Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Gaspar Massó, o meirande patrón conserveiro

Foi o primoxénito da terceira xeración dos Massó e quen levou a empresa ao seu máximo esplendor

Un momento o seu dicurso ao recibir a Medalla do Mérito ao Traballo (1947).

O que vai ser o gran patrón das industrias conserveiras galegas, don Gaspar Massó García, nace en Bueu en 1892. É o primoxénito da terceira xeración da empresa familiar iniciada en 1816 polo seu avó, Salvador Massó Palau, quen con dezasete anos emigrara dende Blanes (Girona) na busca dun futuro que a Cataluña arruinada pola Guerra do Francés non podía darlle. Instalado en Bueu, iniciou unha próspera industria de salgaduras. En 1883, a familia reorientou a súa actividade cara a conserva. Nesta nova etapa, a empresa dirixida polo seu tío Salvador e o seu pai, Gaspar Massó Ferrer, consolidou a marca e, aproveitando os beneficios xerados pola neutralidade na Gran Guerra, levantou a nova fábrica de Bueu e motorizou a flota sardiñeira.

A terceira xeración dos Massó foi educada para continuar a empresa. Gaspar, tras criarse en Bueu, cursou o bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra, continuo estudos de comercio nas Escolas Pías de Barcelona, completou a súa formación en Lovaina (Bélxica) e cun amplo coñecemento do mercado e a industria europea, regresou a Bueu para integrarse na sociedade familiar. En 1929 el e o seu irmán José María casan cas irmás Amalia e Ángeles Bolíbar Sequeiros, vástagas doutra vella familia de salgadores orixinaria de Calella. Gaspar e Amalia terán tres fillos: Enrique, Fernando e Rosina.

En 1931, con 40 anos de idade, asume a xerencia de Massó Hermanos S.A, levando a dirección de todos os departamentos da empresa: oficinas, talleres e fábricas con todo o seu persoal, a supervisión da correspondencia e a compra de materias primas para envasar en latas con nomes agora míticos como Le Drapeau, Massó, Kayrel, El Porrón... Baixo a dirección de Gaspar, dotado dun agudo don de xentes e visión global do negocio, Massó Hermanos entra nunha época de expansión. Cando en 1934 visita Galicia o presidente da República, don Niceto Alcalá Zamora, acude a Bueu a coñecer a fábrica. Na crise pesqueira de 1935 Gaspar exerce de mediador entre patróns e empresarios. Entre 1936 e 1940 preside a Unión de Fabricantes de Conservas.

En 1941 Massó inaugura a fábrica de Cangas, unha das primeiras grandes construcións en formigón armado, e daquela a máis moderna e grande de Europa. O complexo industrial integra instalacións de conserva, envasado, varadoiros, cámaras frigoríficas, taller mecánico e de fariña e aceite de peixe. Multiplica a produción e, no ano 1943 recibe o titulo de Empresa Exemplar. Arredor da fábrica levántanse máis de 50 casas sociais con enxido para os traballadores, un hotel e un comedor onde xantar ou quecer o propio almorzo. Abren un economato e crean unhas escolas de Padroado.

Massó introduce a asistencia social nas súas fábricas, contratando os servizos de Ana María Soto Landeira para axudar ás familias das traballadoras. A súa presenza tivo moi boa acollida e é unánime o aprecio polo seu labor solucionando problemas familiares, de pensións, de enfermidades ou de xestión de bolsas de estudo.

Puxo en marcha unha gardería onde comían os nenos até a idade escolar e con visita pediátrica semanal. "Vostede monte a gardería como si fose para os meus netos, que non falte de nada", foron as palabras que Ana María escoitou de boca de don Gaspar ao recibir o encargo. Por todo isto a conserveira recolle no 1959 o título de Empresa Modélica en Seguridade Social.

Entre 1940 e 1960 continúa a expansión da empresa, que amplía as instalacións, o número de barcos, desenvolve tecnoloxía propia, patenta máquinas, prensas de envases e novos sistemas de fabricación coma as canles de eviscerado e os fornos de cocción continua que lle dan á industria galega un recoñecemento internacional.

No 1941, en sociedade con Barreras-Massó, Alfageme e outros armadores vigueses inician a aventura de MAR, dirixida por Javier Sensat Curbera, que chegou a administrar durante 30 anos unha das meirandes flotas de Europa dedicada á distribución de pesca fresca e conxelada. En 1945 abren unha fábrica de anchoa e bonito en Ávilés, e en 1955 outra nova fábrica de xarda e sardiña en Barbate. Nese mesmo ano comeza a actividade da baleeira de Cangas e uns anos despois a de Morás en Xove. As necesidades da xestión aconsellan centralizar en Vigo as oficinas e a familia levanta un novo e fermoso edificio na Alameda viguesa, ao que Gaspar traslada a súa residencia.

Os irmáns Massó participan na política nos anos da Monarquía, da República e da Posguerra: o seu irmán José María, será alcalde de Bueu e deputado provincial mais de vinte anos. Gaspar, procurador nas Cortes (1941), deputado provincial e concelleiro de Vigo. Comprometido coa cultura dende os seus tempos de bachiller, ao carón de Sánchez Cantón, Castelao ou Filgueira Valverde, participa na fundación do Museo de Pontevedra, na acollida da Misión Biolóxica de Galicia, na fundación do Museo Massó de Bueu, colabora como correspondente ca Real Academia Española, realiza viaxes trasatlánticas representando o sector, escribe, investiga e conferencia sobre a conserva ("Comentarios gastronómicos", "Origen y desarrollo de la industria conservera") e culmina publicando, xa con 80 anos, a obra "Pedro Madruga de Soutomayor, caudillo feudal".

En 1991 falece, aos 99 anos. O seu pasamento cataliza o ocaso da máis emblemática das conserveiras. Dende a crise de 1973 a conserva galega zozobra ante os cambios e vaivéns dos mercados, as transformacións laborais, técnicas e financeiras, as novas políticas europeas e pesqueiras... As fábricas pechaban e chega o solpor para unha das marcas insignia do país.

A empresa colapsa, a dispersión da dirección e a sobredimensión precipitan a caída. A Xunta de Galicia intervén avalando un plan de viabilidade e adquirindo o Museo Massó de Bueu. Massó non acerta a superar a crise. Para o ano 1997 a empresa cesa toda actividade.

*Secretario de A Cepa e filósofo e neto de Gaspar Massó

Compartir el artículo

stats