactores da Lei de Normalización Lingüística (1983) e da creación do Consello da Cultura Galega que chegou a presidir (1996-2002).

No ano 2002, estando na súa casa da Ramallosa, sufriu unha crise cardíaca. Foi trasladado ao servizo de urxencias do Hospital Xeral de Vigo e logo ao Meixoeiro onde faleceu. Foi soterrado no camposanto de San Fiz de Nigrán.

Cinco centros educativos públicos, un autocar, un xardín, o parque de Monte Alto na Coruña, unha estatua en Pontevedra e prazas e rúas de toda a nación, como a de Cangas onde el viviu nove anos, levan o seu nome.

A obra literaria de Carlos Casares está moi traballada tecnicamente escrita integramente en galego cunha linguaxe doada para chegar ao meirande número de lectores. Os seus libros quedáronnos como herdo dun escritor que coma Cunqueiro, quixo que a lingua Galega durase 1000 primaveras máis.

Que así sexa!

(*) Mestres de Cangas

BIBLIOGRAFÍA:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Carlos_Casares

Testemuños de alumnado e profesorado compañeiros e amigos.

Testemuño Henrique Harguindey sacado da Mesa Redonda sobre a vida do escritor celebrada en Cangas o 10 de maio de 2017.

Compartir el artículo

stats