Jesús Porto ao acordeón; Daniel Gallego, "Chani", á batería; Hono Parcero á guitarra acústica, cabaquinho e voz; Toño Parcero ao baixo e voz; e Seso Portela, coa guitarra eléctrica, acústica de 12 cordas, harmónica e voz integran o grupo Varalonga, formado por excompoñentes de Nuevas Amistades, que acadou gran popularidade polos anos 60. Agora regresan aos escenarios, e esta tarde (20.30 horas, Auditorio Municipal) presentan o disco "Poetas populares de Cangas -con textos de José Santos Rodríguez, "Pepe Poeta", e Serafín Graña- que acaban de editar para a Asociación Cultural A Cepa. O mestre de ceremonias é o artista Nelson Quinteiro.

O traballo dixital -con producción, dirección e arranxos de Pablo Costas- saíu á luz o pasado mes de maio para darlle voz "ás palabras dos nosos cantores de rúa, que tanto nos axudaron para vivir en tempos difíciles", e que se converteron en "cronistas do tempo que lles tocou vivir". As sardiñas pingan no pan, La cola, Areacova a noite, A Capela do Hospital, Tebras da noite en Rodeira, Mala veciña, Adeus a Pichirol, Hipocresía, A Taberna Fatal, Os Chingolos, "Singorellas" de Balea e Outono en Cangas conforman o repertorio do disco, gravado e mesturado por Tribu Digital, en Moaña.

Serafín, "improvisador de versos a calquera hora", e Pepe Poeta, "un apóstolo do século XX", regresan nas voces e música de Varalonga. "Velaí van algúns dos vosos versos musicados para que revivades outro pouco nos corazóns dos amigos. Alá ides aos ventos todos, orgullosos das vosas verdades, eternos cantores populares de Cangas".