Os centros educativos de Cangas que levan traballando en violencia de xénero durante todo o trimestre levan as súas propostas á rúa o venres, aínda que o escenario pode modificarse en caso de chuvia. A previsión é realizar unha actividade conxunta a través de propostas diferenciadas para transmitir á cidadanía o rexeitamento da violencia e o dereito ao bo trato. A idea consiste en ocupar espazos públicos, prazas e núcleos vitais do pobo ou os elementos de interacción cunha proposta plástica ou simbólica, unha acción interpretativa ou unha escultura humana, entre outras opcións.

Así, o venres ás 10.30 horas na Praza das Pontes haberá un mural contra as violencias machistas realizado polo alumnado do bacharelato de Belas Artes do IES María Soliño. Ás 11.00, interpretación do rap "Di non á violencia", por alumnado do CEIP Espiñeira, de Aldán, e dez minutos despois "Poesía contra a violencia" a cargo do CEIP Nazaret. A continuación haberá un baile e dramatización contra a violencia de xénero polo CEIP San Roque, "Fun, son e serei respectada" a cargo do Colexio Casa da Virxe e a performance "O home que te ame", polo IES María Soliño.

A Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Tomás Hermelo, solicitou a colaboración dos centros de ensino para sensibilizar ao resto da cidadanía: "Cremos que é importante que os nenos e nenas teñan unha actitude activa á hora de expresar o seu sentir con respecto a este problema", explican desde ese departamento municipal.