Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As artes antigas no mar de Cangas (V)

A mediados do século XVI documéntase a presenza na vila de polo menos catro cercos

Unha ilustración que amosa como se facía unha sacada, coas embarcacións no mar e a xente dende a praia. // Arquivo do autor

Para atallar os conflitos entre os mareantes dítaríanse ordenanzas e acordos sobre lugares, días e artes que na maioría das veces eran incumpridos, tendo que recorrer á incipiente Audiencia de Galicia e aos tribunais da Coroa reclamando que se lle garantise a súa supervivencia pesqueira. Ademais das reclamacións sobre o uso de determinadas artes tamén xorden protestas contra o arcebispo polos dereitos que esixía sobre a sardiña do cerco e do xeito, pola venda a ollo (os mareantes preferían a peso), contra as regatonas, sobre a saca do sal (contra os administradores) ou por carencia da mesma nos alfolís. Esta situación de conflitividade entre os gremios do mar mesmo levaría a que o rei Carlos V promulgase no 1552 a desaparición das confrarías "e que no las aya de aqui adelante..." Porén, semella que prevalecerían máis os intereses comerciais que os xurídicos e non houbo nada.

As primeiras noticias documentais sobre a existencia de catro cercos en Cangas proceden de mediados do século XVI, sendo un deles o nomeado "Pichela" encabezado por Alonso Vidal como atalieiro (armador do barco trincado) e os outros tres, atalaiados cadanseu por Antonio Vidal, Marcos de Barreiro e Pedro de Refojos respectivamente. Nestas datas de 1552, a saturación de cercos na ría de Pontevedra, pertencentes á confraría do Corpo Santo da Moureira ou a mariñeiros de Marín e Portonovo, levou a que moitos donos de trincados e artes alugasen temporalmente estes, a atalieiros da ría de Vigo ou Arousa. Tal fai así, o mariñeiro pontevedrés Fernando de Pintos que, no ano devandito, lle aluga o seu trincado xa aparellado, a dous veciños de Cangas que constituiran un cerco. O custe do aluguer era de 25 ducados de ouro e estendíase desde o 8 de xuño ata despois de Reis, tempo habitual no emprego dos cercos antes de establecérense acordos sobre o tempo de marear.

En novembro de 1561, varios mareantes de Aldán e do Hío querelaríanse contra os do cerco "Pichela" por terlle cortado as redes da sacada, perdendo toda a pesca. O pleito ía dirixido non só ao atalieiro do cerco cangués Alonso Vidal, senón tamén contra os quiñoneiros Francisco do Souto, Gregorio Vidal, Juan Vidal, Diego de Medina, Juan Vello e Pedro Gago que tomaban parte neste cerco.

Constitución de cercos

Se temos en conta o número de accionistas e a xente que podía mover cada cerco (ata 70/80 homes) non cabe dúbida que este tipo de explotación do mar supuña un movemento importante de empregos e cartos. Entre os puntos acordados na "constitución" figura o de non marear os cercos desde o solpor do venres até as doce da noite do domingo, servindo o sábado para enxutar e corrixir as redes e gardando o domingo. Acordaron que a tempada de pesca cos cercos comezase o día primeiro de agosto, servindo os oito primeiros días para adereçar as redes, saíndo ao mar despois deste tempo, sempre que non fose sábado ou domingo.

Nestas datas ás que nos vimos de referir, a tempada de pesca saldouse coa captura de máis de cento trinta millóns de sardiñas que saían cara Portugal, Andalucía, Levante e provincias da metade norte da península, excepto Cataluña.

Cara 1584, formaríase en Cangas mediante crédito, un cerco de quince socios, actuando como atalieiros Rui de Refojos, Pedro Barba, marido da coñecida María Soliño e Antonio Soliño, o seu sogro, que tamén se adicaban á captura de polbo, congro e outros peixes noutras épocas do ano.

Pedro Barba e Antonio Soliño

Pedro Barba formaría despois outros cercos e sacadas en sociedade con Gregorio do Outeiro, co seu xenro Basco Gómez, co cuñado deste, Rodrigo Núñez e co seu sogro Antonio Soliño. Ademais de atalieiro e propietario dunha dorna, Pedro Barba tamén exercía de vigairo do gremio, pois representaba ao mesmo como mordomo na confraría do Santo Nome de Xesús ou do Bon Xesús pertencente á Fábrica da Colexiata que era a que percibía os décimos sobre o produto da pesca. Despois do asalto dos turcos, sería a Confraría das Ánimas quen pasase a percibir de cada cerco, a parte correspondente dun quiñón de rede destinado aos seus gastos e sostemento.

Nas épocas de ausencia de sardiña na ría, producíanse situacións de penuria entre a clase mariñeira pero sería en 1595 cando se denuncia que os mareantes de Cangas a causa de ter faltado sardiña e peixe "do que principalmente viven e se sustentan os devanditos veciños, se han falescido de pura ambre e miseria...".

O momento da saída do cerco cara as postas ou tratos convertíase nun espectáculo de berros de despedida e de sortes que se entremesturaban co choupar dos remos. As pinazas (con cinco ou oito homes, longais, estreitas e de fondo plano), máis veloces, abrían a marcha co atalieiro na proa asexando o horizonte na procura do barbullido, da barreira ou do negrón que sinalaba a eixada sardiñeira cuxa magnitude xa se podía calcular pola presencia dos arroaces, das gavotas, dos araos...

O mestre do trincado era o encargado de realizar a operación de largado do aparello que tamén moitas veces era dirixida polo mesmo atalieiro. Nos trincados ían os chamados muchachos do mar, que traballaban ás ordes do patrón quen tiña a obriga de ensinarlles o oficio e mantelos, dándolles algunha soldada e as doas a base de obxectos ou roupa, acordados de antemán: este acordo recibía o nome de aluqueiro.

Entón, o atalieiro procedía a largar ao mar o peltre para sinalar a posesión do cardume, ao tempo que executa a viva voz o chamo ao que acoden os lentos trincados (de corenta codos de quilla, de proas cadradas, con máis de vinte homes e con remos e vela trapezoidal), as lixeiras pinaças, os pirlos (especie de dorna de catro remos) e demais lanchas da frotiña.

Pronto, o mestre do trincado ordenaba a operación de largado do aparello, faena esta na que interviñan os proeles, compañeiros e rapaces do mar e tamén ás veces, aquel atalieiro que prefería dirixir personalmente a operación. A pesca íase recollendo con salabardos para os barcos pequenos e levada a terra, operación que duraba varios días segundo a captura.

Anteriores aos cercos eran as sacadas, arte de pesca da que non gostaban as autoridades pola facilidade coa que adoitaban escapar ao control impositivo sobre as mesmas.

O trincado procedía a estender os panos da rede no mar e logo duas pinazas levaban as betas de tiro para a praia desde a que os numerosos axudantes ían turrando delas seguindo as ordes do atalieiro e guiando o ritmo do tiro mediante a visualización dos ramallos de loureiro que sobranceaban nas dúas bandas.

Duración

Ambas operacións, largado e sacada, duraban aproximadamente unhas dúas horas a primeira, e nove ou dez a segunda. Familiares, achegados, terrestres, labregos e montunos, proveídos dos cintos (singles) acudían ás postas ao se achegar a época da pesca. Desde terra colaboraban turrando dos caralletes, recibindo en troco unha gratificación en especie da que tamén participaban os limosneiros do hospital, cobradores de rendas, cegos, mendiños, etc.

Como había moita xente participando, axentes da Mitra e do Concello adoitaban acudir ao control das sacadas para evitar as fraudes nos impostos ás mesmas. Tamén, xa en terra, os atalieiros, xunto coas patroas e os escribáns do peixe, encargábanse do fiel e tomaban boa nota dos paxes (cestos) de sardiña que saían cara a venda, a salgadura ou o secado. Regateiras, peixeiras e numerosos carrexóns ou recoeiros con cabalerías, tamén acudían á compra e reparto para logo revender o peixe.

*Historiador e mestre

Compartir el artículo

stats