Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As vítimas silenciadas do 36

Montse Fajardo falou en Cangas da represión franquista sobre as mulleres dentro das xornadas de memoria histórica

Montse Fajardo durante un momento da charla de onte. // G.Núñez

A represión desencadeada tras o golpe de Estado de 1936 e a posterior Guerra Civil foi especialmente cruel cos mulleres, que sufriron a actividade represora de maneira máis ampla. Ao igual que os homes foron asasinadas, encarceradas, depuradas e sufriron o exilio. Pero ademais diso, para elas idearonse outro tipo de castigos cun corte especialmente machista: foron rapadas, tatuadas, violadas e obrigadas a inxerir aceite de ricino. Así o lembrou onte a xornalista e escritora Montse Fajardo na súa charla no salón de plenos de Cangas dentro dos actos da memoria histórica que organiza a asociación 28 de Agosto. Foi unha conferencia titulada "A memoria das mulleres na represión franquista", unha charla coa que autora quere levantar o pano de esquecemento que existe no tocante á represión sobre as mulleres. "O silencio sobre elas foi máis fondo. Incluso cando se traballa na memoria se lle soe dar prioridade aos homes porque foron máis no paredón, na cuneta ou no presidio", explica Fajardo. Non obstante, a autora suliña que as mulleres tamén sufriron esta mesma represión e outra ideada ex profeso para elas, como as citadas rapas ou inxestas de rícino. Pero non só iso. "Foron ademais utilizadas polos fascistas como método de presión sobre os homes: encarcerábanas e vexábanas para obrigalas a delatar ao fuxido da familia ou para que, ao sabelo, el mesmo se entregase. Non só perseguían ás mulleres con actividade sindical ou política, o simple feito de ter parentesco cun home sinalado tamén as colocaba no punto de mira dos agresores", expón Montse Fajardo.

Na súa conferencia repasou as distintas tipoloxías de represión contra a muller, ilustradas con exemplos e fotografías de galegas que as sufriron en primeira persoa. Amáis, Montse Fajardo defende a necesidade de ampliar o termo de vítimas e incluir a todas "ás que quedaron": nais, orfas, viúvas... "Mulleres que ademais de quedar sen o ser querido perderon tamén o principal sustento do fogar", argumenta. A Guerra Civil tamén implicou outras consecuencias funestas para o sexo femenino. "As liberdades que se empezaban a albiscar desapareceron baixo o abafante manto gris do fascismo, que relegou á muller ao papel de esposa e nai", indica Fajardo.

As actividades da Asociación Memoria Histórica 28 de Agosto proseguen hoxe no salón de plenos coa presentación do libro "Os nomes do terror. Galiza 1936. Os verdugos que nunca existiron". Será ás 20.00 horas e estarán Xoán Carlos Garrido, Xosé Álvarez Castro e Xoán Costa Casas.

Compartir el artículo

stats