Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da piratería e do corso antigos (II)

Dasairas narra as expedicións de Xelmírez en territorio musulmán e dos corsarios franceses en Galicia

O éxito das expedicións galegas de Xelmírez en territorio musulmán (cara a Lisboa) con perto de douscentos homes embarcados, expertos na mariña e na guerra, non só conseguiría devolver con lume e ferro as incursións dos agarenos, senón que o arcebispo resarciría as suas arcas coa décima parte das capturas (naves de carga, prisioneiros, botíns, liberación de presos...) e a amortización da construción das naves. Anos despois e ante a falta de conservación destas galeras tivo que recorrer a un experto chamado Fuxon que era natural de Pisa para que armase unha destas naves coa mesma intención de exercer o corso en terras dos árabes. Entre as accións de guerra protagonizadas por esta "armada galega" destaca a que tivo lugar na ria de Vigo onde os irienses localizan a uns piratas árabes que se tiñan agochado durante días en Sálvora, Ons e Cies. As catro naves da flotiña árabe foron interceptadas cando xa retornaban de abastecerse perto de Pontesampaio e deste combate só conseguiría salvarse un dos barcos inimigos, moi lixeiro, que se escorreu entre as galeras dos galegos.

A segunda acción destas galeas de Xelmírez tería lugar cara ao ano 1112 cando o nobre Arias Pérez se declara en rebeldía contra o bispo e máis a raíña Urraca, ausente de Galicia, declarándose partidario do rei de Aragón xunto cos nobres Paio Gudesteiz e Rabinado Núñez. Estes dous tíñanse refuxiado cadanseu nos castelos de San Paio de Luto e de Darbo (Aravo), respectivamente, facendo pacto de pillaxe con tres barcos que se supoñen que fosen da flota de Hacon Paalssen, conde das illas Orcadas, rumbo a Terra Santa. O carácter nórdico destes, acostumados ao saqueo e a posibilidade de enriquecerse como pactaron cos proscritos galegos, xustifica sen dúbida esta puntual adhesión pois andaban a entrar nas igrexas e arrebataban todo canto atopaban, hasta as persoas que nelas se refuxiaban: Nada os detiña e só atendían a xuntar cartos por calquera medio. E outra vez, con expertos mariñeiros de Iria e da Lanzada, as naves de Xelmírez enfilaron a Ria de Vigo rumbo ao castelo de San Paio cando no camiño atoparon unha birreme dos piratas que cargaban o botín fruto dun saqueo nunha igrexa. Atacárona cunha nube de dardos e pedras e abordárona despois, facendo o mesmo coas outras duas naves que viñan no seu auxilio e prendendo á maioría dos piratas. Entanto, Xelmírez asediaba San Paio de Luto que acabaría claudicando e enviaría un bo golpe de xente de a pé e de a cabalo para render o castelo de Darvo que estaba en mans de Rabinado Núñez. En 1120 ainda se teñen noticias de piratas almorávides dos que unha nave mercante normanda se tén que refuxiar nas torres do Oeste.

Nos séculos seguintes non hai constancia documental de notables episodios de piratería agarena nas nosas costas debido ao avance na reconquista dos territorios árabes. As loitas nobiliarias, as revoltas populares ou os bandos dinásticos van focalizar agora o devir cotián do país. Contodo, cando se comeza a xerar a mediados do século XV o porto de Cangas, a sua poboación ainda vai ubicarse por precaución, nun lugar próximo ao mar pero máis elevado e protexido e non na zona de praia.

Desde comezos do século XVI, durante a guerra con Francia van ser os corsarios deste país os que operen nas costas galegas producíndose asaltos aos barcos da pesca e do comercio, sectores que xa alcanzaban grande actividade en Galicia. Desde 1521 xa se solicitaría a creación dunha armada para combatelos e en 1537 vai ser o conde de Altamira quen poña no mar unha pequena escuadra que apenas operou un ano. A actividade do corso francés vai ficar patente cando en 1551 cando unha nao comercial catalana vese atacada por outra daquel país máis grande con duas gavias e 60 toneladas ante a que tiveron renderse despois de presentarlle breve batalla. Os cataláns perderían a nao, o viño e os cartos que traían para mercar sardiña arencada sendo abandonados os doce tripulantes na Illa de Sálvora. Cinco destes, malferidos, serían recollidos por mariñeiros de Cangas, chegando a este porto o cinco de outubro deste ano onde declararon o acontecido baixo xuramento.

Un ano despois (1552) o capitán xeral de Galicia volvería solicitar a creación dunha armada en Galicia pero considerouse que o país non tiña recursos para tal empresa e o máis que se fixo foi suxerir que os pescadores faenasen armados, ainda que nalgures se armaron barcos específicos para combater aos corsarios. En 1554 é unha armada francesa a que saquea Fisterre, Laxe, Corcubión e Muros. Entre 1562 e 1564 vanse facer en Vigo dous baluartes rente ao mar cun par de canóns en cada un deles. Finalmente, no ano 1583, a coroa auspiciaría a formación dunha escuadra de cinco barcos destinada a operar contra os corsarios, mandada polo bilbaino Martín de Bretendona que era o dono dos barcos. Mais, esta flotiña estaría pouco tempo operativa en augas galegas pois foi destinada a outras zonas e mesteres e sobretodo ao servizo do rei Filipe II. Este rei tivo que enfrentar os levantamentos independentistas portugueses e deulle o seu apoio aos católicos escoceses en 1588 coa chamada Armada Invencible, asuntos que van provocar a reacción inglesa e as intervencións do corsario Francis Drake na ria de Vigo con 12.000 homes que culminarían en xuño de 1589 co asalto e destrución da cidade e a sua contorna. Cóntase que estes non ousaron asaltar Cangas onde se xuntou a xente e "sacaron los pendones y estandartes de la iglesia, llevantaron unas banderas de sábanas y cobertores y pensando los enemigos que eran banderas no osaron acometerlas".

A derrota da flota turco-otomana en Lepanto no 1571 e outros fracasos navais, avivarían as ánsias de revancha daqueles e coa axuda dos bereberes e corsarios de diferentes países, inimigos da relixión e da coroa española, ampliarían á fachada atlántica ás suas razzias. Deste xeito, en 1598, ano en que a peste en Vigo obrigou a moitos veciños a se refuxiar no Morrazo, xa se detectan de novo os piratas turcos na costa galega, tomando como base as Cies e as outras illas da costa. En 1603, Inglaterra tiña proclamado o fin do seu corso e moitos destes piratas marcharon a Berbería, axudándolle a construir barcos de máis porte, conformando unha piratería de protestantes e musulmáns que coa excusa de combateren o catolicismo, só buscaban enriquecerse. Outro incentivo no apoxeo da piratería turca, ademáis dos barcos do comercio con América, sería a expulsión de España neste mesmo ano de 300.000 moriscos que en revancha, contribuirían nas accións corsarias de diferentes xeitos pero tendo sempre como principal obxectivo o comercio de escravos.

Ante a total indefensión do litoral, salvo algunha pequena flotiña de defensa, a Xunta do Reino de Galicia declaraba a incapacidade do país para mantener unha forza naval e xa en 1603 solicitara que o rei, como era a sua obriga, mandase dous navíos "en corso para limpiar las costas de la mar". A Coroa española atendería esta demanda, remitíndolle ao capitán xeral o permiso para outorgar as patentes pero non enviou ningún barco, continuando a mercede dos corsarios de distintos países. O día nove do mes de xuño do 1607 vai ter lugar un curioso episodio con barcos de guerra holandeses que, fondeados nas Cies, exixían das autoridades de Cangas, baixo ameazas, a entrega de bastimentos para a sua flota. Mais, o xefe militar do distrito, Pedro de Montenegro, que se atopaba precisamente na vila, contestoulle aos holandeses que contaban con numerosas forzas e armas sendo que aqueles se creron a misiva, optando por desistir da sua demanda.

Litoral desprotexido

Con escasas defensas en terra, conformadas basicamente por tropas de milicia e coa extensa zona litoral desprotexida, sobreviría o ataque turco á Ria de Vigo en 1617 de tráxicas consecuencias para Cangas. E coas facilidades evidentes, ainda despois deste asalto, os ataques do corso turco continuarían asolando as nosas ribeiras, sabendo que a partir do ano 1620 asaltan Corrubedo e que en abril de 1622 dez naves turcas culminarían o saqueo da costa entre Portonovo e O Grove. En 1623 volverían a asaltar Corrubedo e en 1624 tería lugar a coñecida acción dos frades de Santa María de Oia que escorrentaron aos corsarios turcos con artillería cando ían apresar unhas naves. A presenza destes piratas nas nosas costas volve constatarse o 3 de decembro de 1625 ao apresaren a 42 mareantes de Pontevedra e ainda o primeiro de maio de 1634, un navío turco vai esnafrarse na costa de Ons e 36 tripulantes turcos van ser capturados por 79 mariñeiros de Portonovo que os puxeron á venda como escravos. O 15 de agosto de 1642, os veciños de Marín tiveron que sair en axuda dun barco mercante holandés acosado polos corsarios "moros" tal como recolle o párroco ao dar conta da morte por balazo dun veciño da vila participante na acción. Ainda en 1677 a Gazeta de Madrid (BOE da época) recollía un informe do capitán xeral de Galicia que dicía: "En estas costas estamos todos con las armas en la mano por bordear en ellas muchas velas de moros y por el rezelo de que no executen los acostumbrados robos".

Durante bastantes anos máis, corsarios de toda caste, agarenos, franceses, holandeses ou ingleses, seguirían actuando nas costas galegas ante a impasibilidade das autoridades e as escasas defensas dos nosos portos.

Compartir el artículo

stats