Máis de medio centenar de turistas procedentes de La Bañeza, en León, foron os primeiros convidados ás visitas guiadas que, baixo o título "A defensa da vila", percorre os escenarios do casco histórico de Cangas que arrasaron os piratas turcos berberiscos hai 400 anos, en decembro de 1617. A iniciativa, promovida polo Concello e que desenvolve a asociación A Illa dos Ratos, parte do palco da alameda e achégase ata a igrexa de Santiago, antigua colexiata, sube ao barrio do Outeiro, revisa as casas de patín e as rúas máis emblemáticas ata a praza do Costal, donde se explican os pormenores do ataque á vila e as consecuencias do saqueo, rematando o percorrido cun repaso á historia de María Soliño, na praza de Síngulis.

A proposta está a lograr unha gran resposta de público, non só de foráneos, senón tamén de cangueses que queren coñecer o pasado histórico da súa vila por boca de Óscar e Lu, os dous membros da organización que exercen de guías e destapan algunhas anécdotas que fan moi levadeiro o percorrido. Así, lembraron que o barrio do Outeiro chámase así por estar na zona alta do centro urbano, desde donde se pode "outear" o horizonte fronte aos ataques por mar, mais bastante preto para chegar ata alí cos aparellos, aos que lle servían de albergue as casas de patín. A pedra domina a paisaxe residencial, pois as terras produtivas eran reservadas para a agricultura.

No Costal explícanse os días do asedio e ataque ao Morrazo, primeiro a Domaio (Moaña), e logo a Cangas e Darbo, saqueando igrexas e facendas, violando mulleres e matando ou mutilando aos resistentes. O drama de María Soliño, cun final con varias versións, chama a reflexionar e convida a apuntarse á próxima ruta.