O programa de ocio e actividades para público infantil e familiar Rechouchíos contará con sete actividades entre mañá e o vindeiro 3 de xaneiro.

Programado entre a biblioteca pública e o servizo de Normalización Lingüística, arrinca mañá, ás 18.00 horas no centro cultural de Quintela, co espectáculo teatral de monicreques "A Galiña Azul", insipirado no conto homónimo de Carlos Casares e posto en escena por Tanxarina Teatro. O venres 24, á mesma hora, a actividade será no centro cultural Rosalía de Castro, de Domaio, co contacontos "O pai que non sabía contar contos", de Purpurina. O 1 de novembro, xa ás 17.00 horas, o espectáculo será no salón de plenos coa peza de narración oral e manipulación de obxectos "Estrafalaria", de Atenea García. O 15 de decembro, no centro cultural Castroviejo de Tirán, os pequenos poderán gozar da obra de monicreques "Sabela e o paxaro máxico", de Tarabelos.

Xa en plena campaña de Nadal, o 22 de decembro se programará o espectáculo musical "Fantasía coas palabras", de María Faltri e Jorge Juncal. Unha semana despois, o 29 de decembro, haberá un segundo espectáculo musical co título de "Uxía Lambona e a Banda Molona". Ambas propostas serán no palco da música da alameda. A programación de Nadal de Rechouchíos rematará o mércores 3 de xaneiro coa presentación de "Radio Bulebule", de Paco Nogueiras.