Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Lorenzo Corbacho: mariñeiro, canteiro e sindicalista

O gran sindicalista de Cangas foi executado en setembro de 1936 e a Casa de Oficios leva agora o seu nome

Lorenzo Corbacho Rodal, 1891-1936 (Arquivo Nomes e Voces).

Lorenzo Santiago Vitoriano Corbacho Rodal, fillo dun canteiro de Xeve, nace en Cangas (1891). Dende pequeno foi instruído nos valores do movemento obreiro.

Casa con Concepción Iglesias Portela. No tempo da ditadura de Primo de Rivera, optan por unha cerimonia civil, a primeira que se celebra en Cangas. Foron os padriños o mestre Angel Mato e o comerciante Manuel Rodal (Baldomero). Tiveron varios fillos.

Corbacho, canteiro, afiliado ao sindicato e á agrupación socialista, ten un longo historial de compromiso obreiro e político no sindicalismo do Morrazo. Foi concelleiro en Cangas en varias etapas e colaborador das revistas socialistas: La Nueva Aurora (Pontevedra), Solidaridad (Vigo) e Socialista (Madrid).

Participa activamente na folga xeral de 1917 sendo detido e procesado en varias ocasións. Funda as agrupacións socialistas de Moaña e de Cangas. Forma parte da dirección dos sindicatos de canteiros e mariñeiros chegando a ser o primeiro presidente da sociedade Alianza Mariñeira. Xunto con Manuel Nores (Taratola), o sindicalista e político de máis sona naquela altura.

Nas eleccións municipais de 1931, Corbacho forma candidatura nas filas de Alianza Mariñeira coa convención republicana e socialista. O triunfo da mesma tirou a monarquía e o 14 de abril proclámase, con gran entusiasmo popular, a II República Española. Corbacho reincorpórase como concelleiro (1931 a 1936) e, xunto con Francisco Eiroa Graña trouxeron desde Vigo, no barco de pasaxe Alegría, a nova bandeira republicana. E como canteiro de oficio que era, picou a coroa monárquica da fonte do Cabalo.

No Golpe militar franquista do 36 encabeza a defensa da República pola que tanto loitara. No concello, dá instrucións aos grupos que ían cara Pontevedra para defender o Goberno Civil. Arenga aos homes -canteiros a maioría- para que controlen a estrada de Cangas a Bueu á altura da fonte do Anguieiro. Por iso foi dos primeiros que foron buscar os xenocidas. E o 24 de xullo foi preso pola Garda Civil acusado de opoñer resistencia ao golpe de Estado, ingresa na prisión de Cangas (daquela o Instituto de Hixiene).

Todos os membros da Xestora Municipal foron interrogados, aldraxados e sometidos a maltrato. Conta nas súas memorias Ángel Fernández del Río: "Unha noite chamaron para declarar a Corbacho e a Antonio Fernández e cando regresaron estaban tan flaxelados que as tres cuartas partes das súas costas eran feridas sanguentas e non se podían tocar os seus corpos". Máis tarde foron trasladados a Pontevedra, ao cárcere da antiga Escola Normal. Procesados en consello de guerra sumarísimo, acusados de rebelión militar e condenados a pena de morte o alcalde Jorge Echeverri, Lorenzo Corbacho e o mestre Víctor Sánchez Márfil.

Antes de ser asasinado polos fascistas, Lorenzo Corbacho cedeu ás presións e aceptou celebrar un matrimonio relixioso e bautizar aos fillos co obxectivo de protexer a familia, librala da persecución e afastalos do estigma que os ía perseguir para sempre, escribe Luís Bará no blog Non des a esquecemento. "Foi sometido a un dos actos máis infamantes que se poidan imaxinar. A humillación, a derrota definitiva. El, anticlerical e home de firmes conviccións ateas, o concelleiro que defendera con coraxe a retirada dos crucifixos das escolas, o socialista que casara polo civil, que non bautizara aos seus fillos e que lle puxera o nome de Libertad Fraternidad a unha delas".

Lorenzo Corbacho o gran sindicalista de Cangas foi "pasado por las armas", executado en Pontevedra o 24 de setembro de 1936. Tiña 45 anos. A Casa de Oficios do Concello de Cangas, onde se imparten cursos e obradoiros formativos, leva o seu nome.

*Secretario de A Cepa e xornalista de FARO

Compartir el artículo

stats