- Para moitas persoas o mundo da micoloxía case que se reduce a una cuestión gastronómica. Creo que esa é unha visión que vostedes non comparten. Sobre que outros eidos pode analizarse este mundo?

-Para a nosa agrupación, os cogomelos son unha parte máis da nosa biodiversidade. Non rexeitamos o aproveitamento gastronómico, pero non é noso principal interese. Centrámonos máis en aspectos de catalogación e investigación, así como na procura de novas especies para aportar novos datos ao catálogo micolóxico galego. Os cogomelos son especies que se poden desfrutar doutras maneiras, como xeito de entrar en contacto coa natureza, a fotografía e, xa dende un punto de vista máis especializado, para o estudo da súa taxonomía ou de aspectos como os usos medicinais, o cultivo, etc.

- Non sei se o feito de chegar a vixésima edición fai un pouco máis especiais estas xornadas. Cando iniciaron esta andaina, contaban con chegar tan lonxe?

-A verdade é que nos sentimos "de cumpreanos". Si que van a ser unhas xornadas especiais e teremos varias sorpresas para celebralo, coma un artesán vidreiro do Morrazo traballando en vivo e en directo para facer artísticos cogomelos de cristal. Realmente cando comezou a traxectoria da agrupación non nos imaxinábamos estar aquí de volta en novembro vinte anos despois. Isto non tería sido posible sen o apoio ano tras ano do Concello de Bueu, e do traballo desinteresado de todos os membros da agrupación que colaboraron na organización.

- Como vai a guía de "Cogomelos do Morrazo" ?

-Agora mesmo está en proceso de maquetación. Recollerá un total de 370 especies, todas elas con fotografías de exemplares topados no Morrazo. Inclúe outros apartados relacionados coa bioloxía e taxonomía dos fungos, a historia da micoloxía no Morrazo, así como unha descrición dos diferentes hábitats da bisbarra.