Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (XXV): Educación Primaria (III)

O autor aborda o seu traballo teatral dende 1996 ata 2013 nos colexios Compañía de María, A Rúa, Reibón e Espiñeira

1996-2000. Colexio Compañía de María. Cangas. Nunha primeira etapa cabe destacar o colexio Compañía de María de Cangas. Comezamos cun grupo de nenas e nenos facendo sesións que se dividían en dúas partes e seguían unha estrutura similar á que eu traballaba con Maite en ABRA. A primeira, íntima, individual ou en parella, consistía en exercicios de relaxación, respiración ou visualización. A segunda convertíase nun traballo grupal con exercicios de expresión e contacto corporal, e sobre todo, moito xogo. Un dos obxectivos destas sesións foi educar a mente e o corpo das crianzas para que estas adquiriran unha madureza emocional e desfrutar así, de novas e positivas experiencias creativas cos demais. O grupo entrou nesta dinámica con interese e comentaba, dun xeito moi democrático, as dificultades, desexos e inquedanzas que ían xurdindo. Nunha destas xuntanzas cuestionouse se faciamos ou non unha obra de teatro. Eu non era partidario porque restaba tempo ao traballo persoal. En votación aprobouse que iría adiante o de actuar. Ben pensado tamén tiña cousas positivas, así que, organizamos o traballo e dedicamos máis tempo á preparación da obra de teatro nos últimos meses do curso. Nos entroidos tocabamos tamén a maquillaxe e faciamos feridas. Toda a panda corría polo colexio intentando asustar aos maiores coas úlceras ensanguentadas e doridas.

Nestes catro anos experimentamos con varias técnicas de manipulación, fixemos traballos corporais con tendencias á danza e indagamos no traballo de actor, sobre todo desde a comedia. Destes traballos saíron seis textos curtos: "Todo é un conto", de Socorro Tajes, "Xeado de bombón", de José González, a fábula "O cachorro e a tartaruga" de Antonio A. Gómez Yebra, a adaptación dun conto a sombras chinescas "Conto de medo... pero menos" de Maita Cordeiro e outra de monicreques de luva con "O príncipe durmiñón", de María Bouveta e Elisa Nogueira. O último ano, en "Sorriso e movemento", un espectáculo inspirado no Circo do Sol, xogamos co movemento e as técnicas de clown. Esta obra consistía en pequenos números de pallaso tradicional mesturados con coreografías para monicreques humanos e de luva.

Eu daquela andaba a matinar en como os nenos debían facer o personaxe. Cheguei á conclusión de que o teatro é un xogo. Eles mesmos constrúen o personaxe desde a súa propia personalidade e liberdade expresiva, xogando a ser outros. Afondar no personaxe sería máis propio de secundaria.

2000-2007 e 2010-11. CEIP Reibón. Moaña. Neste colexio comeza, xunto con outros, unha segunda etapa moi produtiva teatralmente. Seguimos organizando o ano escolar en dous bloques. O primeiro, que vai desde o comezo da actividade ata xaneiro ou febreiro, dedicámolo ao traballo corporal. A organización das sesións experimentan cambios. Ben fora por espazos non adecuados, ben polas dificultades que puña o alumnado, a parte de coñecemento individual queda atenuada e dedícase máis tempo á expresión corporal con xogos colectivos ou improvisacións. Parte dos xogos realízanse co obxectivo de facer piña entre todos e crear un clima de confianza para unha boa relación de traballo. Penso que é fundamental. O segundo bloque, a partir de xaneiro ou febreiro, é para os ensaios da obra de teatro que cada ano vai collendo máis tempo de traballo e dedicación.

Entre outras obras, representamos "O xantar", de Pura Vázquez, "O planeta do sorriso", de Isabel González, "Mentireiro Tomás", de Leslie Garrett", "O champiñón Agarico", de Euloxio Ruibal", e "Orcavella" de Xacobe Paz.

Cabe destacar a actividade teatral para adultos que desenvolvemos co equipo da ANPA durante dous anos. Estivo formado por sete ou oito mulleres e un home, como soe ocorrer en case todas as actividades. O grupo era moi movido, con ganas de xogar. Había unha dinámica de traballo fluído e estaban cargadas de enerxía. Os exercicios volvíanse escandalosamente divertidos porque elas facíano así. Encargábanse de facer o vestiario, sabían ben o texto e tiñan moi boas ideas. Que gratas lembranzas coas persoas adultas. He, he, he! Estes dous anos puxemos en escena "A bruxa Risiñas", da Coordinadora Bambalinas Teatro e "Mamá cabra e os cabuxiños", en versión de Fina Casalderrey.

2001-2011. CEIP A Rúa. Cangas. Este colexio ten a particularidade de que non só estiven como monitor de teatro senón que tamén pasei aí parte da miña vida como pai dun neno e dunha nena estudantes. Déronse, polo tanto, unhas condicións óptimas para facer teatro grazas á estupenda relación que existía entre pais e nais do alumnado, a ANPA e a dirección do centro. Debo engadir aquí a relación de amizade que se fraguou tamén entre os alumnos. Aínda que hoxe, moitos deles estean traballando ou estudando fóra, cando regresan seguen xuntándose e a amizade continúa. Como pai, como educador e como persoa, eu iría medrando no teatro con eles. Á vez que os contemplaba, indagaba nas distintas problemáticas de cada idade.

Daquela comezabamos as clases sentados e falabamos dez minutos de como estaba cada un. Ao final eles colleron a dinámica e ao chegar a clase puñan as cadeiras en círculo, creando así, o seu espazo teatral de diálogo. Ás veces había moitas cousas de que falar e botabamos a hora enteira tratando temas que lles preocupaban. Foi moi interesante observar a capacidade que tiñan para opinar e confrontarse entre eles.

O primeiro ano levamos a escena "O medo", de Vicente Leal, un espectáculo que trata sobre os medos dun rapaz que convive cuns obxectos e co seu amigo invisible. O grupo estaba integrado por cinco nenos e unha nena, Artai Santos, Juan Molina, María Fernández, Bernal Torrado, Pablo Lemos e Daniel Soliño. Esta obra, que foi escrita para monecos, adaptámola á luz negra. Houbo un traballo laborioso en goma-espuma, material dúctil e daquela barato, que utilizaría en diferentes montaxes. A plástica sempre foi un elemento esencial para a creación do espazo e os personaxes nos nosos espectáculos.

En 2001, o Auditorio Municipal abre as portas ao pobo como espazo cultural e nós queremos utilizalo. Neste contexto xorde a idea de facer unha mostra de teatro na que todos os colexios teñan cabida. Deste xeito temos un lugar máis para representar os traballos realizados e tamén para a relación entre crianzas. En 2002 comezaría a I Mostra Escolar de Cangas que nos primeiros anos organizaríamos Rosi Figueroa máis eu, e nos sucesivos, as ANPA ou a Federación de ANPA. Nesta Mostra actuamos por primeira vez con "O medo".

No curso seguinte a directora do colexio, Clotilde Juri "Cloti", dentro da capacidade integradora que ela tiña, propúxonos participar no concurso "Entre nós, en galego", unha campaña de normalización lingüística organizada pola Xunta de Galicia que abarcaba varias disciplinas artísticas e culturais dirixidas aos centros educativos. Participamos con "O medo", obra do ano anterior e déronnos un accésit. Neste mesmo ano, 2002, aconteceu a catástrofe do Prestige. A indignación foi grande e longo o pranto do corazón. Penso que todo o mundo lembra eses días fatídicos para a nosa terra. Con rabia comecei a facer unha adaptación do Retábulo das marabillas de Cervantes, ese entremés tan sabio, fácil de adecuar a distintas situacións e épocas. Deste texto primario saíu "O retábulo das marabillas no país do chapapote", que sería publicada pola editorial Fervenza dentro da colección A Pinguela, Teatro escolar para ler e representar. Cando a representamos, entendeuse tan ben e chegou tan fondo aos espectadores que unha nai veu emocionada a darme as grazas. Díxome que había moito tempo que unha obra de teatro ou unha película non a facía rir e chorar a un tempo. Volvemos a concursar en "Entre nós en galego" con esta obra e repetimos accésit.

O terceiro ano xa eramos 19 no grupo, un éxito nun colexio tan pequeno. O concurso deulle pulo á actividade que xa era coñecida. Nesta ocasión preparamos a obra en moi pouco tempo para levala a concurso nese mesmo ano escolar. Titulábase "Regalicia e Piruliña", de Fernando Almena, un construtor de historias fantásticas. Nas vacacións da Semana Santa varios pais e nais traballamos a plástica desde o primeiro ata o último día. Construímos cabalos, dragóns ou zapatóns en goma espuma, pintamos castelos en cartón e cosemos todo o vestiario con teas recicladas de boa calidade. O grupo ensaiaba e aprendía á vez o texto. Cando todo estivo preparado fixemos unha boa gravación no Auditorio Municipal e enviamos o vídeo. Concedéronnos o primeiro premio provincial e o segundo autonómico. Fixemos camisetas, unha comida e fomos a recoller o premio a Pontevedra. Noutra ocasión, o centro organizou no Auditorio Municipal un encontro con outros colexios que gañaran en disciplinas como música ou poesía, e nós tamén representamos a obra. Foi moi interesante porque puidemos ver o esmero e a calidade artística coa que traballan outros colexios. Este sería o último ano que se convocou "Entre nós en galego". Pouco despois celebraríanse as eleccións galegas e co cambio de goberno a política educativa mudou.

Moitas cousas quedan atrás: o conto "Lucinda e o inspector Viñagre", da profesora Marisa Núñez que adaptaron para monicreques as alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria dentro do horario escolar. A colaboración no estudo que se estaba levando acabo no colexio sobre o pintor Miró coa construción dunha árbore xigante con cores e simboloxía propias do pintor. Esta árbore foi fundamental na posta en escena de "A árbore de Breogán" do orixinal "El árbol de Julia", de Luis Matilla, un dos pais do teatro independente madrileño. Os dragóns que fixemos para os entroidos, exposicións de monicreques do mundo e material de distintas obras. Tamén pequenas pezas cantadas e teatralizadas como "O rato", do brasileiro Paulo Tatit ou o traballo con sombras e movemento na adaptación do conto "A que sabe a lúa", de Michel Grejniec... Son pequenas pezas que se van integrando no quebracabezas.

2003-2013. CEIP Espiñeira. Aldán. Este colexio supuxo para min o reencontro con algunhas amizades do instituto que agora xa eran nais e pais. O traballo na Espiñeira foi similar ao que se levou a cabo n´A Rúa, igual que a relación coa ANPA e a dirección, que daquela levaba María José Oliveira. Na práctica, de todos os ingredientes dos que dispoñía para as sesións, utilizaba os adecuados dependendo da composición do grupo. A uns gustáballe máis a relaxación e a outras os exercicios, e cando lles gustaba moito un, pedían que o volveramos a facer durante todas as semanas. Houbo tamén un grupo de cinco nenas que só querían improvisar. Enredadas no xogo, nunca lle daban final ao divertimento. Tiñan moi claro que querían xogar.

As obras máis representativas que fixemos foron: "O ladrón de palabras", de Antonio de la Fuente, "As andanzas de Don Quixote", de María Belén Camacho, "O país dos sen-ceros", de Gastón Quiroga, "O tesouro de Barbavermella", de Francisco Javier Bernard, "A pedra que quixo voar", de Aurora Mateos. En 2013 fago a última obra para primaria con este grupo de nenas que tanto lles gustaba improvisar. É unha versión do "Soldadiño de chumbo". Integro a parte plástica do conto nun xogo entre nenas que falan do amor e poñen en evidencia o trato dos maiores sobre os pequenos. Foi escrita pensando nunha persoa adulta con alma de nena e resalta as miñas preferencias polo desenvolvemento e adaptación do conto popular.

Durante anos tamén existiu un intercambio de actuacións entre A Espiñeira e A Rúa. Cando ían de visita, as crianzas vían o funcionamento do colexio e comparábano co seu. E sobre todo, o que máis importaba era a relación que mantiñan durante o recreo, que logo seguiría noutros encontros como as funcións que faciamos na Mostra de Teatro Escolar de Cangas, no Café Teatro de Moaña, ou na Salasón.

Atrás quedan moitas vivencias que non dan para contar. Na educación vexo a necesidade dun guía, de alguén que saiba sacar o mellor de cada un, que che axude na procura das túas aptitudes e a desenvolver as inquedanzas. No meu caso, se houbo algunha fada que me dera coa súa variña, esta foi Maite Campos á que sempre lle estarei agradecido. Ela soubo sacar as capacidades, as destrezas, o talento que cada un leva dentro. Dese xermolo que ela soubo plantar naceu a miña semente teatral e o inicio da relación cos miúdos.

Co comezo da actividade nos colexios aparece a necesidade de formarme máis exhaustivamente, nun principio, a través de bibliografía teatral ou de obradoiros que me proporcionaran técnicas e formas de expresión diferentes. Co tempo teño claro que o meu non é actuar. O espazo elixido para desenvolver a creatividade sería a dirección, e máis adiante a dramaturxia. Coa apertura da ESAD de Galicia ingreso na especialidade de dirección e dramaturxia. Esta etapa ofréceme a posibilidade de afondar na práctica teatral e a cuestionarme o teatro que eu quero facer. Por outra banda comezo a colaborar coa Revista Galega de Teatro, Erregueté e viaxo a festivais para a infancia e a xuventude a nivel nacional e internacional. Coñezo aos dramaturgos Wajdi Mouawad e Suzanne Lebeau e vexo os seus espectáculos con Théàtre Le Clou e Le Carousel Théâtre, dúas compañías quebequesas que influirán en min decididamente, tanto na escrita como na posta en escena.

Aclaradas as miñas dúbidas, a dirección que debía seguir era a do teatro-arte, tratar ás crianzas véndoas aos ollos e sacar do cofre os temas tabú que ás veces tanto incomodan. Agora, aínda que non traballo cos miúdos teño centrada a miña actividade teatral na adolescencia e sigo tratando temas universais para montar na escena novas historias que conmovan.

Compartir el artículo

stats