Segundo as informacións recollidas, a presenza da actividade teatral neste Instituto de Ensino Secundario construído en 1980, comezou durante o ano lectivo 1989-1990.

Coincidindo que o Día Das Letras Galegas de 1990 homenaxeaba ao poeta Luís Pimentel , Carmen Entenza, Daniel Iglesias e David Pérez Iglesias , profesores do centro, cavilaron a posibilidade de levar adiante a montaxe dun espectáculo de Teatro Negro baseado en poemas de Luís Pimentel. O equipo directivo dese momento contratou a Fernando Fernandes- músico e monitor de plástica que colaborara con Teatro de Ningures en "Ubú Rei"- para que desenvolvese un obradoiro no que construír os elementos necesarios da posta en escena. A idea da montaxe deste tipo de teatro que esixe : uso de cortinas negras, escenario con escuridade total, luz negra, traxes negros e obxectos fosforescentes xurdira pola pegada que deixara nalgún dos profesores a actuación do Teatro Negro de Praga.

Na representación participaron- ben sexa na lectura dos poemas coma na manipulación de obxectos- ao redor de quince alumnas e alumnos ademais dos profesores xa nomeados.

Despois da estrea houbo intención de realizar algunha actuación máis- mesmo convidando á representación a outros centros de ensino- pero a experiencia non tivo continuidade. Motivos? Quizais fose pola dificultade de manter completamente escurecida a aula de usos múltiples durante moito tempo, impedindo deste xeito outros usos? En calquera caso, a actividade teatral, que nós saibamos, estivo paralizada no centro durante un longo tempo.

Foi anos despois, durante o curso 2007-2008, cando quen subscribe presentou o proxecto de organizar un grupo de teatro . A iniciativa, aceptada pola dirección do centro, foi logo moi ben acollida pola directiva da ANPA dese momento na que Raquel Marrero, nai dunhas das alumnas, xerou un papel dinamizador fundamental.

Á convocatoria responderon dez alumnas matriculadas en diferentes cursos de ESO e de Bacharelato. Só rapazas. Por que? Que os rapaces, habitualmente, asistan menos ás actividades de teatro e danza terá que ver con que son máis vergoñentos nesta etapa da adolescencia? Ou é debido a que aínda existe o prexuízo de que son actividades "femininas"? Nestas cuestións de xénero é evidente que se avanzou mais queda aínda camiño por andar.

Pois ben, coido lembrar que os ensaios comezaron en novembro: hora e media de duración, polo serán, unha vez por semana.

Os textos que propuxen para montar foron "Belicosario" de Manuel Lourenzo e "Historias móbiles" Creación do grupo. Dúas historias curtas, contemporáneas, moi diferentes, que ofrecían a posibilidade de repartir papeis para todas as integrantes do grupo e que ademais podían presentarse conxuntamente nunha mesma sesión.

No programa de man que entregabamos podíase ler ?"A primeira peza son escenas inspiradas na guerra de Bosnia (1992) que poderían acontecer en calquera guerra. O contamos guiados pola man de Manuel Lourenzo con diálogos ácedos case surrealistas."

No texto, que pode ser cualificado de humor negro ou disparate sobre a guerra, todos os personaxes falan convertendo as letras " xe" e "ese" en "ceta" logrando un interesante distanciamento co público.

Sobre un escenario ocupado na súa totalidade por un plástico negro foron xurdindo os diferentes personaxes: un zoldado,unha roza violada, unha artizta, dúaz mullerez?

Polo demais, con esta primeira obra as alumnas tiveron a ocasión de aproximarse a un dos autores e poliédrico home de teatro , fundamental no noso teatro contemporáneo.

A segunda peza "Historias móbiles" fala de cómo o teléfono móbil pasou a ser imprescindible nas nosas vidas . Ofrece moitas posibilidades e como todas as cousas compre saber utilizalas pois de nada vale "demonizar" o móbil.

O texto foi de creación colectiva a partir de escritos breves, comentarios sobre as diferentes utilizacións do móbil e improvisacións. Sobre un escenario baleiro, as actrices ían construíndo as escenas e os espazos segundo o guión estabelecido.

O nome escollido para o grupo foi "Filigranas" Grupo de Teatro IES A Paralaia. A estrea foi en abril de 2008 dentro dese extraordinario evento que é a Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo que nesta doceava edición foi organizada polo IES AS Barxas a cuxo escenario subiron todas as obras programadas dos outros centros de ensino. Nesta ocasión o público foron compañeiras e compañeiros da Paralaia e doutros institutos, un público xuvenil.

O reparto nestas dúas obras foi o seguinte: Saray Argibay, Lucía Cordeiro, Sarai Chapela, Leticia Lorenzo, Daniela Rodas, Sandra Soliño, Fátima Ares, Zeltia Currás, Sara González e Angela Moreira. O Técnico de luces e son: Marcelo Carabelos.

Houbo 2 representacións máis, agora para o público en xeral: no Auditorio Municipal de Cangas en maio de 2008 e no Auditorio Daniel Castelao de Quintela no mes de febreiro de 2009.

Daniela Costas , alumna de 1º de bacharelato cando participou no grupo de teatro e que na actualidade é titulada en Interpretación pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e actriz na Compañía Via 6, lembra así a súa experiencia no teatro escolar: " O traballo que fixemos a partir dos textos do "Belicosario", foi o primeiro encontro que tiven co teatro social e coido que ese foi o xérmolo de moitas decisións futuras, como por exemplo a de escoller este medio como profesión".

No seguinte curso 2008-2009 anotáronse para formar o grupo de teatro, catro alumnas que xa formaran parte do elenco anterior: Saray,Zeltia,Leticia e Sandra e ademais sumáronse Laura Costa, Gabriela Currás, Nerea Chapela, Lorena Martínez, Ángela Román, Ana Santomé e Uxía Santomé. Un total de 11 persoas, de novo todas mulleres.

O texto proposto para traballar foi "La abuela Sol y las trece rosas" de Maxi de Diego. A tradución ao galego realizouna moi amablemente o Departamento de Lingua Galega e o Departamento de Electricidade tamén colaborou nos aspectos técnicos de luz e son. Neste sentido quero lembrar que a actividade de teatro nun centro de ensino debería favorecer a colaboración entre todos os departamentos posibles : deseño, música, galego, etc. Desde logo na miña experiencia é un obxectivo sempre perseguido non só por motivos pedagóxicos desenvolvendo o diálogo entre diferentes disciplinas e fomentando o traballo en equipo entre colegas se non tamén porque o teatro en si mesmo- a posta en escena dun texto, a súa produción e distribución- esixe esa complementariedade de coñecementos.

A sinopse da peza : Alba estrea a súa xuventude co século XXI e escribe unha obra de teatro seguindo as confidencias que lle fai a súa avoa Sol denantes de morrer.O seu texto, destinado a ser representado polas súas compañeiras/os de instituto contribúe a manter viva a memoria das Trece Rosas. Elas son trece mozas republicanas fusiladas ao rematar a Guerra Civil española, sen xuízo nin defensa. A súa lembranza simboliza a inxustiza que impera en todas as ditaduras e guerras.

Velaquí coma o teatro, a arte dramática , sen reducila nin moito menos á aspectos "didacticos, posibilita, entre a mocidade, a comprensión da nosa historia contemporánea. Encarnándose na propia pel das Trece Rosas. O autor, Maxi de Diego- profesor de educación secundaria e doutor en Didáctica da escrita teatral- tentou con esta obra realizar o desexo de Julia Conesa, unha das Trece Rosas: "Que o seu nome non se borre da historia"

A obra foi estreada o 28 de abril de 2009 no Salón de Actos do IES María Soliño dentro da XIII Mostra de Teatro de Ensino Secundario ,volveu representarse no Auditorio Municipal de Cangas e participou cunha breve escena no Revoltallo en Pedra na Mostra Internacional de Teatro de Cangas.

Ademais das actrices citadas compre nomear a Domingo Paz,responsable do decorado e a Margot, nai da ANPA, que realizou de balde o vestiario de época para as Trece Rosas.

Recollo a testemuña actual de Saray Argibay e Zeltia Currás, hoxe mulleres adultas que en 2008 e 2009 participaron sendo alumnas no grupo de teatro:

"Pois a min gustoume moito a esperiencia. Non me metín en teatro pensando en aprender a actuar, a verdade e que solo quería pasalo ben. E cumprin o meu obxectivo, ademais de aprender tamén, non solo a meterme na pel do meu personaxe, senón a meterme na pel dos demais. Creo que é unha actividade moi positiva e a xente coa que tratei sempre me fixeron sentir cómoda. Polo que lle recomendo a todo o que poida que se anime, por que é realmente gratificante" (Saray).

"No se muy bien que decir de mi paso por el grupo de teatro, si que puedo decir que recuerdo pasármelo genial en todos y cada uno de los ensayos, y sobre todo en las actuaciones, y por supuesto recuerdo los nervios de las actuaciones y lo bien que sienta el que al final, la gente aplauda por algo para lo que tu te esforzaste tanto." (Zeltia).